DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.614

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se convocan as axudas para a mellora da eficiencia da xestión técnico-económica das explotacións agrarias para o ano 2005.

A agricultura galega segue a adaptarse ao contorno económico global protagonizando cambios estruturais nas explotacións agrarias que redundan en melloras que afectan tanto as estruturas coma as producións e calidade delas, así como o contorno ambiental e de benestar dos animais das explotacións que permanecen no sector.

Este proceso debe continuar nos vindeiros anos, co fin de seguir mellorando a competitividade e a eficacia produtiva das explotacións, no marco do Regulamento (CE) 1257/1999, do 17 de maio, sobre axuda ao desenvolvemento rural, modificado polo Regulamento (CE) 1783/2003, do 17 de maio, do previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias e do disposto no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, sobre melloras estruturais e modernización das explotacións agrarias, (modificado polo Real decreto 1650/2004, do 9 de xullo), e tendo en conta a problemática específica das explotacións agrarias de Galicia.

Neste sentido, a nova Política Agraria Común, cuxas novas directrices foron aprobadas nos últimos meses, ten repercusións non só económicas senón tamén sociais e ambientais. Deste xeito foméntanse medidas que axuden a aplicar máis rapidamente a normativa baseada en materia de ambiente, saúde pública, sanidade animal e fitosanidade, benestar dos animais e seguridade no traballo. Así, os sistemas de asesoramento agrario previstos nos regulamentos comunitarios de carácter horizontal deben servir para definir e propoñer melloras da situación actual no que respecta a estas normas regulamentarias.

As actuacións previstas nesta orde son cofinanciadas polo FEOGA nun 75% e pola Comunidade Autónoma de Galicia no 25% restante, conforme o Programa Operativo Integrado de Galicia, aprobado pola Comisión da Unión Europea.

Por iso polo que os sistemas de asesoramento perfílanse como os instrumentos máis axeitados para levar a cabo a xestión técnico-económica das explotacións, ademais das medidas relacionadas co ambiente, hixiene e benestar dos animais.

Por estes motivos ponse en marcha esta orde para convocar as axudas incluídas no programa de desenvolvemento rexional de Galicia no marco do disposto no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, dirixidas principalmente, a lograr a modernización das explotacións agrarias a través de medidas para o fomento

dos servizos que deben recibir estas co obxectivo de mellorar a eficiencia da súa xestión.

O coñecemento da evolución dos distintos índices técnico-económicos das explotacións e a súa análise en cada sector produtivo, para elaborar recomendacións de xestión que poidan servir para a toma de decisións dos titulares das explotacións, é unha vía que contribúe claramente á diminución de custos e mellora da renda das explotacións. As axudas ás agrupacións de agricultores para realización de investimentos, formación e contratación de persoal técnico que permita a prestación destes servizos incentivan a consecución dos devanditos obxectivos.

Con base no anterior, esta orde convoca as axudas para o ano 2005, de conformidade co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Liña de axuda.

O obxecto desta orde é establecer as bases e a convocatoria das axudas para o ano 2005 ao abeiro do establecido no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, sobre melloras estruturais e modernización das explotacións agrarias, e demais normativa concordante, das axudas a agrupacións e asociacións agrarias para a creación e incremento, de ser o caso, de servizos de axuda á xestión de explotacións.

Artigo 2º.-Tipo e contía da axuda.

1. Poderáselles conceder ás agrupacións e asociacións agrarias que o soliciten unha axuda para a creación ou incremento de servizos de axuda á xestión das explotacións destinada a contribuír á cobertura dos custos de funcionamento.

2. A axuda concederase para sufragar o custo da actividade dos axentes encargados de contribuír á xestión técnica, económica, financeira e administrativa de cada unha das explotacións agrarias.

3. A devandita axuda non poderá superar a cantidade de 10.818,21 A por ano e axente dedicado

a tempo completo nin 32.454,65 A por solicitante para realizar as actividades previstas anteriormente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ter acceso a estas axudas as agrupacións e asociacións agrarias nas cuxa forma xurídica sexa a dunha cooperativa, SAT ou agrupación de agricultores, formalmente constituída, mediante documento subscrito por todos os seus membros. Estas deberán utilizar os servizos, a tempo completo, de entre un e tres técnicos cualificados para o desenvolvemento da xestión técnica, económica, financeira e administrativa das explotacións agrarias, sen que o número de agricultores afiliados sexa inferior a 20 por cada técnico, agás naqueles casos en que, por razóns da orientación produtiva das explotacións, a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria valore pertinente reducir este límite.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes e prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e rematará o día 5 de marzo de 2005, ambos os dous inclusive, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e preferentemente nos servizos provinciais de Explotacións Agrarias da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda no modelo de impreso que se xunta como anexo I, con toda a documentación indicada nesta orde.

Artigo 5º.-Documentación.

Xunto coa solicitude de axuda segundo o modelo do anexo I presentarase a seguinte documentación:

a) Copia dos estatutos e do CIF da entidade.

b) Documento subscrito por cada un dos membros participantes no programa, no cal se indiquen os datos de identificación deles e das súas explotacións, así como a finalidade do programa de xestión empresarial que se vaia realizar e os compromisos adquiridos para levalo a cabo.

c) Programa de xestión, que inclúa unha memoria, indicando a necesidade, medios materiais e humanos para realizalo, normas de funcionamento, fins e resultados esperados para cada ano. Este programa de xestión empresarial terá que considerar, polo menos, algún dos seguintes obxectivos:

-Analizar os resultados das contabilidades dos agricultores, co fin de fundamentar consellos de xes

tión para as súas explotacións e as de agricultores con explotacións similares.

-Prestar asistencia técnica en aspectos relacionados coa actividade produtiva desenvolvida polas explotacións dos asociados, incidindo nas materias relacionadas co cumprimento da normativa en benestar animal e hixiene deles, así como asesoramento en materia de planificación, execución e financiamento de investimentos nas explotacións.

-Outros aspectos relacionados coa xestión técnica, económica, financeira e administrativa das explotacións.

d) Presentar o currículum vitae, que inclúa copia da titulación académica, de cada axente de xestión. Segundo este, os servizos provinciais de Explotacións Agrarias determinarán, en cada caso, a idoneidade daquel para o desenvolvemento das funcións previstas no programa de xestión empresarial de acordo coa titulación e experiencia. Cando un axente de xestión cause baixa na agrupación e sexa substituído por outro, esta circunstancia deberá ser posta en coñecemento da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural nun prazo máximo de 30 días desde que se produciu a baixa, solicitándose a autorización para o cambio e presentando a devandita documentación referida ao novo técnico.

e) Certificado de titularidade de conta en entidade financeira.

f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da comunidade autónoma, de ser o caso.

Artigo 6º.-Priorización de solicitudes.

Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde.

Os expedientes completos e que cumpran todas as condicións exixidas clasificaranse en función dos seguintes criterios.

a) Orientación produtiva das explotacións.

b) Número de explotacións receptoras do servizo de asesoramento.

c) Forma xurídica da entidade, coa seguinte prelación:

a) Cooperativa.

b) SAT.

c) Asociación.

d) Agrupación.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

Os servizos provinciais de Explotacións Agrarias comprobarán a documentación requirida na orde e farán o control administrativo, elaborando posteriormente as correspondentes propostas de aprobación que, co visto e prace do delegado provincial, serán remitidas para a súa aprobación á Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria.

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, por proposta do director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, resolverá sobre as solicitudes presentadas, no prazo máximo de nove meses contados a partir da entrada en vigor desta orde, e notificarállelo posteriormente aos interesados. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase expresamente a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Certificación e controis.

Só serán auxiliables os programas iniciados no ano da respectiva convocatoria, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre eles.

Dentro de cada convocatoria, unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, os interesados deberán comunicarllo, por escrito, ao respectivo Servizo Provincial de Explotacións Agrarias, con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución das actividades ou investimentos. De non facelo deste xeito, entenderase que renuncian ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión ditada e debendo reintegrar as cantidades percibidas, de ser o caso, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.

1. Coa certificación, a agrupación de xestión empresarial enviará aos servizos provinciais de Explotacións Agrarias, xunto coas facturas e nóminas pagadas, unha memoria da actividade realizada, na cal se indicarán os datos técnicos e económicos que, de acordo co programa de xestión desenvolvido, permitan avaliar os resultados de cada ano. Esta memo

ria incluirá, ademais, unha relación das explotacións que recibiron asistencia técnica e un resumo das visitas efectuadas. Así mesmo, con idéntica periodicidade, a AXE remitirá certificado de estar ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da comunidade autónoma, así como copia do contrato laboral e das nóminas percibidas polo axente de xestión non dito período.

2. A Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria poderá realizar controis sobre as explotacións para determinar o cumprimento do programa de xestión empresarial. A devandita direción xeral porá á disposición dos solicitantes da axuda as aplicacións informáticas de xestión para diversos tipos de actividades agrícolas e gandeiras, mediante a aceptación previa das correspondentes condicións de cesión e uso.

Artigo 10º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

Os solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, o solicitante e/ou beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda máis os xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo

1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas no artigo 25 do Real decreto 613/2001.

Artigo 13º.- Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14º.-Financiamento.

1. A participación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no financiamento deste programa de axudas axustarase ao disposto no Real decreto 613/2001, e no Programa operativo integrado de Galicia.

2. No proxecto de lei de orzamentos para o 2005 existe dotación orzamentaria adecuada para o exercicio 2005 con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A 777.0 na cal existe crédito adecuado para o ano 2005 de cento cincuenta mil euros (150.000 euros), e para o ano 2006 de cento corenta e sete mil euros (147.000 euros). A citada aplicación orzamentaria poderá verse incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta comunidade autónoma.

3. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2005 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia; a concesión de axudas quedará sometida á condición

suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-Solicitude de datos pola Administración.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Economía e Facenda para solicitar a expedición dos certificados acreditativos de estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, sinalar expresamente na solicitude de axuda que autoriza a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria ou os servizos provinciais de Explotacións Agrarias para que poidan solicitar no seu nome a dita información por vía informática aos citados organismos.

Segunda.-Infraccións e sancións.

Ademais do disposto no Regulamento (CE) 1260/1999, do Consello, do 21 de xuño, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais e demais regulamentación comunitaria concordante, seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Terceira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no disposto no Decreto 287/2000, polo que se determina o réxime xeral de subvencións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

Jose Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural