DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 22 de decembro de 2004 pola que se establecen axudas económicas para paliar os danos producidos por especies cinexéticas na circulación viaria.

O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confírelle a nosa comunidade a competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, atribúelle á devandita consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, modifica o texto refundido da

Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que regula a concesión de axudas e subvencións que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

O crecente incremento das poboacións dalgunhas especies cinexéticas nos montes galegos é un feito que se evidencia cada día con maior forza. Este aumento poboacional ten efectos moi positivos no contorno biolóxico e no desenvolvemento rural que a actividade cinexética propicia, pero, ao seu lado, é causa directa dun aumento da sinistralidade na rede de estradas de Galicia e, por ende, de gastos importantes tanto respecto dos condutores como dos seus vehículos. O evidente interese social que anima esta iniciativa mostrarse de modo particularmente importante no fomento do aseguramento dos danos que producen as especies cinexéticas, que haberá de producir un estímulo para os titulares dos terreos cinexéticos, agobiados polas responsabilidades que derivan desta continxencia, ao tempo que reforza a seguridade na cobertura dos danos para os automobilistas.

En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo1º.-Obxecto das axudas.

Establécese unha liña de axudas para os titulares dos terreos cinexéticos que contrataron un seguro de responsabilidade polos danos que causen as especies cinexéticas que procedan dos seus terreos cinexéticamente ordenados (en diante TECOR).

Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade e de obxectividade e someteranse en todos os seus extremos ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e ao previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo cal se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo2º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller a estas axudas os titulares de terreos cinexéticamente ordenados (Tecor) de titularidade privada, que subscribiran para o presente ano un contrato de seguro, que cubra a responsabilidade polos danos derivados de sinistros nas vías públicas, pola irrupción nelas de especies cinexéticas procedentes dos devanditos terreos.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Será obxecto de axuda a subscrición da póliza de seguro por accidentes de circulación producidos por espécimes cinexéticos en Galicia.

2. Estas axudas son incompatibles con calquera outra que se poida conceder para o mesmo fin.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

A subvención constitúese como unha axuda que se lle concede ao titular do Tecor que subscribiu un contrato de seguro, para cubrir os danos que puideran producirse por causa da irrupción na vía pública de espécimes de caza.

A contía máxima da devandita axuda será do 60% do importe da prima subscrita, sen que poida exceder en ningún caso de 0,30 euros por hectárea do Tecor beneficiario. O importe do crédito consignado no artigo 11, se fose necesario, ratearase entre todos os solicitantes, ata o límite do crédito orzamentario.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de subvención irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e serán presentadas nas correspondentes delegacións provinciais, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, antes do 30 de abril de 2005. Se de resultas da publicación desta orde o prazo para a presentación das solicitudes resultase infrerior a 40 días, en relación á dita data, o prazo de presentación das solicitudes ampliarase ata os 40 días legalmente exixidos.

Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia do CIF/NIF do solicitante destinatario da subvención, ou persoa que o represente.

-Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta do beneficiario para o pagamento da axuda, acreditativo da súa titularidade, número de conta e códigos da entidade, sucursal e control.

-Orixinal ou copia compulsada da póliza subscrita cunha entidade aseguradora, na que figure expresamente como incidencia asegurada os accidentes de circulación producidos por especies cinexéticas.

-Se o titular fose unha sociedade ou unha asociación, acordo do órgano competente desta polo que se aproba a solicitude desta axuda.

-Declaración do conxunto das solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

-Certificacións que acrediten que o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Mellora e corrección das solicitudes.

Iniciado o procedemento, os servizos provinciais de Caza e Pesca Fluvial examinarán as solicitudes e documentos presentados. No caso de que fosen detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado para que sexan emendados ou completados, no prazo dos 10 días hábiles seguintes á súa noti

ficación, con indicación de que se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, arquivándose o expediente sen máis tramite, cos efectos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 7º.-Resolución.

O conselleiro de Medio Ambiente, nun prazo máximo de tres meses, contados a partir da presentación da solicitude, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas, en atención ao cumprimento dos requisitos que se conteñen nela e das dispoñibilidades orzamentarias. As solicitudes que non fosen expresamente resoltas poderanse estimar denegadas, sen prexuízo da obriga legal de resolver, que se establece nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. Estas resolucións notificaranse a cada un dos solicitantes, dentro dos 10 días seguintes á toma do acordo.

Contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ao da recepción da notificación, para remitir á Consellería de Medio Ambiente un escrito de aceptación da axuda, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia a ela.

Artigo 9º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

Ditada resolución aprobatoria e unha vez que se comprobe que o solicitante presentou a documentación exixida nesta orde, procederase ao pagamento da axuda, no prazo dos dous meses que sigan á resolución aprobatoria da solicitude.

En ningún caso procederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 10º.-Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no artigo 33 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade

Autónoma, que desenvolve o texto refundido da Lei de réxime financieiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. No caso de que se producise unha minoración da póliza e sempre que se mantivese o obxectivo inicial, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos da Consellería de Medio Ambiente, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios quedan obrigados ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de conformidade co disposto no artigo 19 do devandito Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 11º.-Financiamento.

As accións previstas nesta orde financiaranse por parte da Consellería de Medio Ambiente con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342 A. 780.1, ata un importe máximo de 420.708 euros, sendo susceptible de seren incrementados en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións.

Disposición adicional

Única.-Esta orde de axudas tramitarase ao amparo do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza en xeral para ditar todas as disposicións complementarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente