DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 312/2004, do 29 de decembro, polo que se pecha a Conciña da Irmandade (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo dispón o artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en concordancia co artigo 148.1.20º da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia. A mencionada lei regula como equipamentos do sistema de servizos sociais todos aqueles establecementos ou instalacións debidamente tipificados e acreditados, nos cales se desenvolvan con regularidade programas e actividades no ámbito dos servizos sociais.

No desenvolvemento da lei, e co fin de garantir a adecuada prestación dos servizos, controlar a calidade da atención e recoñecer os dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servizos sociais. Esta disposición regula a obriga de obter a autorización administrativa previa para a creación ou modificación dos equipamentos sociais, así como para o inicio ou cesamento das súas actividades, especificando os requisitos xerais que estes deben cumprir.

Neste sentido e segundo o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, correspóndelle á Dirección Xeral de Familia o rexistro, autorización, acreditación e inspección de centros e entidades prestadoras de servizos sociais no ámbito da familia, infancia e menores.

De acordo co artigo 29 da Lei 4/1993, de servizos sociais e o artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servizos sociais propios da Administración autonómica, será necesaria unha norma con rango de decreto, e polo tanto o seu peche debe realizarse mediante norma do mesmo rango legal.

A finalización do contrato de aluguer onde se sitúa a Cociña da Irmandade (A Coruña), o estudo das posibilidades de atopar un novo local que reunise as condicións legais imprescindibles para unha instalación deste uso, e o feito de que o peche, pola demanda, non suporá un prexuízo importante para os usuarios, dado que existen centros de similares características na mesma localidade onde serán atendidos, fai inviable a relocalización deste servizo así como das súas actividades.

Por todo o exposto, de conformidade coa Lei 4/1993 e o Decreto 243/1995, por proposta da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Péchase a Cociña da Irmandade (A Coruña).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para ditar as disposicións necesarias para a ejecución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publiciación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado