DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2005 Páx. 55

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, pola que se ditan instrucións para os departamentos de orientación dos centros de educación especial.

O Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia sinala no seu preámbulo que a orientación constitúe un proceso que inclúe toda a comunidade educativa e que abrangue toda a poboación escolar, calquera que sexa o tipo e grao de diversidade que presente.

A Orde do 24 de xullo de 1998, pola que se establece a organización e funcionamento da orientación educativa e profesional, maniféstase no mesmo sentido e declara a necesidade de que os propios centros educativos conten con profesionais da orientación que colaboren co profesorado e as familias para lograr o maior desenvolvemento do alumnado e que lle permita ter unha imaxe completa e adecuada de si mesmos e das súas posibilidades no mundo sociolaboral.

En coherencia con ese enfoque, a Orde do 27 de decembro de 2002, pola que se establecen as condicións e criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais, establece no seu artigo 34 a creación dos departamentos de orientación nos centros de educación especial, así como as funcións específicas que deben desenvolver.

As particularidades dos equipos docentes destes centros, coa existencia neles dun alto número de profesorado de apoio con diferente perfil e que está directamente relacionado co proceso de ensinanza e aprendizaxe do alumnado, fai necesario precisar algúns aspectos referidos á composición e organización dos departamentos de orientación destes centros.

En consecuencia, en virtude das disposicións derradeira primeira da Orde do 24 de xullo de 1998 e derradeira primeira da Orde do 27 de decembro de 2002, así como das competencias que ten atribuídas polo Decreto 454/2003, do 26 de decembro, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto a regulamentación da composición e organización dos departamentos de orientación dos centros de educación especial e será de aplicación en todos os centros públicos de educación especial da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º.-Departamentos de orientación nos centros públicos de educación especial.

1. Nos centros de educación especial que conten cun departamento de orientación este desenvolverá as funcións establecidas con carácter xeral na Orde do 24 de xullo de 1998 e con carácter específico na Orde do 27 de decembro de 2002.

2. Cada centro de educación especial que non posúa departamento de orientación será adscrito pola delegación provincial correspondente, a partir dos informes pertinentes do servizo de inspección educativa, a un departamento de orientación dun centro público que imparta ensinanzas de réxime xeral ou de educación especial, que o abranguerá no seu plan de actuación.

3. As delegacións provinciais comunicaranlles aos centros afectados as novas adscricións ou os cambios nelas existentes. Cando as variacións nas adscricións sexan posteriores ao primeiro trimestre do curso escolar terán efectos a partir do inicio do curso seguinte.

Así mesmo, dentro do primeiro trimestre de cada curso as delegacións provinciais informarán a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa dos cambios realizados nas adscricións.

Artigo 3º.-Composición dos departamentos de orientación.

1. Os departamentos de orientación dos centros específicos de educación especial, estarán constituídos por:

a) O xefe do departamento, que será un funcionario que reúna as características establecidas na letra a) do artigo 4 do Decreto 120/1998.

b) Un profesor titor por cada oito unidades escolares ou fracción, designado pola dirección por proposta da Comisión de Coordinación Pedagóxica.

c) Un profesor sen función titorial e que exerza funcións de apoio ao alumnado, designado pola dirección por proposta da Comisión de Coordinación Pedagóxica.

d) Un profesor especialista en audición e linguaxe, designado pola dirección por proposta da Comisión de Coordinación Pedagóxica.

2. Nos centros de educación especial nos que todo o profesorado titor sexa especialista de audición e linguaxe, o departamento de orientación estará formado polos membros enumerados nas epígrafes a), b) e c) do punto anterior.

Artigo 4º.-Coordinación.

1. Os membros do departamento de orientación con destino no propio centro celebrarán unha reunión semanal na hora destinada para tal fin no seu horario, que será de asistencia obrigatoria e que estará dedicada ás funcións propias do departamento.

2. A dirección do centro adoptará as medidas oportunas para que dentro do horario do xefe do depar

tamento de orientación existan tempos para a coordinación co profesorado que non pertenza a este departamento.

3. Do mesmo xeito, a dirección do centro establecerá canles de coordinación e colaboración entre o departamento de orientación e o persoal non docente do centro que atende ao alumnado.

Artigo 5º.-Orzamento.

Os centros específicos de educación especial que conten con departamento de orientación reservarán unha cantidade do seu orzamento para o funcionamento deste, tendo en conta o plan anual de orientación do centro.

Disposición transitoria

Única.-Durante o curso 2004-2005, os centros de educación especial con departamento de orientación propio e que deban modificar o seu plan anual de orientación como consecuencia desta resolución, comunicarán os cambios á Inspección Educativa no mes seguinte á entrada en vigor desta resolución.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.

Alberto González Armesto

Director xeral de Centros e Ordenación Educativa

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL