DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se convocan subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual para apoiar o desenvolvemento de proxectos de produción audiovisual en lingua galega, así como a produción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no exercicio das súas competencias de fomento e promoción nos diversos ámbitos da cultura en Galicia, é consciente da importancia que progresivamente está a adquirir o sector audiovisual na sociedade actual, contribuíndo ao enriquecemento cultural e ao desenvolvemento económico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Desde a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia xa se considerou a importancia cultural e económica do sector audiovisual sinalando a necesidade de que se estimule e se potencie o

crecemento e o desenvolvemento deste sector estratéxico; así, empregando instrumentos para o fomento e o impulso das actividades propias da actividade profesional do audiovisual como son as subvencións que se outorgan desde convocatorias públicas de concorrencia competitiva como as desta orde.

A través das axudas ao desenvolvemento dos proxectos audiovisuais en lingua galega preténdese fomentar unha das fases máis esenciais da produción audiovisual, como é a da posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións que preceden á fase de produción propiamente dita, a rodaxe dunha obra audiovisual. O devandito concepto inclúe, en particular, a redacción do guión, a procura de socios, a preparación do plan financeiro da produción, a elaboración do plan de márketing e de distribución.

Para certos tipos de produción, considéranse como parte integrante do desenvolvemento da obra a investigación gráfica e a realización dun filme piloto (para as películas de animación), a busca de arquivos (para as producións que valoren o patrimonio audiovisual europeo) e o desenvolvemento de software específico (para producións multimedia).

Este procedemento de desenvolvemento culmina propiamente coa fase da produción polo que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece axudas para a produción audiovisual en lingua galega, co fin de fomentar o crecemento do sector audiovisual en lingua galega na nosa comunidade autónoma.

Por todo isto,

DISPOÑO:

I. Bases para a concesión das subvencións.

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoiar o desenvolvemento de proxectos de produción audiovisual en lingua galega e a realización de producións audiovisuais en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dedicará un importe de 3.977.313 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353B.770 dos orzamentos xerais da

Comunidade Autónoma de Galicia, sendo a cantidade de 3.196.313 euros para a anualidade 2005 e a de 781.000 euros para a de 2006, ao abeiro do disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

No caso de que se solicite axuda plurianual para as anualidades referidas, farase constar expresamente na solicitude.

As bases xerais desta convocatoria son as contidas no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma (DOG nº 142, do 23 de xullo), que recolle o réxime de axudas rexionais autorizado pola Unión Europea (axuda estatal nº 498/2000).

Bases específicas comúns para a concesión das subvencións que se convocan:

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións as empresas produtoras audiovisuais e empresas de produción multimedia legalmente constituídas como tales no territorio da Unión Europea e que conten, polo menos, cunha axencia de representación en Galicia.

Os proxectos presentados ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse nun mínimo do 25% na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, nas bases específicas singulares determinaranse os requisitos concretos que deben cumprir os solicitantes para accederen a ambas as dúas modalidades.

Artigo 3º.-Motivos de exclusión.

Quedan excluídos os solicitantes que fosen beneficiarios dalgunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e incumprisen as bases e a finalidade establecida na súa convocatoria, así como proxectos encargados por terceiras persoas, e as producións didácticas e publicitarias.

Ademais, quedan excluídos aqueles solicitantes que, para o mesmo proxecto, xa fosen beneficiarios dunha axuda para a realización de proxectos de produción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores, convocadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 4º.-Obtención dos formularios de solicitude.

Os formularios para as solicitudes de axuda reguladas nesta orde serán cubertos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.xunta.es/conselle/cultura/index.htm ou tamén http://www.xunta.es/servicios/. Estes formularios así obtidos presentaranse asinados, sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal.

No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, ata o día do remate ás 12.00 horas, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, a través do teléfono: 981 54 45 23 ou no enderezo de correo electrónico cultura*xunta.es que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes.

Artigo 5º.-Formas de presentación de solicitudes, prazo e documentación.

A solicitude, coa súa documentación necesaria, poderase presentar na forma elixida de entre as que se detallan:

A) Presentación en soporte papel. As solicitudes, cubertas e obtidas conforme o artigo anterior, dirixiranse por duplicado ejemplar ao conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e presentaranse en soporte papel, asinadas, no rexistro xeral dos servizos centrais, nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

B) Presentación telemática. Aqueles solicitantes que posúan certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre-Real Casa de la Moneda, poderán presentar a solicitude, coa documentación necesaria que se sinala, transmitíndoas por vía telemática ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante a dita sinatura electrónica avanzada, no enderezo da internet sinalado no artigo 4º, elixindo esta opción na propia aplicación informática. Neste caso, os solicitantes formularán unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que lle poida ser requirida a exhibición do documento original en calquera momento do procedemento.

O representante legal que formule a presentación telemática deberá posuír o dito certificado dixital.

Para calquera das formas de presentación, o prazo será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Estas solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

a) Copia compulsada do DNI do representante ou solicitante.

b) Copia compulsada do documento público do poder notarial, co que actúa o representante, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

c) Copia compulsada do documento público da constitución legal da empresa inscrita no Rexistro Mercantil e da axencia constituída en Galicia.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Copia compulsada de certificado de inscrición no Rexistro de Empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais (ICAA).

f) Copia compulsada do documento acreditativo de estar ao día no pagamento do imposto de actividades económicas ou acreditación da exención de pagamento do citado imposto.

g) Documentación compulsada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

h) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

i) De xeito voluntario, o solicitante poderá facer unha prelación para os proxectos e solicitudes formulados nesta convocatoria.

Aquelas produtoras que, nas anualidades 2002, 2003 ou 2004, solicitasen axudas como as desta convocatoria, poderán xuntar unha declaración responsable de que se manteñen invariables as circunstancias ás que se refiren os documentos sinalados como a), b), c), d), e mais e) deste artigo que constan en poder da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, considerándose presentada a dita documentación para os efectos desta convocatoria.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a documentación técnica sinalada nas correspondentes bases específicas singulares de cada unha das modalidades de subvención.

Artigo 6º.-Tramitación.

Os servizos competentes da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión das subvencións, así como a determinación da viabilidade técnica e económica dos proxectos presentados.

Así mesmo, correspóndelle á Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual elevar a proposta de resolución, dentro das dispoñibilidades económicas, ao conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 7º.-Comisión asesora.

Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora, de carácter consultivo, nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida polo director xeral de Comunicación e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vogal en representación da CRTVG.

-Dous vogais en representación do sector audiovisual.

-Un vogal en representación das universidades de Galicia.

-Un vogal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vogal da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

-Un vogal do Consorcio Audiovisual de Galicia.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

A comisión asesora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e informará única e exclusivamente sobre os criterios que figuran respectivamente nos artigos 17º e 23º desta orde, segundo a modalidade de subvención.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis, segundo a puntuación que se sinala

no seguinte cadro e elaborarán un informe conxunto sobre os proxectos presentados.

Nivel: moi favorable. Tramos puntuación: 7-10.

Nivel: favorable. Tramos puntuación: 5-6.

Nivel: aceptable. Tramos puntuación: 3-4.

Nivel: desfavorable. Tramos puntuación: 0-2.

Artigo 8º.-Resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes previo ao recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar expresamente a súa aceptación comprometéndose a executar o proxecto subvencionado no prazo e condicións establecidas, empregando para ese trámite o modelo que figura como anexo V.

De non recibirse a aceptación, no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Garantías que hai que presentar.

De conformidade co establecido no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais nos seguintes supostos:

a) Anticipos que superen os 30.050,61 euros.

b) Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda de 30.050,61 euros.

A garantía deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses do remate do prazo de xustificación. A presentación da garantía realizarase ante a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo de quince días a partir da notificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Obrigas do beneficiario.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos

percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar as oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira, o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º.-Concorrencia de axudas.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza legalmente.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa, e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

II. Bases específicas singulares para a concesión das subvencións.

A) Subvencións para o desenvolmento de proxectos de produción audiovisual:

Artigo 14º.-Tipos de proxectos.

Será obxecto de subvención o desenvolvemento dos seguintes proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Telefilmes.

c) Series de televisión.

d) Producións multimedia.

e) Documentais.

Os devanditos proxectos terán a consideración que se sinala no artigo 21º.

Artigo 15º.-Beneficiarios de subvencións ao desenvolvemento.

Poderán optar a estas subvencións as empresas produtoras audiovisuais e empresas de produción multimedia legalmente constituídas e que teñan acordo ou contrato, como mínimo, cun guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

Artigo 16º.-Documentación técnica relativa ao proxecto.

Ademais da documentación sinalada no artigo 5º desta orde, xuntaranse sete exemplares encadernados da seguinte documentación técnica:

-Memoria explicativa do proxecto (2 páxinas máximo).

-Sinopse argumental (2 páxinas máximo).

-Tratamento e/ou borrador de guión (extensión mínima de 10 páxinas), con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

-Orzamento das actividades de desenvolvemento do proxecto, desenvolvendo o punto 2.2 do anexo II, incluíndo a incidencia no emprego existente e por crear, directo e indirecto.

-Acordo ou contrato co guionista.

- Historial profesional, técnico, económico e financeiro da produtora e relación de membros do equipo.

-Calquera outra documentación que o solicitante estime conveniente para a mellor defensa do proxecto.

Outro xeito alternativo de presentar esta documentación técnica pode ser anexando telematicamente os ditos documentos no formulario de solicitude que se obtén no enderezo da internet reflectido no artigo 4º.

De presentar a solicitude en soporte papel, a dita documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual polas produtoras no prazo de seis meses desde a publicación da convocatoria. Transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 17º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Interese do proxecto e calidade artística (orixinalidade e creatividade del).

b) A contribución ao fomento do emprego no sector e a implicación no proxecto de recursos de Galicia (a participación de profesionais, equipos técnicos ou artísticos galegos na produción) unha vez entrado en fase de produción.

c) Orzamento do proxecto de desenvolvemento achegado.

d) Contribución aos valores culturais de Galicia.

e) Historial profesional, técnico, económico e financeiro da productora e relación de membros do equipo.

Artigo 18º.-Contía das axudas para desenvolvemento.

As axudas poderán alcanzar, con carácter xeral, o 30% do importe subvencionable. Considerarase importe subvencionable o gasto asociado imputable e axustado aos proxectos aos que refire o artigo 14º da orde, excluídos impostos, que estará integrado pola suma dos gastos necesarios para a súa realización, gardando proporcionalidade coa cota de coprodución do solicitante.

Artigo 19º.-Xustificación do investimento.

1. Para o libramento da axuda anual, o beneficiario deberá solicitar o pagamento e presentar ante a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual a documentación xustificativa da realización do desenvolvemento do proxecto e a dos gastos subvencionables, sinalada nos números 2, 3 e 4 deste artigo, tendo de prazo ata o 31 de outubro, inclusive, de 2005.

2. Documentación que xustifica a realización do desenvolvemento do proxecto:

a) Un exemplar do guión definitivo en galego.

b) Un exemplar do plan de produción definitivo.

3. Documentación para xustificar os gastos subvencionables, que se presentarán por duplicado exemplar (caderno de copias compulsadas e caderno de simples copias):

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gasto, que inclúan o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas relativas aos gastos subvencionables correspondentes ao desenvolvemento do proxecto e nos termos expresados no orzamento presentado, excluído o IVE. Presentaranse coa mesma orde de capítulos e co mesmo número ordinal có asignado na relación numerada da alínea a).

4. Outros documentos exixidos polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentarán por duplicado exemplar (un orixinal e unha copia):

a) Declaración asinada do conxunto de axudas obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda concedida.

b) Certificados orixinais e actuais que acrediten estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social, de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais. As ditas certificacións expediranse para os efectos de subvención.

c) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, en que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

5º. Para o libramento da axuda plurianual, antes do 31 de outubro de 2005, o beneficiario presentará a documentación sinalada nos números 3 e 4 deste artigo.

Así mesmo, no 2006 e antes do 31 de outubro dese ano, o beneficiario presentará, ante a dita dirección xeral, a documentación sinalada nos números 2, 3 e 4 deste artigo.

Artigo 20º.-Publicidade da subvención recibida.

Na futura documentación do proxecto e nos títulos de crédito da produción resultante farase constar que recibiu unha subvención ao seu desenvolvemento por parte da Consellería de Cultura, Comunicación

Social e Turismo, Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual da Xunta de Galicia, coa súa imaxe corporativa.

B) Subvencións á produción audiovisual en lingua galega:

Artigo 21º.-Tipos de proxectos.

Para os efectos de clasificación dos proxectos, terán a consideración de:

a) Longametraxes, as producións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos.

b) Telefilmes, películas dirixidas á emisión en televisión.

c) Programas pilotos de series de televisión, os que mostren mediante un capítulo a viabilidade dun proxecto de serie televisiva.

d) Documentais, as producións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción.

e) Producións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais interactivos tanto na súa elaboración como no seu consumo.

Artigo 22º.-Documentación técnica que hai que presentar.

Ademais da documentación sinalada no artigo 5º desta orde, xuntaranse sete exemplares encadernados da seguinte documentación técnica:

a) Memoria explicativa (2 páxinas máximo).

b) Sinopse do proxecto (2 páxinas máximo).

c) Guión definitivo da produción.

d) Historial profesional, técnico, económico e financeiro da produtora e relación de membros do equipo.

e) Plan de produción co seu orzamento total, desenvolvendo o epígrafe 2.2 do anexo IV, incluíndo a incidencia no emprego existente e por crear, directo e indirecto.

f) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

g) Calendario desagregado do gasto para a execución do traballo (gastos xerais, gasto de persoal, servizos contratados para as producións, material, consumibles, outros), indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano no caso de solicitude de axuda plurianual.

h) Calquera outra documentación que o solicitante estime pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Outro xeito alternativo de presentar esta documentación técnica pode ser anexando telematicamente os ditos documentos no formulario de solicitude que se obtén no enderezo da internet reflectido no artigo 4º.

De ser o caso de presentación en soporte papel, a documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual polas produtoras no prazo de seis meses desde a publicación da convocatoria. En todo caso transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 23º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Grao de desenvolvemento do proxecto, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias.

b) Calidade do proxecto: guión e calidade artística prevista para a súa presentación.

c) A contribución ao fomento do emprego no sector e a aplicación no proxecto de recursos de Galicia (a participación de profesionais, equipos técnicos ou artísticos galegos na produción). Utilización de recursos de Galicia (persoal artístico, técnico e servizos instalados en Galicia, así como a rodaxe na Comunidade Autónoma).

d) Constribución aos valores culturais de Galicia.

e) Historial profesional, técnico, económico e financeiro da produtora.

Artigo 24º.-Contía da axuda.

Considérase importe subvencionable, o gasto asociado imputable e axustado ao proxecto, que estará integrado pola suma dos gastos necesarios para a súa realización ata a obtención da primeira copia estándar, excluídos impostos, gardando proporcionalidade coa cota de coprodución do solicitante, podendo alcanzar as axudas, con carácter xeral, as porcentaxes do importe subvencionado que se relacionan a continuación.

1. Proxectos de longametraxe: ata o 25%.

2. Proxectos de documentais: ata o 30%.

3. Proxectos de telefilmes: ata o 30%.

4. Proxectos de programas pilotos de series de televisión: ata o 30%.

5. Proxectos de produción multimedia: ata o 30%.

Artigo 25º.-Obrigas do beneficiario.

1. As producións subvencionadas terán que axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

2. As produtoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da produción subvencionada, no caso de que estas varíen respecto das previsións do proxecto.

3. Nos títulos de crédito da produción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a produción foi subvencionada pola Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 26º.-Xustificación de gastos.

1. Para o libramento da axuda anual, o beneficiario deberá solicitar o seu pagamento e presentar ante a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual a documentación xustificativa da realización da produción audiovisual subvencionada e a dos gastos

subvencionables, sinalada nos números 2, 3 e 4 deste artigo, tendo de prazo ata o 31 de outubro, inclusive, de 2005.

2. Documentación que xustifica a realización da produción do proxecto:

a) Un exemplar en formato DVD da produción audiovisual resultante final.

3. Documentación para xustificar os gastos subvencionables, que se presentará por duplicado exemplar (caderno de copias compulsadas e caderno de simples copias):

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas relativas aos gastos subvencionables realizados na anualidade que corresponda xustificar, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no orzamento presentado, excluído o IVE. Presentaranse coa mesma orde de capítulos e co mesmo número ordinal que o asignado na relación numerada na alínea a).

4. Outros documentos exixidos polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro (un orixinal e unha copia):

a) Declaración complementaria do conxunto de axudas obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá presentarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda concedida.

b) Certificados orixinais e actuais que acrediten estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social, de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais. As ditas certificacións expediranse para os efectos de subvención.

c) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

5. Para o libramento da axuda plurianual, antes do 31 de outubro de 2005, o beneficiario presentará, ante a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, a documentación sinalada nos números 3 e 4 deste artigo.

Así mesmo, en 2006 e antes do 31 de outubro dese ano, o beneficiario presentará, ante a dita dirección xeral, a documentación sinalada nos números 2, 3 e 4 deste artigo.

Artigo 27º.-Obriga de entrega definitiva da produción audiovisual.

En calquera caso, o beneficiario non poderá percibir máis do 80% da subvención total concedida ata a entrega definitiva da produción audiovisual, que se realizará antes do 31 de decembro da anualidade que corresponda, en lingua galega, e que constará de dúas copias no formato final elixido na solicitude segundo as seguintes modalidades:

-Longametraxes: 35 mm.

-Documentais: 35 mm ou Betacam dixital ou SP, segundo proxecto.

-Telefilms: Betacam dixital ou SP.

-Programas pilotos de serie de televisión: Betacam dixital ou SP.

-Multimedia: CD Rom ou DVD Rom.

As copias entregadas á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe dependente da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. En todo caso, e para estes fins, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposición transitoria

Esta convocatoria de subvencións tramítase anticipadamente ao abeiro do previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 33, do 19 de febreiro), modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, na dita tramitación anticipada poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos de trámite ditados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ao se ditar o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles actos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación e Audiovisual para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO V

Aceptación da subvención

A empresa..., co NIF nº..., representada por...

respecto da convocatoria de subvencións e empresas vinculadas co sector audiovisual para apoiar o desenvolvemento de proxectos de produción en lingua galega, así como a produción audiovisual en lingua galega, convocada por Orde do... de 2004, (DOG nº..., do... 2004) recibiu a notificación da resolución do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, adxudicándolle un importe de... euros, para (desenvolvemento/produción)... do proxecto denominado... como axuda de carácter (anual /plurianual)...

Por iso, mediante este escrito, cumpro co trámite previsto no artigo 9 da referida convocatoria e ante a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, manifesto expresamente a aceptación da

dita subvención, comprometéndome a executar o proxecto subvencionado no prazo e condicións establecidas.

(Lugar e data)

(Sinatura)

Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

Edf. administrativo San Caetano, bloque 3, 15701 Santiago de Compostela.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL