DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2005 Páx. 5

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 313/2004, do 2 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades.

O Consello Galego de Universidades, creado pola Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, é o órgano colexiado de consulta e asesoramento da consellería competente en materia universitaria para o desenvolvemento da política de coordinación e planificación do Sistema Universitario de Galicia. En cumprimento do disposto no artigo 17 do citado corpo legal e para efectos de que poida desenvolver máis eficazmente as súas funcións específicas, considérase necesario dotalo dun regulamento que permita un mellor funcionamento do Consello de cara a:

-Facilitar o cumprimento das leis que afectan o Sistema Universitario de Galicia.

-Salvagardar a competencia de cada unha das institucións afectadas polo Consello Galego de Universidades.

-Analizar o traballo do Consello e das súas comisións.

-Racionalizar as tarefas do Consello.

-Favorecer a toma de decisións no Consello Galego de Universidades.

De conformidade co disposto na disposición transitoria segunda da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, por instancia do propio Consello Galego de Universidades, e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo da deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día dous de decembro do dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda aprobado o Regulamento do Consello Galego de Universidades, que figura anexo a este decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do Regulamento do Consello Galego de Universidades.

Segunda.-Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Regulamento do Consello Galego de Universidades

Capítulo I

Definición, natureza e competencias

Artigo 1º

1. O Consello Galego de Universidades, creado pola Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, é un órgano colexiado de consulta e asesoramento da consellería competente en materia universitaria para o desenvolvemento da política de coordinación e planificación do Sistema Universitario de Galicia.

2. O Consello Galego de Universidades rexerase pola mencionada lei e por este regulamento.

Artigo 2º

O Consello Galego de Universidades terá a súa sede no lugar onde radique a consellería competente en materia universitaria, a cal lle prestará a asistencia necesaria e sufragará, con cargo ao seu orzamento, os gastos ocasionados polo seu funcionamento, así como os derivados do cumprimento das súas funcións.

Artigo 3º.-Competencias do Consello Galego de Universidades.

Correspóndenlle ao Consello Galego de Universidades as competencias seguintes:

a) Asesorar o conselleiro competente en materia universitaria naquelas cuestións que decida someter á súa consideración, formulándolle cantas recomendacións considere oportunas para o desenvolvemento da política universitaria e do Sistema Universitario de Galicia.

b) Coñecer e emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas en materia universitaria, así como a programación e o financiamento pola Xunta de Galicia das universidades de competencia autonómica.

c) Facilitar o coñecemento mutuo, as consultas recíprocas e o intercambio de información entre as universidades galegas en todas as súas esferas de actividade, así como entre estas e a Xunta de Galicia, en especial en relación con aquelas intervencións que deban acometerse conxuntamente ou que afecten máis dunha universidade.

d) Realizar estudos e programas conxuntos de actuación, estudos sobre materias da súa competencia e, en particular, sobre as necesidades e problemas do Sistema Universitario de Galicia.

e) Emitir informe sobre as propostas de creación de universidades públicas e de recoñecemento de

universidades privadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas.

g) Emitir informe sobre as propostas de convenios de adscrición ou convenios ou acordos de desadscrición á universidade de centros docentes para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal.

h) Emitir informe sobre as propostas de creación ou supresión de institutos universitarios de investigación.

i) Emitir informe sobre as propostas de convenios de adscrición ou convenios ou acordos de desadscrición ás universidades, tanto de institucións ou centros de investigación coma de institutos universitarios de investigación.

j) Emitir informe sobre as propostas de implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

k) Coñecer os novos plans de estudos das ensinanzas impartidas polas universidades galegas así como as modificacións deles, unha vez homologados polo Consello de Coordinación Universitaria.

l) Emitir informe sobre as propostas de organización conxunta de estudos entre universidades.

m) Emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes dunha universidade galega para a impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal, así como sobre as de impartición en centros situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.

n) Emitir informe sobre os convenios de colaboración en materia universitaria con outras comunidades autónomas e con rexións ou países estranxeiros.

o) Promover a cooperación entre as universidades galegas, as restantes administracións públicas e outras institucións universitarias estatais ou estranxeiras para a organización conxunta de actividades e ensinanzas, especialmente no ámbito do terceiro ciclo e doutoramento ou conducentes á obtención de diplomas e títulos propios das universidades.

p) Emitir informe sobre as propostas de avaliacións e mellora da calidade dos servizos universitarios.

q) Emitir informe sobre os procedementos para a admisión de estudantes que establezan as universidades.

r) Emitir informe sobre as normas que regulen o progreso e a permanencia dos estudantes nas universidades.

s) Emitir informe sobre a racionalización das ensinanzas, dos servizos e das actividades universitarias existentes en Galicia, especialmente mediante o intercambio de persoal, de instrumentos e infraestruturas de investigación existentes ou de futura adquisición, de fondos bibliográficos e de datos informáticos.

t) Emitir informe sobre os prezos públicos das ensinanzas propias e dos estudos oficiais.

u) Emitir informe sobre os criterios e as directrices de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación.

v) Emitir informe sobre o Plan galego de I+D.

x) Emitir informe sobre a memoria anual presentada polas universidades galegas.

Capítulo II

Membros do Consello Galego de Universidades

Dereitos e deberes dos seus membros

Artigo 4º

Son dereitos dos membros do Consello:

a) Recibir a convocatoria, que conterá a orde do día das sesións ordinarias e extraordinarias.

b) Asistir con voz ás sesións dos órganos de que forman parte, exercer o seu dereito de voto e formular votos particulares.

c) Ser informados de canto aconteza no Consello Galego de Universidades e que interese para o seu bo funcionamento.

d) Conseguir, a través do presidente, canta información, datos ou documentos consideren necesarios para o exercicio das súas funcións.

Artigo 5º

Son deberes dos membros do Consello:

a) Asistir ás sesións do Pleno e ás das comisións de que formen parte.

b) Desempeñar o seu cargo, atendendo aos fins do Consello Galego de Universidades, con independencia da representación que teñan.

c) Executar cantos cometidos lles sexan encomendados por razóns dos seus cargos.

d) Gardar segredo das deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren.

e) Observar en todo momento a normativa de incompatibilidades que, de acordo coa lexislación vixente, os poidan afectar.

f) Poñer en coñecemento do Consello calquera información que poida afectar as actuacións ou competencias do Consello.

Perda da condición de membros do Consello

Galego de Universidades

Artigo 6º

Os membros do Consello perderán a súa condición por algunha das seguintes causas:

a) Por terminación de mandato.

b) Por renuncia.

c) Por incapacidade xudicialmente declarada.

d) Por morte ou declaración de falecemento.

e) Por cesamento no seu cargo, no caso dos membros natos.

f) Por condena xudicial firme que comporte a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público.

Artigo 7º

1. Cando un membro electivo cause baixa por falecemento, incapacidade, renuncia, ou por estar incurso en causa de incompatibilidade e por revogación da designación pola entidade ou institución á cal representa, designarase un substituto, respectando o procedemento previsto en cada caso para a súa designación.

2. Se quen causa baixa é un dos membros a que se refire o parágrafo anterior, o substituto será designado polo tempo que falte para a conclusión do correspondente mandato.

Capítulo III

Organización e funcionamento

O Pleno e as súas comisións

Artigo 8º

1. O Pleno reunirase periodicamente en sesión ordinaria para o despacho dos asuntos da súa competencia, de acordo co disposto na súa lei de creación.

2. Ao inicio de cada semestre, o presidente daralles a coñecer aos membros do Consello o calendario das sesións ordinarias para o dito período, podendo este sufrir modificacións non substanciais cando circunstancias motivadas, previamente valoradas polo seu presidente, así o aconsellen para o seu bo funcionamento.

Artigo 9º

1. O presidente acordará como extraordinarias as sesións que teñan lugar fóra do calendario semestral establecido.

2. Procederá, en todo caso, a realización de sesión extraordinaria cando así o acorde o presidente ou o soliciten por escrito a maioría dos seus membros.

No escrito de solicitude deberán constar os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día e a achega de todos os documentos, se os houber, relacionados coa orde do día proposta.

Comisións

Artigo 10º

1. O Consello Galego de Universidades estará composto de dúas comisións, a de Titulacións e Centros e a de Financiamento e Investimentos.

2. O Pleno designará de entre os seus membros os integrantes da Comisión de Titulacións e Centros e da Comisión de Financiamento e Investimentos, nas cales estarán representados adecuadamente os membros da designación administrativa, universitaria e parlamentaria. En todo caso, os reitores formarán parte de ambas as dúas comisións, e os presidentes dos consellos sociais da segunda.

3. A Presidencia do Consello Galego de Universidades pode invitar a asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz e sen voto, persoas expertas, membros das comunidades universitarias e representantes de calquera entidade ou institución pública ou privada, de acordo coa natureza dos asuntos que se traten.

4. As devanditas comisións realizarán estudos e propostas para o Pleno sobre as cuestións do seu ámbito de competencia nominal ou aqueloutras que lles fosen atribuídas por este.

5. Os acordos adoptados por estas comisións elevaranse ao Pleno do Consello Galego de Universidades.

Artigo 11º

1. Unha vez constituída unha comisión ou ordenada a súa reunión por parte do presidente, esta deberá facelo no prazo máximo de dous meses, debendo indicar o presidente a data de entrega do estudo ou proposta.

2. As propostas, estudos ou documentos que elaboren as comisións aprobaranse pola maioría simple dos seus membros con dereito a voto. No caso de existiren discrepancias co seu texto, os membros da comisión que formen parte do Consello Galego de Universidades poderán achegar ao texto a discrepancia mostrada, que tamén se incorporará á acta da comisión.

Do presidente

Artigo 12º

1. O presidente do Consello Galego de Universidades é o conselleiro competente en materia universitaria, e ten, para todos os efectos, a representación legal deste.

2. Exerce, no pleno e en todas as comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade no caso de empate.

3. Son funcións do presidente:

a) Garantir o cumprimento das funcións e competencias do Consello Galego de Universidades.

b) Convocar, fixando a orde do día, e presidir as sesións do Consello Galego de Universidades.

c) Convocar sesións extraordinarias do Pleno.

d) Abrir e levantar as sesións, dirixir a deliberación, conceder e denegar a palabra, determinar, de ser o caso, os tempos de intervención e decidir co seu voto de calidade no caso de empates.

e) Coordinar as actividades dos membros e dos órganos do Consello.

f) Nomear e dispoñer o cesamento do secretario do Consello Galego de Universidades.

g) Ordenar a execución dos acordos.

h) Invitar aos plenos e ás comisións, con voz pero sen voto, todas aquelas persoas que considere oportuno en razón dos temas que se traten.

i) Facer delegación expresa do seu cargo de presidente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou outro caso legal, ou calquera outra causa impeditiva da asistencia ao pleno unha vez convocado este.

j) Resolver as dúbidas que se susciten en aplicación dos preceptos deste regulamento.

k) Calquera outra que como presidente considere necesaria para o bo funcionamento do Consello Galego de Universidades.

Do vicepresidente

Artigo 13º

O vicepresidente é o director xeral competente en materia universitaria, quen substituirá o presidente por delegación expresa deste, así como no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Do secretario

Artigo 14º

1. O secretario do Consello Galego de Universidades será designado e destituído polo seu presi

dente entre funcionarios do grupo A. Se a designación recaese nunha persoa que non fose membro do Consello Galego de Universidades, actuará con voz e sen voto.

2. Exerce, no Pleno e en todas as comisións, as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado, e aquelas que lle encomende o regulamento interno e a restante normativa vixente.

3. Son funcións do secretario:

a) Preparar as reunións do Pleno e das súas comisións, así como dar fe dos acordos adoptados nelas.

b) Levantar actas das sesións e actuar de fedatario dos seus actos e dos seus acordos.

c) Auxiliar o presidente en cantas tarefas se lle encomenden.

d) Expedir certificados das actas e acordos dos plenos e das súas comisións.

e) Cantas outras funcións lle sexan atribuídas polo presidente para a boa marcha do Consello.

4. A secretaría contará co apoio do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario de Galicia, órgano encargado da garda e custodia da documentación.

En caso de vacante, ausencia o enfermidade, poderá desempeñar interinamente a secretaría un funcionario designado polo presidente.

Actas

Artigo 15º.-Das actas.

1. De cada sesión que celebren os distintos órganos do Consello Galego de Universidades levantará acta o secretario, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións, o contido dos acordos adoptados, así como, de ser o caso, o resultado das votacións se existisen.

2. Do mesmo xeito, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que a achegue no acto, ou no prazo que sinale o presidente; igualmente, calquera solicitude de modificación da acta antes da súa aprobación deberá facerse chegar por escrito ao presidente, texto que debe corresponder fielmente coa súa intervención.

Convocatoria das sesións

Artigo 16º

A convocatoria das sesións plenarias correspóndelle ao presidente do Consello e deberá ser acor

dada e notificada aos seus membros cunha antelación mínima de sete días naturais, salvo que razóns de urxencia non o permitan.

Orde do día

Artigo 17º

1. Xunto coa convocatoria das sesións deberalles ser notificada a todos os seus membros a orde do día, que será fixada polo presidente.

Pódese solicitar a introdución dun punto na orde do día, por parte da maioría absoluta dos membros do Pleno, sempre e cando esta petición se formule con 20 días naturais de antelación á súa convocatoria.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou decisión ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría absoluta.

Modo de deliberar e toma de acordos

Artigo 18º

Correspóndelle ao presidente a ordenación das deliberacións e debates, podendo establecer o tempo máximo da discusión para cada cuestión, así como o que lle corresponda a cada intervención, á vista do número de peticións de palabra.

Artigo 19º

1. Os acordos do Pleno poderán adoptarse por asentimento ou por votación.

2. Entenderanse adoptados por asentimento os acordos que versen sobre propostas respecto das cales non formulase obxeccións ningún membro presente do Consello.

3. Os restantes acordos deberán adoptarse por votación, e será suficiente, como principio xeral, o voto favorable da maioría simple dos membros presentes, sen prexuízo do disposto no parágrafo seguinte.

4. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do que presida.

5. Unha vez iniciada a votación, ningún membro do Consello se poderá ausentar da sesión ata a conclusión daquela. De producirse esta situación, o voto do ausente considerarase como abstención.

6. As votacións serán polo procedemento de man alzada.