DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2005 Páx. 56

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 317/2004, do 22 de decembro, polo que se resolve o expediente de deslinde entre os termos municipais dos concellos de Covelo e Fornelos de Montes.

O Concello de Covelo, con data do 14 de xullo de 1997, inicia expediente de deslinde para determinar a liña límite no tramo comprendido entre os marcos 3º e 17º do seu termo municipal co do concello de Fornelos de Montes. O Concello de Fornelos de Montes remitiu a documentación á Xunta de Galicia con data do 12 de setembro de 1997 e o Concello de Covelo con data 22 de outubro de 1997.

Tramitado o expediente de acordo co procedemento establecido nas leis 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe con data do 28 de setembro de 1998 e complementario con data do 19 de xuño de 2000, presentando alegacións ao primeiro o Concello de Fornelos de Montes.

Visto o disposto nos artigos 41.1º e 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, segundo os cales os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslinde dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial e da Comisión Galega de Delimitación Territorial, e logo do ditame do Consello Consultivo de Galicia.

Visto o expediente de deslinde entre os termos municipais de Covelo e Fornelos de Montes, finalizado polo Decreto 245/2000, do 29 de setembro, a sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 20 de maio de 2004 e o informe da Asesoría Xurídica do 9 de setembro de 2004, e tendo en conta os informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial de Pontevedra, a sentenza do 20 de maio de 2004 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola que se anula o devandito decreto por ter incorrido en falta de motivación, o informe da Comisión Galega de Delimitación Territorial do 10 de novembro de 2004, así como a demais documentación e argumentacións do expediente, establécese a seguinte motivación:

1. Indicar en primeiro lugar que o que se tenta é atopar e sinalar a verdadeira liña delimitadora dos termos municipais de Covelo e Fornelos de Montes. Non se intenta alterar o territorio dos municipios, senón descubrir desde a orixe destes cal é tal territorio, e con esa base sinalalo sobre o terreo na parte que ambos teñen contigua.

2. O deslinde do ano 1940 produciuse sen facer referencia ao anterior de 1890, que consta formalizado debidamente no seu momento, e co que se mantiveron importantes diferenzas, e sobre esa contradición prodúcese logo no ano 1954 unha actividade de reafirmación por caleado dos fitos correspondentes ao deslinde de 1890.

Na liña de coherencia e boa fe na actuación administrativa, o deslinde de 1940, ao non referirse ao de 1890, carece de poder anulatorio, creando unha situación de confusión que se formulou no expediente.

Por outra banda, hai que ter en conta que, se ben o acto de encalamento do ano 1954 non é un deslinde en sentido formal, supón un antecedente de grande importancia, sobre todo se, como é o caso, coincide ademais co deslinde realizado con anterioridade e que non foi anulado.

3. O Consello Consultivo de Galicia, no seu ditame do 17 de marzo de 2000, no último parágrafo da súa consideración segunda deixa ben sentado que o seu cometido se proxecta no campo das garantías, co exame do cumprimento dos requisitos formais

e materiais exixidos pola normativa vixente, e non tanto das estimacións técnicas.

4. O Instituto Xeográfico Nacional ten atribuída a competencia técnica nos expedientes de deslinde e así, no seu informe complementario, do 19 de xuño de 2000, ratifícase no exposto no anterior informe do 28 de setembro de 1998, no que, entre outros extremos, considera que cando o Instituto Xeográfico en 1940 chega a actuar, as comisións deberon de guiar o topógrafo polos límites xa establecidos e consensuados en 1890 para completar a información sobre o dito límite nos correspondentes cadernos de campo e planimetrías.

Por último, indica que nos informes emitidos se tivo en consideración a xurisprudencia ao respecto, en diversas sentenzas do Tribunal Supremo nas que se pronuncia no sentido de que a Administración, para resolver os deslindes, se baseará naqueles practicados con anterioridade e de conformidade entre os concellos e, como conclusión, considera que non se trata da modificación ou substitución dun deslinde, senón da restitución dos límites establecidos con anterioridade.

5. Por outra banda, o Consello Consultivo de Galicia, no seu ditame do 17 de marzo de 2000, recoñece a posibilidade da validez da acta de 1890, na súa consideración sexta, onde se destaca especialmente que sendo «...un acto firme o deslinde concretado na acta de 1940, non é posible outra fundamentación que a posibilidade de que neste non se tivera en conta o aprobado no ano 1890 e si, polo contrario, na norma antes citada de 1870, de cara a determinar unha nova liña xurisdicional entre os concellos afectados mediante o instituto de deslinde...».

Con base no exposto nos parágrafos anteriores, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de vinte e dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Resolver a cuestión suscitada entre os municipios de Covelo e Fornelos de Montes, sobre o deslinde dos seus termos municipais, no sentido de considerar válida e vixente a liña límite xurisdicional que se describe na acta de deslinde de 1890 e na de deslinde e encalamento de 1954, tal e como se reflite no mapa topográfico a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional segundo figura no anexo deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Xesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local