Rematados os prazos fixados pola resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 27 de outubro de 2004 (DOG nº 215, do 4 de novembro) pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a persoal laboral, reguladas polo Decreto 217/2003, do 11 de abril, correspondentes á categoría 035 (auxiliar de arquivos e bibliotecas) do grupo IV, constatada a existencia dalgúns erros materiais e vistas polas comisións permanentes para a
contratación temporal de persoal laboral as alegacións formuladas polos interesados, na correspondente sesión, unha vez elevada a oportuna proposta, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro.-Facer públicas as listas definitivas para a cobertura, con carácter temporal, de postos de traballo reservados a persoal laboral correspondentes á categoría 035 (auxiliar de arquivos e bibliotecas) do grupo IV. As listas estarán expostas na forma que seguidamente se indica:
-Solicitantes admitidos na lista con indicación da puntuación.
-Solicitantes excluídos con expresión da causa de exclusión.
Segundo.-As citadas listas atópanse expostas nos taboleiros de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia. Así mesmo, os ditos datos poderán consultarse nas páxinas oficiais da internet da Xunta de Galicia.
Terceiro.-As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, quedando desde ese momento sen efecto as listas elaboradas conforme os Decretos 89/1997, do 10 de abril e 70/2000, do 31 de marzo, correspondentes á categoría 035 (auxiliar de arquivos e bibliotecas) do grupo IV.
Cuarto.-Os solicitantes excluídos, de ser o caso, disporán do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición, debendo consignar o nome e apelidos, NIF, número da conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta, achegando, así mesmo, copia cotexada do modelo de autoliquidación da taxa.
Quinto.-De conformidade co establecido no punto 3.2.2. da base 3ª da Resolución do 17 de novembro de 2003 (DOG nº 228, do 24 de novembro), desde o día seguinte ao da publicación no DOG do anuncio de exposición das listas definitivas desta convocatoria quedará permanentemente aberto o prazo para a presentación de novas solicitudes segundo o establecido nos artigos 3º e 8.4º do Decreto 217/2003, do 11 de abril.
Sexto.-Contra esta resolución poderán os interesados interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.
Milagros Vázquez Tenorio
Directora xeral da Función Pública