DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.572

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se convocan para o ano 2005 axudas para o desenvolvemento de accións formativas complementarias para agricultores e das súas familias, que serán impartidas por asociacións sen ánimo de lucro e vinculadas ao sector agrario da Comunidade Autónoma de Galicia.

A achega do sector agrario á actividade económica e á dinámica social en Galicia ten unha gran magnitude e importancia dentro da sociedade, polo que é preciso atender ás súas demandas en canto á mellora das condicións de traballo, sobre todo nunha época como a actual de profundas transformacións na estrutura da agricultura.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ten, entre outros fins, o de promover e orientar, a través da formación e innovación, as accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais para activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social, a introdución de producións alter

nativas e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ao logro deste obxectivo. Así mesmo, e dentro das medidas para o crecemento e o emprego da Xunta de Galicia, considérase conveniente promover accións encamiñadas á introdución de novas tecnoloxías para o fomento dunha economía sustentable, atendendo así, á demanda da mellora da calidade de vida no medio rural.

Para acadar este fin, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural promove accións formativas directas, que é preciso completar con outras accións que permitan unha formación integral encamiñada a fortalecer a calidade da produción, a súa transformación e comercialización e mellorar o medio rural. Por isto, é necesario manter as axudas que faciliten, a través de asociacións, sen ánimo de lucro vinculadas ao sector agrario, o desenvolvemento de cursos complementarios á formación agraria dirixidos a aquelas persoas que se atopen no medio rural e desexen mellorar as técnicas e coñecementos que van aplicar no desenvolvemento da súa actividade, para mellorar a calidade de vida, contribuír ao mantemento dos ecosistemas e favorecer o emprego.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; pola Lei 12/1989, do 4 de outubro e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e efectuar a convocatoria para 2005 de subvencións destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a financiar as accións formativas que as asociacións constituídas ou amparadas na Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación, sen ánimo de lucro, vinculadas ao sector agrario e que teñan entre os seus fins o desenvolvemento e a promoción do medio rural, que programen accións formativas que estean incluídas no ámbito das competencias desta consellería e a súa temática non sexa coincidente coa súa propia programación no mesmo ámbito territorial ou administrativo.

Artigo 2º.-Accións formativas.

As accións formativas subvencionables que se desenvolverán ao abeiro desta orde serán as seguintes:

a) Cursos de actualización profesional e introdución de novos coñecementos e técnicas agrarias, dirixidas a agricultores, ás súas familias e membros das comunidades rurais, que teñan como base a explotación agraria e o seu contorno.

b) Cursos orientados ao fomento e estabilización do emprego, de actividades produtivas e complementarias para a diversificación das producións agrarias e encamiñados á consecución dunha economía sustentable nas familias rurais. Os cursos estarán dirixidos a agricultores, ás súas familias, asalariados agrarios e membros das comunidades rurais.

Estas accións formativas encadraranse dentro das especialidades formativas indicadas no artigo 13º desta orde.

A duración mínima destes cursos será de 12 días e 40 horas lectivas.

A temática destes cursos non poderá ser coincidente no mesmo ámbito xeográfico e administrativo, coa oferta formativa realizada pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde, as asociacións sen ánimo de lucro vinculadas ao sector agrario da Comunidade Autónoma de Galicia, que estean suxeitas e regulamen

tadas pola Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación, que teñan entre os seus fins o desenvolvemento e a promoción do medio rural que cumprindo os requisitos esixidos na presente orde, acrediten reunir as condicións de solvencia técnica e eficacia para realizar a actividade formativa solicitada.

Non se poderán acoller ás axudas consideradas nesta orde, as asociacións especificadas na epígrafe 3 do artigo 1 da Lei e as que estean regulamentadas por leis especiais ou sometidas a un réxime asociativo específico.

Cada solicitante poderá solicitar un máximo de catro cursos.

As federacións, confederacións ou unión de asociacións non poderán presentar solicitudes en nome das asociacións, sempre que estas os soliciten a título individual. Neste caso soamente serán tidas en conta as solicitudes presentadas pola asociación.

As solicitudes presentadas por unha federación, confederación ou unión de asociacións en nome dunha asociación, presentarán o conforme da/o presidenta/e desta.

Artigo 4º.-Axudas.

As accións formativas consideradas no artigo 2º poderán ser obxecto dunha axuda máxima que permita compensar os custos derivados da execución da actividade formativa solicitada.

1. Contía das axudas:

As cantidades máximas estipuladas da axuda establécense para cada curso e en función do número de alumnos, que se cifran nun mínimo de 20 asistentes e un máximo de 30; así mesmo estipúlase a cantidade máxima subvencionable de 28,74 A/hora lectiva para o profesorado.

Non se poderá iniciar a acción formativa se non se reúne un mínimo de 20 alumnos. No suposto de que o curso se inicie con 20 alumnos e ao longo do desenvolvemento producirase algunha baixa, reduciranse nun 5% por cada alumno que haxa por debaixo dos 20 alumnos, os gastos xerais e os de coordinación, resultantes dos alumnos asistentes a máis do 70% das horas lectivas.

Gastos de profesorado, máximo subvencionable: 1.125 A.

Gastos de coordinación, máximo subvencionable: 59,50 A.

Gastos xerais: máximo subvencionable por alumno que asistira, polo menos, ao 70% das horas lectivas: 31 A (cun máximo de 930 A).

Estas subvencións teñen a consideración de máximas, e no caso de que o número de solicitudes aprobadas non permitise acadar estes montantes económicos, procederase a ratear a cantidade disponible entre as solicitudes aprobadas.

2. Os custos correspondentes a cada tipo de curso desagregaranse en:

* Grupo A: referidos aos custos de profesorado e coordinación.

* Grupo B: referidos ao resto dos custos aboables do curso.

3. Estas axudas son incompatibles con calquera outra que poida ser solicitada ou concedida por outro organismo público ou privado, destinada a estas mesmas accións formativas.

Artigo 5º.-Custos susceptibles de axuda.

* Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ao grupo A seguintes:

a) Gastos de profesorado, que serán calculados para cada profesor en función das horas lectivas impartidas de acordo coa cantidade estipulada e dispoñible, na que incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos.

b) Gastos das actividades de coordinación, que serán realizadas por persoa física distinta da encargada de impartir a acción formativa, de acordo coas cantidades estipuladas e dispoñibles para cada curso.

Cando unha asociación teña aprobado máis dun curso, os custos de coordinación reduciranse no segundo curso nun 20%, no terceiro nun 30% e no cuarto nun 40%.

* Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ao grupo B seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de ser o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens ou persoas se poidan derivar da realización das actividades do curso.

b) Gastos de medios e material didáctico, como textos e materiais dun só uso para os alumnos, así como os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades do curso.

c) Gastos de enerxía eléctrica, combustible, mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

d) Outros gastos xerais que teñan a súa orixe no desenvolvemento do curso, que comprenderán os seguintes:

-Gastos de transporte motivados pola realización de viaxes didácticas previstas no programa de actividade formativa; no caso de que a visita didáctica orixinase gasto de entradas, o custo destas poderá incluírse. Esta epígrafe non poderá superar ao 45% dos custos xerais, e non poderá incluír custos de manutención motivados polo desprazamento da viaxe didáctica.

-Gasto de limpeza do lugar ou lugares da realización das actividades formativas: aulas, talleres e elementos comúns.

-Gasto de publicidade da actividade formativa.

-Gastos de alugamentos de instalacións e de maquinaria.

Non serán xustificables os gastos de manutención nin de transporte pola asistencia ao curso.

Así mesmo, non será posible xustificar ningún gasto pola asistencia ao curso.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas deberán cumprir as seguintes obrigas:

A) 1. Facer constar en todos os documentos e publicidade da actividade formativa o anagrama da Xunta de Galicia. Así mesmo, no desenvolvemento da acción formativa, explicaráselles aos participantes que o curso está financiado pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Levar un control de presenza nas horas lectivas dos inscritos ao curso mediante unha listaxe no que asinen os asistentes a cada xornada co visto e prace do coordinador ou no seu defecto do profesor.

B) Antes do inicio da acción formativa:

Co fin de planificar a supervisión de cada curso, remitiráselle ao Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia cun mínimo de dez días de antelación do inicio da actividade formativa, contados desde a entrada no rexistro do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, a seguinte documentación:

1. As datas exactas do seu inicio e remate, así como o horario previsto no seu desenvolvemento.

2. A planificación temporal e horaria do programa da acción formativa e daquelas actividades complementarias que se vaian realizar nesta.

3. O enderezo completo do lugar no que se impartirá, indicando se é propio ou alugado.

4. Relación de profesorado que vai impartir o curso, currículum vitae que acredite a súa formación e experiencia.

5. Datos persoais e enderezo da persoa, da entidade solicitante, responsable da coordinación e xestión directa do curso.

6. Relación definitiva dos alumnos inscritos, dos seus datos persoais, enderezo, número de teléfono, segundo o modelo que se xunta no anexo III.

C) Ao longo da realización da actividade formativa:

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, tanto no relativo

ao desenvolvemento da acción formativa como á súa xestión e tramitación administrativa.

2. Comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar ao desenvolvemento da actividade formativa.

D) Ao finalizar a actividade formativa:

Remitirlle ao Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia:

-Xustificantes do gasto, co IVE desagregado, orixinado polo curso impartido.

-Unha nova declaración de non ter solicitadas nin obtidas outras axudas para o mesmo curso ás distintas administracións públicas ou entidades privadas.

-Relación das persoas asistentes a máis do 70% das horas lectivas, cos seus datos persoais, enderezo, número de teléfono e sinatura.

-Certificado de asistencia, emitido polo coordinador, no que consten as persoas que asistiron a menos do 70% das horas lectivas, e copia dos controis de presenza nas horas lectivas, tal e como se indica no punto 3 da epígrafe A) deste mesmo artigo.

-Copia dun exemplar da publicidade empregada no curso cos anagramas correspondentes.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Será motivo de perda da axuda o incumprimento das obrigas sinaladas no artigo anterior, o que dará lugar ao reintegro total ou parcial da subvención percibida.

Artigo 8º.-Modificación da resolución da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Seguimento e control das actividades formativas.

O Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, a través do persoal dos servizos competentes, verificará o cumprimento do disposto na presente orde, mediante visitas de supervisión aos cursos que sexan aprobados.

Cando nun caso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido polo Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, ou que estas incidan negativamente na súa calidade docente, procederase polo órgano competente, a súa cancelación coa obriga de reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións establecidas no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

Xustificación:

Con carácter xeral a xustificación da axuda farase efectiva da maneira seguinte:

A certificación e xustificación de cada un dos cursos aprobados realizarase dentro dos 15 días seguintes á súa finalización, de acordo coas seguintes normas:

* Gastos do grupo A:

a) Relación de recibos ou facturas orixinais correspondentes ao profesorado, acompañada da certificación das horas impartidas. Ao confeccionar o recibo terase en conta a retención do IRPF.

b) Recibo ou factura correspondente aos gastos de coordinación coa certificación correspondente terase igualmente en conta a retención do IRPF.

* Gastos do grupo B:

a) Facturas orixinais xustificativas, co IVE desagregado.

b) Xunto cos xustificantes orixinais dos gastos, acompañarase unha certificación na que se relacionen estes, asinada polo responsable da asociación.

As certificacións ás que se fai referencia serán emitidas polo responsable da asociación beneficiaria da axuda da actividade formativa.

Todas as facturas e recibos presentados como justificación estarán efectivamente pagados e suficientemente acreditado o dito pagamento.

Pagamento:

O pagamento das axudas realizarase dunha soa vez, e unha vez que a xustificación presentada sexa aprobada polo organismo xestor destas.

Artigo 11º.-Remate das accións formativas.

O remate e xustificación das accións formativas producirase, necesariamente, antes do 31 de outubro de 2005.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

A) A formación que reciban os alumnos participantes nas accións formativas será gratuíta.

B) Os alumnos terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos, así como facilitar a documentación que lles sexa solicitada pola asociación que imparte o curso.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

a) As especialidades formativas que se impartirán con carácter prioritario dentro da programación serán aquelas referidas ás seguintes epígrafes:

1. Temas referentes á diversificación de cultivos e actividades produtivas agrarias, recuperación de cultivos tradicionais e actividades complementarias relacionadas.

2. Temas referentes ao fomento e mantemento do emprego complementario e intimamente relacionado coa actividade agraria.

3. Temas relacionados coa formación dos mozos e a súa participación na empresa agroalimentaria.

4. Temas que afecten á mellora das explotacións agro-gandeiras e forestais.

5. Temas relacionados coa innovación tecnolóxica agraria.

6. Temas relacionados e tendentes a fomentar o asociacionismo e cooperativismo agrario.

7. Temas de mantemento e mellora do medio natural.

8. A empresa agraria como actividade económica.

9. As boas prácticas agrarias.

10. Temas de seguridade e hixiene no traballo.

11. Temas relacionados coa comercialización e transformación de produtos agrarios.

12. Temas relacionados coa trazabilidade e seguridade alimentaria na fase de produción na explotación agrogandeira.

13. Outros temas de interese agrario.

A temática do curso indicarase na epígrafe correspondente do anexo II da solicitude de cada curso segundo o número das epígrafes anteriores.

b) Comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co seu nivel e grao de dificultade.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 14º.-Solicitudes de cursos, prazo e resolución.

1. As asociacións que reunindo os requisitos, desexen realizar accións formativas das consideradas nesta orde, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I, e que estará á disposición dos interesados nas oficinas agrarias comarcais. A dita solicitude será subscrita polo titular ou representante legal destas e acompañarase da seguinte documentación:

-Documentación xustificativa de ser asociación suxeita e regulamentada pola Lei orgánica 1/2002, que regula o dereito de asociación, e de ter o carácter de asociación sen ánimo de lucro e os seus fins.

-Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

-Fotocopia do DNI do/a representante.

-Certificado de solvencia técnica na que se fagan constar as actividades formativas realizadas nos dous derradeiros anos, e titulación académica do profesorado.

-Ficha de cada curso solicitado, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

-Declaración de non ter solicitado nin obtido outras axudas para o mesmo curso ás distintas administracións públicas ou entidades privadas.

-Memoria, orzamento e programa completo da actividade, de cada curso solicitado, coa indicación dos motivos da proposta do curso, accións que se van desenvolver e obxectivos que se pretenden acadar con este.

-Relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se utilicen no seu desenvolvemento e unha descrición dos locais no que se vaia desenvolver o curso.

-Certificación da entidade bancaria, que acredite a existencia da conta a nome da asociación ou entidade solicitante.

2. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, en calquera das súas dependencias provinciais e locais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será de 40 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta orde.

4. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días hábiles proceda a corrixir a deficiencia detectada, mediante a presentación da documentación requirida; se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O procedemento a seguir para a resolución das solicitudes é o seguinte:

a) As solicitudes presentadas coa documentación correspondente remitiranse no seu prazo ao Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

b) Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de valoración, que será a encargada de realizar o informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente.

c) A comisión de valoración estará composta por:

* Presidente: o director do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

* Vogais: -O xefe de Servizo de Formación Agraria.

-O xefe de Servizo de Transferencia de Tecnoloxía agraria.

-Un director dun Centro de Formación e Experimentación Agraria, nomeado polo secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

* Secretario: un/ha xefe/a de sección do Servizo de Formación Agraria.

O secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderá designar, en caso de necesidade, por imposibilidade de asistencia ás sesións de valoración das persoas nomeadas, ás persoas que os substitúan.

d) A comisión de valoración, no momento de puntuar as solicitudes, terá en conta unicamente os datos achegados nestas, segundo os seguintes criterios:

* Cando a temática do curso estea relacionada coas epígrafes 5, 6 ou 12 do artigo 13; 10 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada coas epígrafes 2, 3, 7 ou 9 do artigo 13; 9 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada coas epígrafes 4 ou 10 do artigo 13; 8 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada coas epígrafes 1 ou 11 do artigo 13; 5 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada coas epígrafes 8 ou 13 do artigo 13; 4 puntos por cada un.

* Cando o curso inclúa a realización dun proxecto piloto e/ou se desenvolvan demostracións: 10 puntos.

* Que os destinatarios do curso teñan explotación e o curso se imparta en zona de montaña: 5 puntos.

* Que os destinatarios do curso teñan explotación e o curso se imparta en zona desfavorecida: 3 puntos.

* Que o curso supere as 40 horas: 2 puntos por cada dez horas, ata un máximo de 4 puntos.

* Que o tema do curso facilite o asentamento da poboación no medio rural, mediante diversificación produtiva: ata 3 puntos.

* Naqueles casos nos que se coñeza a participación de alumnos inscritos, que presenten algunha minusvalidez (que se deberá acreditar), ata 3 puntos valorados segundo o seu grao de minusvalidez.

e) A resolución de aprobación ou denegación das solicitudes, logo do informe da comisión de valoración, e por proposta do secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que lle será notificada aos solicitantes.

f) As solicitudes poderanse entender denegadas se non se ditase resolución expresa no prazo de catro meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

g) A concesión ou denegación da axuda seralle notificada directamente aos interesados, a través do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpor, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15º

As axudas económicas recollidas no artigo 4 desta orde, faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.322L.480.0 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e por un importe de 135.000 euros, quedando a concesión da axuda supeditada á aprobación definitiva dos citados orzamentos, de conformidade coa orde da Consellería de Economía de Facenda do 11 de febreiro de 1998 e as súas posteriores modificacións, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto.

En todo caso, a concesión das axudas estarán sometidas á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e de abondo no momento da resolución.

Disposición adicional

Nos aspectos non contidos nesta orde, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro), e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para ditar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan. A presente orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural