DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.635

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 22 de decembro de 2004 pola que se establecen axudas económicas parara paliar os danos producidos polo lobo.

O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confírelle á nosa comunidade a competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, atribúelle á devandita consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que regula a concesión de axudas e subvencións que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón ademais un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio no que se desenvolve. As necesidades alimenticias do lobo entran algunhas veces en conflito cos intereses dos nosos gandeiros, que sofren a depredación que ocasionalmente se realiza sobre o gando. É por iso polo que a Consellería de Medio Ambiente, para conciliar o interese da especie coa dos nosos gandeiros, pon en marcha unha liña de axudas tendentes a reparar os danos que produce esta especie sobre a gandería saneada bovina, ovina e caprina de Galicia.

En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Esta orde ten por obxecto establecer unha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses saneadas das especies bovina, ovina e caprina. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, concorrencia e obxectividade e someteranse en todos os seus extremos ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e

actuación administrativa e ao previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller a estas axudas os propietarios de reses das especies bovina, ovina e caprina, que estean cercadas ou protexidas por medio de pastores ou doutros medios que permitan o control do gando. O gando haberá de estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Os danos que se produzan como consecuencia dos ataques dos lobos nas reses das especies bovina, ovina e caprina de Galicia, identificadas e saneadas de acordo coa normativa aplicable para o efecto, entre o 1 de outubro de 2004 e o 30 de setembro de 2005, que fosen comunicados antes de que transcorran 24 horas desde o ataque e nos que se cumprisen os condicionados que se especifican nestes casos.

2. Estas axudas son incompatibles con calqueira outra que se poida conceder para a mesma finalidade.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

1. A axuda configúrase como un auxilio que lle concede a Consellería de Medio Ambiente ao gandeiro, que sofre o quebranto económico derivado do ataque do lobo ao gando que se relaciona no artigo anterior.

2. O importe desta axuda terá a contía máxima que figura no anexo I desta orde e estará condicionado á existencia de crédito orzamentario.

3. O devandito importe poderá ter carácter decrecente en futuras convocatorias, no caso de que as axudas se dirixan a gandeiros que xa sufriron ataques anteriores do lobo no seu gando e non tomaron as medidas de vixilancia e protección, que lle foran indicadas no seu día, polos servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 25 de outubro de 2005.

2. As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente, segundo o modelo formalizado que se recolle no anexo II desta orde, e presentaranse directamente nas correspondentes delegacións provinciais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo máximo de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da produción do ataque do lobo, agás naqueles supostos nos que o dano se tivese producido entre o 1 de outubro de 2004 e a data da publicación desta orde no DOG, nos que o devandito prazo se contará a partir do día seguinte ao da referida publicación.

3. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Cartilla gandeira.

b) Acreditación da condición de propietario das reses por parte do solicitante da axuda.

c) Fotocopia do CIF/NIF do solicitante destinatario da subvención, ou persoa que o represente.

d) Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta do beneficiario para o pagamento da axuda, acreditativo da súa titularidade, número de conta e códigos da entidade, sucursal e control.

e) Se o titular fose unha asociación, acordo do órgano competente desta polo que se aproban as solicitudes desta axuda.

f) Declaración do conxunto das solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 6º.-Mellora e corrección das solicitudes.

1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza examinarán as solicitudes e documentos presentados. No caso de que fosen detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado para que sexan emendados ou completados, o prazo de 10 días hábiles seguintes á súa notificación, coa indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, arquivándose o expediente sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza avaliarán, dentro dos seus ámbitos territoriais, a natureza dos ataques dos lobos obxecto da solicitude de subvención e realizarán a súa valoración. Para tales fins, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.

3. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada e efectuada a correspondente valoración, as delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente remitirán os expedientes xunto co seu informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que lle elevará a súa proposta de resolución ao conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 7º.-Resolución e recursos.

1. O conselleiro de Medio Ambiente, á vista das propostas das delegacións provinciais e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá expresa e motivadamente o que segundo dereito corresponda sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou de ser o caso sobre a denegación dela.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde, poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. A resolución de subvención poralle fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Artigo 8º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude da axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ao da recepción da notificación, para remitirlle á Consellería de Medio Ambiente un escrito de aceptación da axuda e das condicións particulares que na resolución se establezan, entendéndose, no caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 9º.-Percepción da axuda e criterios de asignación de recursos.

1. Ditada a resolución aprobatoria e unha vez remitido á consellería o escrito de aceptación a que se refire o artigo anterior, tramitarase o correspondente expediente de pagamento.

2. Trimestralmente, á vista das resolucións de concesión de subvencións outorgadas, cuantificarase o seu importe coa finalidade de coñecer o crédito orzamentario dispoñible para o trimestre seguinte, priorizándose, de ser o caso, as resolucións de concesión da subvención en función da data de produción dos ataques do lobo. As solicitudes presentadas que, en aplicación do dito criterio, queden sen asignación de recursos, será atentido o seu pagamento no seguinte período.

3. En ningún caso se procederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 10º.-Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e no establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente das subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos da Consellería de Medio Ambiente, así como a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios quedan obrigados ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 11º.-Financiamento.

As accións previstas nesta orde financiaranse por arte da Consellería de Medio Ambiente con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342A.480.0, ata un importe máximo de oitenta e dous mil euros (82.000 A). A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Disposición adicional

Esta orde de axudas tramitarase ao abeiro do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza en xeral para ditar todas as disposicións complementarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Baremo utilizado para o pagamento

de axudas polos ataques do lobo

Pagamento en euros:

Cordeiro ' 12 meses: 30 A.

Ovella ' 6 anos: 60 A.

Ovella ) 6 anos: 15 A.

Cabrito ' 12 meses: 30 A.

Cabra ' 6 anos: 60 A.

Cabra ) 6 anos: 15 A.

Tenreiro ' 3 meses: 200 A.

Tenreiro ) 3 meses: 325 A.

Vaca ' 6 anos: 500 A.

Vaca ) 6 anos: 250 A.