DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.591

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se convocan para o ano 2005 as axudas para a mellora estrutural e adaptación dos procesos produtivos e sementes e plantas de viveiro de calidade.

A produción de sementes e plantas de viveiro constitúe unha actividade económica cunha importante e decisiva repercusión na produtividade e renovación das plantacións, así como na súa sanidade.

A normativa comunitaria impón aos produtores a responsabilidade en materia de controis, de medidas de control e de adaptación dos seus sistemas produtivos, para garantir a calidade do material vexetal obtido; e os investimentos e medidas que se vaian efectuar teñen que promoverse co mellor nivel tecnolóxico e de organización posible.

Por outra banda, nesta Comunidade Autónoma existen algunhas producións agrarias de grande importancia e tradición que están condicionadas polo mínimo desenvolvemento do sector produtor de sementes e plantas de viveiro.

Polo tanto, é necesario continuar incentivando as empresas, dentro do marco das axudas aos investimentos previstos no programa operativo integrado de Galicia 2000-2006, financiadas ao 75% polo Feoga-Orientación.

A orde desta consellería, do 21 de xuño de 2002, modificada pola sección primeira da Orde do 23 de decembro de 2003, estableceu as bases reguladoras das axudas para a mellora estrutural e adaptación dos procesos produtivos de sementes e plantas de viveiro de calidade.

A devandita orde cumpre os requisitos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, pola que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas para a mellora estrutural e adaptación dos procesos produtivos de sementes e plantas de viveiro de calidade en Galicia, con vixencia indefinida, cómpre establecer a súa convocatoria para o ano 2004, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos exixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer a convocatoria, para o ano 2005 das axudas para a mellora estrutural e adaptación dos procesos produtivos de

sementes e plantas de viveiro de calidade en Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 21 de xuño de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 125, do 1 de xullo, coas modificacións introducidas na sección primeira da Orde do 23 de decembro de 2003 (DOG nº 253, do 31 de decembro).

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás axudas previstas no artigo 5 da Orde do 21 de xuño de 2002, os beneficiarios sinalados no artigo 2 deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 da devandita orde, coas modificacións introducidas na sección primeira da Orde do 23 de decembro de 2003.

2. As axudas teñen por finalidade, por unha parte, fomentar a produción de sementes e plantas de viveiro de calidade como condicionante principal dunha produción agraria diferenciada e adaptada ás exixencias do mercado e, por outra, incentivar o desenvolvemento deste sector naquelas especies de especial transcendencia para Galicia que non teñen suficientemente establecido un control directo ou sistema de certificación que garanta un material vexetal de partida coa calidade contrastada e adaptado ás propias peculiaridades.

3. Co obxecto de favorecer a programación dos investimentos adaptándose ás necesidades de desenvolvemento por fases, estas axudas terán un carácter plurianual, podéndose conceder para o ano desta convocatoria e para o seguinte.

Artigo 3º.-Prazo e presentación de solicitudes de axuda.

1. O prazo das solicitudes de axuda iníciase ao día seguinte da publicación da presente orde e remata o vindeiro día 1 de marzo de 2005. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nos servizos provinciais de Explotacións Agrarias da delegación provincial competente ou nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ao modelo do anexo I da Orde do 21 de xuño de 2002 e achegarán, ademais, toda a documentación á que se refire o artigo 6.1º, segundo redacción dada pola sección primeira da Orde do 23 de decembro de 2003, así coma os modelos dos anexos II, III, IV e, se é o caso, V daquela, conforme se indica na disposición adicional única desta orde.

3. O orzamento resultante dos investimentos que conformen o programa, deberá estar claramente detallado por anualidades, no caso de que se pretenda efectuar parte dos investimentos no ano seguinte ao desta convocatoria.

Artigo 4º.-Xustificación.

1. O cumprimento da finalidade para o que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade co previsto no artigo 9 da Orde do 21 de xuño de 2002.

Así, os interesados deberán comunicar por escrito a finalización do programa dentro do prazo concedido para a súa execución, xuntando os xustificantes do investido, tales como facturas pagadas e, ademais, unha memoria explicativa sobre a súa realización. Ademais, no momento da certificación das ditas actuacións, deberán xustificar que están ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Para aqueles investimentos que se executarán no ano 2006 o prazo máximo para a súa execución é ata o 30 de xuño de 2006.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta para o exercicio 2005 existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, na aplicación 09.03.614A.7760 (código de proxecto 2002.09807) por un importe total de 1.029.307 euros, que poderá incrementarse con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia das modificacións orzamentarias.

2. Para aqueles expedientes que se executarán no exercicio 2006, disporase de 200.000 euros de crédito futuro na aplicación orzamentaria mencionada na epígrafe anterior.

3. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre e cando exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2004 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das ditas axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Disposición adicional

Única.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Economía e Facenda para solicitar a expedición dos certificados acreditativos de atoparse ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo V da Orde do 21 de xuño de 2002, para os efectos de que a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria ou os servizos provinciais de Explotacións Agrarias, poidan solicitala por vía informática.

Non obstante quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de

outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 41.un.g) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, condicionado á súa aprobación definitiva.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural