DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2005 Páx. 55

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 316/2004, do 22 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da variante de Vilagarcía de Arousa. Clave: PO/01/003.01.

Con data do 14 de decembro de 2004 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o expediente de información pública e, definitivamente, o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da variante de Vilagarcía de Arousa. Clave: PO/01/003.01.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial, xa que, de acordo coa análise de accidentalidade do proxecto, se deduce que con esta nova actuación se reducirán os elevados índices de perigosidade do treito da antiga estrada C-550 a que pretende servir de variante.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da variante de Vilagarcía de Arousa. Clave: PO/01/003.01.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda