DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.581

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se regulan as axudas á promoción, comercialización e mellora da calidade dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos e se convocan para o ano 2005.

A transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios ten cada día maior importancia no conxunto da economía agraria en xeral e da galega en particular.

Por outra banda, as tendencias actuais de mercado inclínanse cara ao consumo de produtos transformados diferenciados, naturais e con forte imaxe de calidade. Ademais, son cada vez maiores as exixencias do mercado en canto á normalización, presentación comercial e calidade dos produtos.

Dentro deste contexto hai que enmarcar as actuacións que nos últimos anos vén desenvolvendo a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no fomento dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos e moi especialmente daqueles produtos que contan con algún distintivo de calidade, como as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas ou os produtos procedentes da agricultura ecolóxica.

Dentro desta liña de actuacións, esta orde establece as axudas que se outorgarán durante o ano 2005 aos consellos reguladores dos distintos produtos con indicativo de calidade e a asociacións sectoriais sen fins de lucro, para investimentos encamiñados á promoción, á comercialización e á mellora da calidade dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos.

Estas axudas redundan de xeito indirecto nos produtores e nas industrias agroalimentarias galegas, en xeral de pequeno e mediano tamaño e con dificultades de acceso aos mercados, especialmente aos de fóra de Galicia, xa que favorecen a transformación na comunidade autónoma de produtos diferenciados e con elevado valor engadido, baseándose en materias primas de excelente e contrastada calidade.

En virtude do exposto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular as axudas que vai conceder a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural aos investimentos para a promoción, comercialización e mellora da calidade dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos realizados durante o ano 2005.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Os consellos reguladores dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade.

b) As asociacións sen fins de lucro de produtores e/ou de empresas agrarias e agroalimentarias (en diante asociacións sectoriais) que teñan entre os seus obxectivos a promoción, a mellora das condicións de comercialización e/ou a mellora da calidade dalgún produto agrario ou agroalimentario galego.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables e contía das axudas.

Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas seguintes actividades:

a) Promoción.

As accións subvencionables serán actuacións de promoción xenéricas que, en todo caso, se axustarán aos requisitos e limitacións recollidos nas directrices sobre axudas estatais para a publicidade de produtos agrarios incluídos no anexo I do Tratado CEE, e de determinados produtos non incluídos nel (DOCE C252, do 12 de setembro de 2001).

Para as campañas publicitarias en medios de comunicación establécese unha porcentaxe máxima do 50% do investimento subvencionable, consonte co disposto na normativa comunitaria antes citada. Como requisito previo á súa difusión, as campañas publicitarias deberán ser supervisadas e aprobadas por esta consellería.

No caso doutras accións promocionais distintas das campañas publicitarias tales como presentacións públicas, degustacións, catas comentadas, etc., a axuda poderá acadar o 75% do investimento subvencionable.

Nas actuacións realizadas, os produtos elaborados polas empresas inscritas ou asociadas empregados nas campañas de promoción, poderán ser considerados como parte da porcentaxe de achega ao investimento correspondente ao solicitante, valorándose a prezos de orixe.

b) Feiras e certames comerciais.

Poderá subvencionarse a participación en feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar unha axuda para asistir a distintos eventos, poderá acumular nun só expediente todos aqueles que se produzan no mesmo ámbito xeográfico (peninsular ou extrapeninsular), pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento

pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou certames comerciais aos que se refira o expediente.

Serán tamén subvencionables a organización de feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario, con exclusión das relativas a concursos, exposicións e feiras de gando.

As axudas serán subvencións cos límites que se determinan de seguido:

-Asistencia: no territorio peninsular (incluído Portugal), ata un 50% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 6.000 A por cada asistencia.

Nos demais casos, ata un 60% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 6.000 A por cada certame.

Neste epígrafe terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de instalación do posto (aluguer de espazo e mobiliario, decoración, seguros, etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante, sendo, neste último caso, a cantidade máxima subvencionable a regulamentariamente establecida para os funcionarios do grupo 2º da comunidade autónoma.

-Organización: ata un 50% dos investimentos subvencionables, cun máximo de 18.000 A.

c) Estudos, xornadas técnicas, seminarios e congresos.

Serán subvencionables os estudos de viabilidade, de investigación e prospección de mercados, así como os que teñan por obxecto a mellora da calidade ou dos procesos de comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos. Incluiranse tamén os estudos de conxuntura, análise das perspectivas e evolución dos mercados, sempre que poidan ter unha incidencia directa na mellora dos procesos de comercialización.

Subvencionarase tamén a organización e realización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan como obxectivo a mellora da calidade na produción, elaboración e na comercialización dos produtos agrarios ou agroalimentarios galegos.

Con carácter xeral, as axudas poderán chegar ata o 70% dos investimentos subvencionables. No caso de estudos destinados á preparación de solicitudes de recoñecemento de denominacións de calidade, poderán acadar o 100% dos gastos subvencionables.

d) Programas.

Serán subvencionables aqueles programas que teñan como obxectivo a mellora da calidade e o

fomento da normalización, tipificación e control da calidade dalgún produto agrario ou agroalimentario galego.

A axuda poderá chegar ata o 100% do gasto subvencionable, respectándose, en todo caso, as limitacións que neste respecto se recollen nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (DOCE C28, do 1 de febreiro de 2000).

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Na resolución das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Incidencia potencial da actuación na mellora da calidade dos produtos e na súa comercialización (ata 10 puntos).

-Importancia da actuación para o desenvolvemento da actividade do consello regulador ou da asociación (ata 10 puntos).

-Relación custo/beneficio da actuación (ata 10 puntos).

-Axuste das actuacións ás demandas do mercado (ata 10 puntos).

Artigo 5º.-Limitacións de carácter xeral.

En todo caso a contía das axudas recollidas no artigo 3 axustarase ao establecido na normativa de aplicación xeral vixente e, en particular, ao contido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (DOCE C28, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante que, entre outras limitacións, establece que a concesión de axudas terá carácter decrecente no caso das outorgadas para os gastos dos controis efectuados co fin de garantir a autenticidade dos produtos certificados polas denominacións de calidade, ata a súa desaparición ao sétimo ano da súa aplicación; e que a contía máxima da axuda que se deberá percibir polas actuacións recollidas nas súas seccións 13 (axudas destinadas á produción e comercialización de produtos agrícolas de calidade) e 14 (apoio técnico ao sector agrario, no cal se inclúe a organización e participación nas feiras), non poderá superar, para cada unha das seccións, a cantidade de 100.000 euros por beneficiario nun mesmo período de tres

anos ou, tratándose de pequenas e medianas empresas, non poderá exceder o 50% dos gastos subvencionables, segundo cal sexa a cifra máis favorable.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da presente orde e rematará o 31 de marzo de 2005.

2. Os interesados deberán presentar, preferentemente nos servizos centrais e nas delegacións pro

vinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, segundo o modelo do anexo I que vai con esta orde. Deberase presentar unha instancia por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción establecida no artigo 3, alínea b), para a participación en feiras e certames comerciais.

b) Documentación complementaria que se recolle no anexo II desta orde.

Artigo 7º.-Tramitación de solicitudes.

1. A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria poderá solicitar calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá as solicitudes por proposta do director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, en función das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios de valoración establecidos no artigo 4º.

3. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Tramitación do pagamento das axudas.

1. Executados os investimentos o beneficiario presentará, preferentemente nos servizos centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e sempre destinada á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas e fotocopias, cunha relación numerada delas.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

c) Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida polo órgano de recadación da Consellería de Economía e Facenda de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma.

Para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias o solicitante poderá optar por acudir individualmente

á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para solicitar a expedición do certificado xustificativo correspondente, ou ben por autorizar a Xunta de Galicia para que o solicite por vía informática. Neste último caso deberá cubrir a autorización que figura como anexo III desta orde e entregala co resto da documentación no momento de cubrir a solicitude de axuda.

Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as axudas especificadas no artigo 41 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

d) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nas anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

d.1) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, anuncios, etc.)

d.2) No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria en que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

d.3) No caso de estudos: unha copia destes.

d.4) No caso de programas: memoria das actividades realizadas e valoración do seu desenvolvemento e dos resultados obtidos.

e) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse efectuar pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os investimentos realizados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que lle foi concedida.

3. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos.

4. No caso de pagamentos parciais, cando a contía da subvención exceda de 30.050,61 euros, e no de anticipos que superen o devandito importe, será preciso que o beneficiario presente as garantías establecidas no artigo 17 do citado Decreto 287/2000.

Artigo 9º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos establecidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 10º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de mora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e actuación administrativa.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, antes citados.

Artigo 11º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde poderán ser compatibles con calquera outra, sen que, en ningún caso, a contía total das axudas percibidas supere o custo da actividade subvencionada, nin os límites establecidos nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (DOCE C28/02, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.615A.770.0 e 09.04.615A.780.0 dotadas inicialmente con 1.600.000 e 80.000 A, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Segunda.-En todo caso, a concesión das axudas condiciónase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para ditar as disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural