DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.651

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 22 de decembro de 2004 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola.

O artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca fluvial e lacustre. Con base nesta competencia, promulgouse a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que ten como obxecto a regulación da conservación, o fomento e o ordenado aproveitamento das poboacións piscícolas.

De conformidade co disposto no Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, compételle a esta consellería o desenvolvemento e a aplicación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e do seu regulamento.

No marco legal definido pola Lei 7/1992, atópase definida a figura das entidades colaboradoras. De conformidade co artigo 6 da citada lei, considéranse entidades colaboradoras as que realicen actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como na mellora da calidade do ambiente das devanditas augas e que teñan recoñecido tal carácter. O mesmo artigo 6 tamén establece que a condición de entidade colaboradora levará anexo o cumprimento das obrigas e máis o desfrute dos beneficios que para tal colaboración estableza a Consellería de Medio Ambiente.

A Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 recolle, no seu artigo 42, o pagamento e as garantías das axudas e subvencións.

O outorgamento das subvencións previstas nesta orde realízase de conformidade coas previsións contidas no Regulamento CE nº 1257/1999, do Consello, do 17 de maio de 1999, sobre axudas ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola, e no Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade previstos nel.

En virtude do anterior e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular a concesión de axudas a entidades colaboradoras para a realización de actividades e investimentos para o fomento da riqueza piscícola durante o ano 2005.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias as sociedades ou asociacións que teñan o nomeamento de entidade colaboradora, de conformidade co disposto na Lei 7/1992 e no Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Este nomeamento deberá estar en vigor tanto no momento de presentar a solicitude de axuda como no momento do pagamento desta.

2. Para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumprir as condicións e normas recollidas no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Poderán acollerse a estas axudas as actuacións que teñan por finalidade a execución de actividades e investimentos materiais no ámbito do fomento da riqueza piscícola incluídos nalgunha das seguintes categorías:

a) Construción de infraestruturas e outras obras: canles de desova, cría e/ou engorda, capturadoiros, pasarelas, refuxios, corrección de impactos (escalas, refuxios artificiais para peixes, protección de marxes, recuperación da vexetación de ribeira...), supresión de barreiras arquitectónicas ou naturais para discapacitados e calquera outra obra ou infraestrutura directamente relacionada coa conservación, protección e fomento da riqueza piscícola.

b) Vixilancia e mantemento de tramos de pesca: gastos directamente relacionados coas tarefas de vixilancia e mantemento de tramos de pesca, nos cales se incluirán, entre outros, nóminas e Seguridade Social dos vixilantes, transporte, equipamento e materiais necesarios para os labores de vixilancia.

c) Modernización e mellora de infraestruturas, entre as que se incluirán todos os tipos de infraestruturas establecidos na letra a) deste mesmo artigo.

d) Redacción de plans de xestión de recursos piscícolas. Estes plans deberán ter as características que se establecen no Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

e) Creación, mantemento e conservación de accesos a tramos de pesca e adecuación de sendas e postos de pesca, incluíndo equipamento e materiais necesarios para estas tarefas.

f) Sinalización de tramos de pesca.

g) Limpeza e/ou recuperación de zonas de desova.

h) Actividades formativas e educativas: cursos, conferencias, coloquios, edición de material divulgativo.

i) Toma de datos sobre a práctica da pesca: enquisas, mostraxes.

j) Redacción de proxectos, memorias e demais documentos técnicos necesarios para a execución de obras incluídas nas epígrafes anteriores.

2. Tamén se poderán acoller a estas axudas os contratos en vigor a partir do 1 de outubro de 2004 naquela parte dos gastos que non fosen obxecto de subvención noutras ordes de axuda desta consellería.

Artigo 4º.-Requisitos dos investimentos.

Para ter acceso a estas axudas, os solicitantes deberán dispor das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos no caso de que a normativa de aplicación así o exixa.

Artigo 5º.-Investimentos non subvencionables.

En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) Gastos de vixilancia que non estean directamente relacionados cun tramo fluvial.

b) Actividades sociais de carácter lúdico ou competitivo.

c) A construción ou acondicionamento de locais, equipamentos, maquinaria, instalacións ou elementos auxiliares que non teñan relación directa coa protección, conservación e fomento da riqueza piscícola.

d) Os gastos do IVE.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na súa normativa de aplicación.

2. Os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, conforme o previsto no artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración xurada relativa a todas as subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Incumprimento das obrigas.

1. Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa con

cesión, así como nos supostos de incumprimento da obriga de xustificación, de obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, e incumprimento da finalidade para a que foi concedida, conforme o artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Aos beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi redactado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos das administracións públicas para o exercicio da postestade sancionadora.

Artigo 8º.-Certificación de non inicio.

Será condición indispensable para a concesión das axudas que, con anterioridade ao inicio dos traballos e á realización das adquisicións correspondentes dos investimentos, os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente expedisen ou validasen certificación que acredite o non inicio dos investimentos. Nos casos de investimentos nos cales as súas especiais características non posibiliten a certificación de non inicio, deberá quedar acreditado fidedignamente que o investimento foi realizado no ano 2005.

Artigo 9º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro de Medio Ambiente segundo o modelo que figura no anexo I desta orde e poderanse presentar no rexistro da Consellería de Medio Ambiente, no de calquera das súas delegacións provinciais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Será requisito imprescindible que o solicitante reúna as condicións sinaladas no artigo 2º desta orde en data anterior á apertura do prazo de presentación de solicitudes.

3. A solicitude será asinada por un representante acreditado da entidade colaboradora.

4. O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Documentación.

1. Coa solicitude deberá presentarse, en orixinal e tres copias, a seguinte documentación:

a) A información requirida no anexo II desta orde e os anexos III, IV e V debidamente cubertos.

b) Acreditación da personalidade:

-Poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade.

-Tarxeta de identificación fiscal.

-Copia cotexada do documento nacional de identidade do representante.

c) Copia cotexada das concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos ou xustificantes de ter iniciados os oportunos expedientes. Neste último caso, deberá remitírselle á Consellería de Medio Ambiente copia cotexada da resolución favorable do expediente antes do inicio da execución dos investimentos.

d) Declaración sobre calquera tipo de axuda solicitada, concedida ou que se pretenda solicitar a calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto do investimento para o que se solicita a axuda.

2. No caso de proxectos de obras con execución plurianual, a axuda solicitarase unicamente para aquelas unidades de obra que se executarán dentro do ámbito de aplicación desta orde de axudas, sempre e cando as unidades de obra sexan susceptibles de utilización para a finalidade para a que se solicita a axuda.

3. Para actividades que se vaian a executar con medios propios do solicitante, deberase presentar un orzamento que requirirá o informe favorable do servizo provincial de conservación da natureza.

4. A Consellería de Medio Ambiente acreditará, de oficio, o cumprimento do disposto nos artigos 2º e 9º.2.

Artigo 11º.-Importe das axudas.

1. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Para os investimentos enmarcados nas letras a) e j) do artigo 3º (construción de infraestruturas e redacción de proxectos) as axudas acadarán o 75% do investimento total subvencionable. No resto de investimentos, as axudas acadarán como máximo o 70 % do investimento total subvencionable.

3. Se por causa xustificada o investimento realizado é menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

4. A axuda non se modificará aínda que os investimentos efectivamente realizados sexan superiores ou dun custo maior aos tomados en consideración para a concesión daquela.

Artigo 12º.-Órganos de xestión e resolución.

A avaliación da documentación e dos proxectos presentados xunto coa solicitude será realizada por

parte dos servizos correspondentes das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente.

Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, a delegación correspondente requirirá o interesado para que, no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente remitirán, no prazo máximo de dous meses, contados a partir da data límite de presentación das solicitudes, os expedientes xunto co seu informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Os informes das delegacións provinciais clasificarán as solicitudes de axudas para redacción de proxectos e execución de obras en función da viabilidade do investimento, do estado de conservación e da demanda de pesca no tramo obxecto da actuación.

O director xeral de Conservación da Natureza elevará a súa proposta de resolución ao conselleiro de Medio Ambiente, a quen lle corresponderá ditar a resolución do procedemento.

Artigo 13º.-Criterios de selección.

A Consellería de Medio Ambiente denegará, á vista dos informes que presenten os servizos provinciais de Caza e Pesca Fluvial, as solicitudes que non se dirixan especificamente aos obxectivos establecidos nos artigos 4º e 5º desta orde. Así mesmo, poderanse excluír do cómputo global do investimento obxecto das axudas, aquelas partidas que non se correspondan co sinalado nesta orde.

As solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde serán clasificadas en función das categorías establecidas no artigo 3º. O orzamento dispoñible será distribuído entre elas de conformidade cos criterios fixados no número 2 do artigo 11º.

Para os investimentos enmarcados nas letras a) e j) do artigo 3º (construción de infraestruturas e redacción de proxectos), terán carácter preferente aquelas infraestruturas que sexan complementarias das xa existentes e as que se executen en coutos cunha maior porcentaxe de ocupación.

Artigo 14º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que se debe notificar a resolución será de cinco (5) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se ditase e notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, conforme o disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

Na resolución que se dite especificaranse os investimentos subvencionables, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención.

Artigo 15º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra dela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ao da recepción da notificación, para lle remitir á Consellería de Medio Ambiente un escrito de aceptación da axuda e das condicións particulares que na resolución se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 17º.-Modificación da resolución.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Se algún beneficiario renuncia á axuda ou a unha parte dela, poderanse modificar a totalidade das resolucións ditadas para redistribuír o orzamento dispoñible entre aqueles beneficiarios que aceptaron a axuda. Neste proceso de modificación das resolucións respectaranse en todo caso os máximos establecidos no artigo 11º.

Artigo 18º.-Modificación do proxecto.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas

que o compoñen, requirirá a aceptación expresa por parte da Consellería de Medio Ambiente e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 19º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e do pagamento de conceptos correspondentes a eles, deberá realizarse antes do 1 de outubro de 2005.

Artigo 20º.-Xustificación dos investimentos.

1. Para percibir o importe da axuda o beneficiario deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, nos lugares e formas sinalados no artigo 11º desta orde, orixinal e tres copias da seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo que figura no anexo VI desta orde, xunto cos anexos VII, VIII e IX debidamente cubertos.

b) No caso de adquisición de maquinaria, instalacións, equipos, elementos auxiliares e outros activos fixos que deberán estar efectivamente instalados con anterioridade á xustificación: factura emitida polo provedor.

c) Cando o investimento consista na construción de edificios e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto, visada polo colexio profesional competente, en que se fará constar o valor das obras realizadas durante o período de que se trate e facturas acreditativas do seu pagamento. Se o proxecto non requiriu visado para obter autorización ou se a dirección de obra foi realizada pola Administración, requirirase unicamente unha certificación do técnico que dirixiu as obras e as facturas ou xustificantes acreditativas dos gastos determinados polo artigo 15.2º do Decreto 287/2000. No caso de traballos executados con medios propios da entidade colaboradora ou con achegas directas de asociados, tanto no referente a materias como á man de obra, xuntarase unha declaración da entidade colaboradora na que se especificarán e valorarán economicamente os medios propios empregados e as achegas recibidas. Esta declaración requirirá informe favorable dos

servizos técnicos da consellería.

d) No caso doutras actuacións das sinaladas no artigo 3, factura emitida polo provedor ou xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables.

e) En todos os casos, para a acreditación dos pagamentos xuntaranse os extractos de contas, ordes de transferencia, talóns, certificacións bancarias ou calquera outro documento que xustifique a súa efectiva realización.

f) Declaración xurada, con achega documental, se é o caso, doutras subvencións concedidas ou solicitadas para o financiamento dos investimentos.

g) Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta do beneficiario para o pagamento da axuda, acreditativo da súa titularidade, número de conta e códigos da entidade, sucursal e control.

h) Certificacións que acrediten que o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, cando superen por beneficiario e axuda o importe de 1.500 euros, consonte prevé o artigo 42 g) da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente comprobarán a documentación e engadirán certificacións dos servizos correspondentes sobre o grao de finalización dos investimentos, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como aos xustificantes de gasto.

3. Unha vez completo o expediente, remitiráselle xunto coa proposta de pagamento á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 21º.-Pagamento.

Examinado o expediente, a Consellería de Medio Ambiente ordenará, se procede, o pagamento, segundo as disposicións orzamentarias que sexan de aplicación.

O pagamento corresponderase co investimento realizado, que excepcionalmente poderá ser parte do investimento aprobado sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do investimento e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso, ou se o investimento tivese un custo inferior ao inicialmente previsto, aplicarase a correspondente minoración.

Artigo 22º.-Crédito orzamentario.

As axudas previstas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342.A.780.1 do exercicio orzamentario 2005, dotada cun crédito inicial de cento vinte mil douscentos dous euros (120.202 A).

Esta dotación orzamentaria poderá incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións.

Para os investimentos enmarcados nas letras a) e j) do artigo 3º (construción de infraestruturas e redacción de proxectos) destinarase como máximo o 50% do orzamento total.

Esta orde de axudas está cofinanciada con fondos Feoga-Orientación. Esta circunstancia deberá facerse constar sempre que se facilite algún tipo de infor

mación, en calquera soporte gráfico, sobre os investimentos subvencionados.

Artigo 23º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Medio Ambiente poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen investimentos, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Artigo 24º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos investimentos.

Sen prexuízo do anterior, estas axudas son incompatibles con calquera outro réxime comunitario de axudas.

Así mesmo e consonte o previsto na letra d) da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, nas resolucións de axudas faranse constar expresamente as condicións de manter o investimento de que se trate ou o emprego ligado a este durante un período mínimo de cinco anos, así como a de non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

Disposición adicional

Esta orde de axudas tramítase ao abeiro do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente