DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.587

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se establecen as indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando nos programas de erradicación de enfermidades animais para 2005.

Os titulares dos animais reaccionantes positivos ás probas diagnósticas establecidas nos programas de erradicación de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún e ovino-cabrún para os que se estableceu o sacrificio obrigatorio pola imposibilidade de establecer un tratamento terapéutico, implica que os gandeiros de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal e demais lexislación concordante recibirán a correspondente indemnización en función dos baremos aprobados oficialmente.

Por outra banda, a declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) realizada por Orde do 22 de novembro de 2000 implica, de conformidade co disposto no artigo 2.2º do Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, a aplicación das medidas xerais e específicas previstas na lexislación comunitaria, a Lei 8/2003,

de sanidade animal, o Regulamento de epizootias e demais normas concordantes.

O Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e regula o Programa integral e coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, no seu artigo 9, establece que o sacrificio dos animais, por sospeita e/ou confirmación destas enfermidades, dará dereito a unha indemnización por sacrificio obrigatorio de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, establecen que poderán concederse compensacións por unha contía igual ao valor normal dos animais sacrificados.

As devanditas circunstancias obrigan a Administración autonómica a establecer un marco complementario, que coadxuve ao sector gandeiro a soportar os efectos da declaración da encefalopatia esponxiforme bovina, así como a facilitar a súa predisposición de cara a un total cumprimento do programa,

coñecidas as consecuencias económicas que esta situación ten para o sector produtor de carne en Galicia.

Ademais, esta Administración non se pode abstraer da situación de alarma social creada, polo que ten que adoptar todas as medidas sanitarias precisas que impidan riscos para a saude pública e dispoñer de todos os medios necesarios que aseguren o cumprimento do programa, entre elas o establecemento dunha dotación complementaria polo sacrificio dos animais da explotación.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é o establecemento das contías das indemnizacións a que teñen dereito os titulares de animais e/ou produtos sacrificados e/ou destruídos por motivo de erradicación de enfermidades animais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios:

1. Os titulares dos animais que se sacrifiquen por resultar reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, serán indemnizados conforme o establecido nos artigos seguintes.

2. Os titulares dos animais e os seus produtos de calquera especie sacrificados e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presencia dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles, tamén serán indemnizados de acordo co establecido nos artigos desta orde.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

1. As contías das indemnizacións serán as que correspondan en cada momento segundo os baremos ou prezos oficiais oficialmente aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

2. No caso dos animais o produtos sacrificados ou destruídos por motivo das encefalopatías esponxiformes transmisibles, cando a aplicación dos prezos citados non acade o valor medio normal dos animais ou produtos nos mercados de referencia, incrementarase cunha achega complementaria ata que sexa un importe equivalente.

Artigo 4º.-Requisitos.

Para poder ter dereito as indemnizacións establecidas nesta orde é imprescindible o cumprimento estrito da normativa en vigor sobre sanidade animal, programas de erradicación de enfermidades animais

e vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles. Esta normativa recóllese na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal; Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955; R.D. 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación das enfermidades dos animais; Regulamento (CE) 999/2001, do Parlamento Europeo e do Consello, referente á vixilancia epidemiolóxica e aos controis das encefalopatías esponxiformes transmisibles e as súas posteriores modificacións; Regulamento (CE) 1774/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados ao consumo humano; e en todas aquelas normas de desenvolvemento en materia de sanidade animal.

Artigo 5º.-Financiamento.

As indemnizacións establecidas nesta orde, así como as correspondentes aos animais sacrificados ou produtos destruídos que non pudieron ser tidos en conta por presentar os certificados de sacrificio ou destrución con posterioridade ao pechamento do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo ás seguintes aplicacions orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005:

-09.03.613-A.770.0 programas sanitarios especiais destínase inicialmente un importe de 700.000 euros

-09.03.613-A.470.0 compensacións por encefalopatías esponxiformes destínase inicialmente un importe de 50.000 euros.

Que serán incrementados na medida necesaria para que poidan ser atendidas todas as solicitudes recibidas.

A concesión da axuda estará condicionada a aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, de acordo co artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo e documentación.

1. As solicitudes de indemnización, nas que se relacionarán os crotais dos animais dos que se solicita a indemnización, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte da data de publicación da presente orde ata o 21 de novembro de 2005, incluíndo esta data no cómputo do prazo.

2. Xunto coa solicitude os beneficiarios presentarán a seguinte documentación:

A) Para todas as solicitudes:

a) Declaración complementaria do conxunto de axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a conta indicada na solicitude para a domiciliciación dos pagamentos lles corresponde aos solicitantes.

B) Para as solicitudes de indemnización por sacrificio por brucelose ou tuberculose, ademais:

a) Certificado de sacrificio das reses nun matadoiro autorizado par asacrificar animais positivos a enfermidades sometidas a programas de erradicación.

C) Para as solicitudes de indemnización por motivo de encefalopatías esponxiformes, ademais:

a) Documentos xustificantes do envío a destrución hixiénica dos animais ou produtos de xeito que se asegure a súa destrución total mediante incineración ou otro método autorizado pola normativa vixente.

b) No caso de solicitude de indemnización por destrución de canais, o documento acreditativo da titularidade da canal e das súas características respecto ao seu peso, conformación e prezo por quilogramo. No caso de solicitude de indemnización por destrución doutros produtos xenéticos, o documento acreditativo da titularidade en que se indiquen as características xenealóxicas e o valor económico.

3. Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

Unha vez comprobados os requisitos exixidos nos artigos anteriores, polas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria:

1. Será emitida resolución do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural de aprobación ou denegación da indemnización en que se especificarán os recursos que procedan. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que transcorridos tres meses desde o rexistro da solicitude de indemnización, non se rexistrase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a indemnización. Transcorrido o dito prazo, o interesado disporá de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a indemnización para interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzca o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 29/1988, do 13 se xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra que poida obterse de distintas administracións para esta finalidade.

Artigo 9º.-Reintegro.

O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar (artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Disposición adicional

Nos aspectos non contidos nesta orde, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro), e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural