DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.643

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 22 de decembro de 2004 pola que se regulan axudas en materia de conservación dos recursos naturais e fomento de accións da poboación local para o desenvolvemento sustentable dos parques naturais.

Os parques naturais teñen como obxectivos prioritarios e fundamentais a conservación do patrimonio natural, o aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos naturais, o seu uso e desfrute e a mellora da calidade de vida da poboación que os habita. Neste contexto acentúase o carácter integrador e globalizador do medio, no cal o labor da Administración autonómica, entre outros, é adoptar un enfoque preventivo na xestión ambiental, intentando harmonizar simultaneamente as actividades económicas coa conservación dos valores que se pretenden protexer.

A Lei 9/2001 de 21 de agosto, de conservación da natureza, prevé a posibilidade do establecemento dun réxime de axudas para a poboación residente no espazo natural protexido ou na súa área de influencia socioeconómica. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da conservación da natureza, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades ou accións que melloren e promocionen as zonas incluídas nos espazos naturais para o incremento da calidade de vida dos moradores.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro xeral de subvencións, no capítulo I establece, como réxime xeral de concesión, o de concorrencia competitiva, un réxime que debe permitir facer efectivos os principios inspiradores do outorgamento de subvencións.

Por outra parte, a Lei de réxime financeiro e orzamentario desta comunidade autónoma dispón, no seu artigo 78.6º, que os criterios de adxudicación das axudas se deberán axustar aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Por outra parte, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, regula os distintos procedementos que se deben articular na xestión das axudas e subvencións, e a Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas, e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Esta orde de axudas é conforme co establecido no artigo 33 do Regulamento (CE) número 1257/1999, sobre a axuda ao desenvolvemento rural con cargo ao Feoga, e pola que se modifican e derrogan determinados regulamentos, e conforme co Regulamento (CE) número 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais.

Conforme o establecido no artigo 69.3º do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre trami

tación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro, de 2000 e do 25 de outubro de 2001, esta orde tramítase mediante gasto anticipado con cargo aos orzamentos xerais da Consellería de Medio Ambiente para o ano 2005.

En virtude de todo o exposto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable a parques naturais encamiñadas á realización de accións que contribúan á protección e conservación dos recursos naturais, o incremento de benestar dos cidadáns con intereses nos parques naturais e as súas áreas de influencia, a través de accións de apoio e fomento do desenvolvemento socioeconómico das poboacións locais.

2. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia e obxectividade, tal como se establece no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

1. Son actividades obxecto das axudas reguladas por esta orde:

a) Accións encamiñadas á corrección de impactos ambientais e paisaxísticos.

b) Accións encamiñadas a ordenar adecuadamente e facilitar o uso público tales como creación de rutas, áreas recreativas e zonas de esparexemento e uso público, etc.

c) Actuacións de mellora e restauración de hábitats, que estean incluídas nos instrumentos de ordenación aprobados.

d) Creación de emprego, especialmente aquelas iniciativas empresariais que se dirixan á promoción e revalorización dos recursos endóxenos da zona. Creación e posta en funcionamento de cooperativas de traballos ambientais, transformación de produtos e iniciativas de fomento do turismo compatibles cos instrumentos de planificación do parque natural.

e) Accións de desenvolvemento agrícola, gandeiro ou forestal que contribúan á conservación da biodiversidade e ao desenvolvemento sustentable.

f) A realización e a mellora de infraestruturas e de equipamentos que teñan por obxecto a protección do medio natural, o desfrute dos seus valores naturais ou o incremento da calidade de vida dos seus habitantes.

g) Accións de recuperación de elementos de carácter arquitectónico civil, cultural e etnográfico. Nesta liña será subvencionable o acondicionamento exte

rior das vivendas rurais e a substitución de elementos ou materiais alleos á tipoloxía rural da zona.

h) Actividades de divulgación, promoción, formación e sensibilización sobre os valores ambientais, culturais ou patrimoniais tales coma campañas, xornadas, seminarios, cursos, material divulgativo, etc., encamiñadas a fomentar o coñecemento, conservación, protección e mellora dos parques naturais da comunidade autónoma.

i) Asistencias técnicas para lograr o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e forestais.

2. A adquisición de terreos non será subvencionable.

3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situadas dentro do perímetro do parque natural ou da zona de influencia socieconómica, priorizándose as accións que se realicen dentro do perímetro do parque sobre aqueloutras outras que estean fóra.

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que se efectúen ata un máximo de 18.000 euros por proxecto e un proxecto por beneficiario.

O importe máximo subvencionable a que terán dereito os beneficiarios será do 75% do custo da obra ou acción.

O IVE non será subvencionable na medida en que sexa recuperable da Facenda pública. A porcentaxe definitiva da subvención fixarase de acordo cos criterios sinalados nos artigos 7º e 8º.

Para as actividades subvencionables que se realicen con medios propios, os prezos máximos que se aplicarán para valorar as accións son os establecidos no anexo IV, e non se admitirá a execución con medios propios de máis actividades que as que figuran no citado anexo.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. Persoas físicas ou xurídicas que residan ou con domicilio fiscal dentro do límite do parque natural, ou que sexan propietarios de terreo nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídas no parque natural, titulares, propietarios ou arrendatarios, de explotacións agrarias, gandeiras ou forestais situadas dentro do parque natural.

2. Segundo as dispoñibilidades orzamentarias, tamén poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas que residan ou con domicilio fiscal na zona de influencia socioeconómica, propietarios de terreo, propietarios ou arrendatarios de explotacións agrarias, gandeiras ou forestais na zona de influencia socioeconómica.

Para os efectos desta orde, enténdese como zona de influencia socioeconómica os concellos que achegan terreos ao parque natural.

3. Comunidades de montes veciñais en man común situados total ou parcialmente no parque natural, que estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de montes veciñais en man común, o que se acreditará mediante certificación do rexistro.

4. Asociacións que posúan a súa sede social ou como mínimo o 50% dos socios con residencia nalgún dos concellos onde se sitúe o parque natural, o que deberá xustificarse documentalmente.

5. Empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde, priorizándose aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

Todos os documentos achegados se presentarán por duplicado.

1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención debidamente asinadas segundo o modelo do anexo I, xunto cos respectivos proxectos ou memorias de actividades ou obras que se pretende executar.

2. Xunto coa solicitude de subvención presentarase a seguinte documentación:

2.1. Para todo interesado:

a) Copia do DNI ou NIF do solicitante compulsada e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

b) Certificación bancaria orixinal.

c) Dúas copias do proxecto técnico ou proxecto básico asinado por técnico competente. No caso de que non se trate de obras ou se trate de accións con orzamento total inferior a 6.000 euros, abondará unha memoria xustificativa das accións que conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado, calendario e prazo aproximado de execución.

d) Autorizacións ou permisos correspondentes para levar a cabo a intervención ou, polo menos, a súa solicitude.

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.

2.2. Deberase achegar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do beneficiario:

a) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación do titular para a súa dispoñibilidade.

b) No caso de arrendatarios, documento que acredite a condición.

c) No caso de montes veciñais en man común, certificación de acordo da asemblea xeral conforme autoriza a xunta reitora para solicitar axudas, e certificado do Rexistro provincial de montes veciñais en man común de posuír os estatutos en regra, figurando a composición da xunta retora actualizada.

d) No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente, certificación de estar inscritos no Rexistro de asociacións, e certificación do concello ou documento semellante que acredite que máis do 50% dos socios residen nalgún dos concellos do parque natural.

e) No caso de empresas ou autónomos:

-Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE, cando proceda. No caso que proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade no parque natural correspondente.

-Acreditación de posuír a sede social nalgún municipio do parque natural correspondente.

f) No caso das actividades que se relacionan no anexo IV, deberase especificar na solicitude qué unidades se prevén executar con medios propios.

g) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios, deberá presentar:

-Acreditación da titularidade do terreo de cada propietario.

-Documento que acredite o consentimento de todos os copropietarios.

-Representación do solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.

h) Se a construción está catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio, deberán presentar autorización por parte desa dirección xeral da dispoñibilidade para realizar as obras solicitadas.

2.3. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir motivadamente consonte prevé o artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de LRXAP e PAC, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van otorgar, que considere conveniente.

2.4. Consonte o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de LRXAP e PAC, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As axudas desta orde serán compatibles con calquera outra destinada aos mesmos fins, sempre que

o total das subvencións non supere o custo total do investimento solicitado, agás aquelas procedentes de calquera outro réxime de axudas comunitario.

Artigo 7º.-Selección de solicitudes.

Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:

Criterios de avaliación das actividades subvencionablesPuntos

Repercusións ambientais da acción ou proxectoDe 0 a 5

Complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitada, coas previstas no Plan de Ordenación dos Recursos NaturaisDe 0 a 10

Incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e o seu contornoDe 0 a 5

Residencia

ou

propiedade

Residentes ou propietarios de terreos dentro do parque natural. As accións solicitadas realízanse dentro do parque natural5

Accións realizadas na zona de influencia socioeconómica que se valorarán segundo a súa proximidade ao perímetro do parqueDe 0 a 4

Número de beneficiarios directos e indirectosDe 0 a 10

Os servizos provinciais de Conservación da Natureza emitirán un informe no cal se determine o alcance e contido das repercusións ambientais da acción ou proxecto, a complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitada, coas previstas no Plan de Ordenación dos Parques Naturais, da incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e o seu contorno e das accións realizadas na zona de influencia socioeconómica. No dito informe deberá especificarse para cada parque natural cada un dos puntos que se valorarán en cada epígrafe, de xeito que se valoren de forma semellante todas as solicitudes presentadas.

Valorarase especialmente a incidencia das accións nos hábitats, na flora e na fauna, a repercusión sobre o emprego no contorno do parque natural e no fomento do turismo sustentable.

Artigo 8º.-Baremación.

Non se terán en conta as solicitudes que non acaden un mínimo de 15 puntos. As que superen a dita cantidade subvencionaranse cun máximo do 35% para aquelas que acaden os 15 puntos, ata un máximo do 75% as que acaden os 35 puntos, aumentando un 2% por cada punto do baremo.

A dispoñibilidade orzamentaria asignada a esta convocatoria limitará o número de expedientes que se van aprobar. Para iso ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado, aprobándose os investimentos así ordenados de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento.

Os servizos provinciais de Conservación da Natureza, logo de consulta ao órgano correspondente da xunta consultiva, procederán a avaliar e propoñer unha baremación das solicitudes presentadas en cada parque natural.

Unha vez recibidos estes informes na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, procederase á

súa baremación definitiva por unha comisión composta polo director xeral de Conservación da Natureza, o subdirector de Espazos Naturais e Biodiversidade, e o xefe de Servizo de Conservación de Espacios Naturais, á cal poderán ser citados os xefes dos servizos provinciais de Conservación da Natureza e os directores dos parques naturais.

Artigo 9º.-Distribución do crédito.

A distribución do crédito dispoñible realizarase entre os distintos parques naturais da comunidade segundo criterios de superficie e poboación residente e, nun segundo termo, poboación da área de influencia.

Se nalgún dos parques non se esgotase o crédito, este será repartido entre os outros parques.

Artigo 10º.-Inspección previa.

En todas as solicitudes consideradas subvencionables, o persoal técnico do servizo provincial de Conservación da Natureza realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica.

Artigo 11º.-Concesión da subvención.

1. A concesión das subvencións farase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do director xeral de Conservación da Natureza e segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A concesión da solicitude realizarase nun prazo de seis meses, que comezarán a contar a partir da data da convocatoria.

As solicitudes que non estivesen resoltas e notificadas nun prazo de seis meses desde a publicación desta orde entenderanse desestimadas por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42 da dita lei.

3. Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude de subvención poderase interpor recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a xurisdición contencioso-administrativa.

4. A concesión da axuda notificaráselles aos interesados. Unha vez recibida a notificación, os beneficiarios deberán comunicar por escrito necesariamente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a súa aceptación ou renuncia segundo as condicións que se indiquen, nun prazo de 10 días. A aceptación das axudas suporá a conformidade do interesado no cumprimento nos termos que se expresen na súa comunicación.

Artigo 12º.-Requisitos.

1. As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente en xeral e, en particular, aos instrumentos de planificación e xestión dos parques naturais en cuestión, e contar no momento do seu inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas.

2. A finalidade ou función da actividade ou obra deberá manterse durante un prazo mínimo de 10 anos, cando proceda.

3. Os investimentos obxecto de subvención de carácter anual deberán realizarse no prazo que se indique na resolución de adxudicación. Excepcionalmente, o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder por delegación do conselleiro unha prórroga dentro dos límites legais establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os beneficiarios deberán colocar no lugar onde se realicen as obras un cartel ou placa resistente á intemperie, que indique que a obra se está levando a cabo cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, e que se atopa cofinanciada pola Unión Europea, cos respectivos anagramas conforme o anexo V.

O cartel será por conta do beneficiario e, unha vez rematada a obra, deberá permanecer en lugar visible por un prazo non inferior a un ano.

Artigo 13º.-Xustificación do gasto.

1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza en inspección final deberán certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.

No momento da xustificación da execución total ou parcial do proxecto, e con anterioridade ao pagamento, o beneficiario deberá xustificar que se atopa ao día nas súa obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

No referente aos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e Economía e Facenda da Xunta de Galicia, o solicitante poderá acudir a estas axencias para solicitar a expedición do certificado correspondente ou cubrir e asinar debidamente a autorización que se xunta no anexo III para os efectos de que este órgano poida solicitala por vía informática.

2. A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante facturas orixinais ou mediante calquera dos medios previstos no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, non admitíndose como xustificación certificacións das accións realizadas polos propios beneficiarios agás as recollidas no anexo IV desta orde.

Artigo 14º.-Pagamento das subvencións.

A tramitación do pagamento das axudas realizarase logo de inspección do persoal técnico dos servizos provinciais de Conservación da Natureza e emisión

da certificación correspondente, unha vez cumpridos todos os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 15º.-Control.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá realizar as actuacións de inspección e control necesarias para garantir o cumprimento do establecido nesta orde, así como a comprobación dos investimentos realizados, podéndoselles requirir aos beneficiarios toda a documentación e información que lles sexa solicitada en cada momento.

Artigo 16º.-Revogación.

1. Son causas de revogación:

a) Cando se comprobe que as axudas foron destinadas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas.

b) Pola non-realización da obra ou traballos obxecto da subvención.

c) A non-presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.

d) Cando existan modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

e) Por ocultar, manipular, falsear datos ou entorpecer de forma deliberada o labor de inspección e control.

f) Por perda da titularidade dos terreos, ou por perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o novo titular non se subrogase expresamente.

g) Cando o beneficiario da subvención incumpra calquera das condicións establecidas tanto nesta orde coma no resto da normativa aplicable.

h) Por incumprimento de calquera dos prazos establecidos nesta orde.

i) Por incumprimento de calquera das disposicións legais vixentes.

2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, logo de informe do servizo provincial correspondente, e logo de audiencia ao interesado, o conselleiro de Medio Ambiente poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

3. No referente aos reintegros totais ou parciais, revogacións, infraccións ou sancións, aos beneficiarios das axudas seralles de aplicación o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa. Neste sentido, conforme o disposto no artigo 78.7º da mencionada lei, toda alteración das condicións tidas en conta

para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza lles poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga conforme o artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 18º.-Aplicacións orzamentarias.

Estas axudas tramitanse por expediente anticipado de gasto e financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.03.342-A 770.0 e 15.03.342-A 780.0, axudas para medidas compensatorias no contorno dos espazos naturais protexidos, previstas no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

O orzamento inicialmente dispoñible será de 170.000 euros na aplicación orzamentaria 15.03.342-A 770.0, e de 475.710 euros na 15.03.342-A 780.0. Estas dotacións orzamentarias poderán incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións. Esta orde de axudas encóntrase cofinanciada polo Feoga-Orientación.

Disposición adicional

Única.-Esta orde de axudas tramítase ao abeiro do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente