DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2005 Páx. 54

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 314/2004, do 9 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Construción de nova ponte sobre o ferrocarril na AC-960. Treito: A Susana. Clave: AC/04/055.06.

Con data do 30 de setembro de 2004 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou definitivamente o proxecto de construción Construción de nova ponte sobre o ferrocarril na AC-960. Treito: A Susana. Clave: AC/04/055.06.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial. A construción da nova ponte é precisa para asegurar o tránsito en ambos os sentidos, sen necesidade de ceder o paso de maneira alternativa como sucede na actualidade. O novo largo da ponte tamén asegura espazo suficiente para o paso de peóns.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, a proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día nove de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación do proxecto de construción Construción de nova ponte sobre o ferrocarril na AC-960. Treito: A Susana. Clave: AC/04/055.06.

Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda