DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.556

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se convocan para o ano 2005 axudas ao financiamento de accións de asesoramento para a mellora da calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

A nova orientación da política agrícola común cara á maior competitividade das producións da Unión Europea pretende, á súa vez, dar resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimular a adaptación da oferta neste sentido.

No que respecta ao sector lácteo, a entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 1998, das exixencias relativas á calidade hixiénica do leite cru e outras disposicións sobre as condicións das explotacións de produción, e a necesidade da súa homologación e control polas autoridades competentes, demanda un esforzo importante de adecuación por parte do sector, tanto compradores como produtores.

O Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á produción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e produtos lácteos, que incorporou ao ordenamento xurídico español as directivas que son de aplicación no sector lácteo, en especial, a Directiva 92/46/CEE, do Consello, do 16 de xuño de 1992, recolle, entre outros aspectos, as normas sanitarias e de calidade aplicables á produción e comercialización do leite cru, establecendo con carácter obrigatorio que só se destine á elaboración de produtos lácteos ou de leite de consumo tratado termicamente, o leite cru procedente de animais sans e de explotacións que cumpran determinadas normas de hixiene.

Así mesmo, o real decreto establece os requisitos que debe cumprir o leite cru no momento da súa recollida nas explotacións, así como a obriga dos centros de recollida, centros de normalización, establecementos de tratamento e establecementos de transformación de comunicar aos órganos competentes aqueles casos nos que o leite cru recollido nas explotacións non acade os niveis mínimos de calidade.

Con respecto a este último punto, resulta de interese orientar os programas actuais cara á consolidación de sistemas de control da seguridade na obtención, recollida e transporte do leite, de tal modo que o uso de prácticas correctas consiga que esta non só cumpra co especificado no real decreto, senón que ademais asegure que a probabilidade de superar os seus límites sexa moi baixa.

En relación con isto hai que ter en conta a publicación do Regulamento (CE) nº 178/2002, do Parlamento Europeo e do Consello do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e requisitos xerais da lexislación alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria, establecéndose que a partir do 1 de xaneiro do 2005, en todas as etapas de produción, transformación e distribución, a práctica de sistemas que permitan asegurar o seguimento ou trazabilidade dos alimentos.

Co obxecto de avanzar no proceso de mellora da calidade do leite, o Real decreto 460/2002, do 24 de maio, establece as bases reguladoras das axudas estatais destinadas a prestar apoio técnico ao sector produtor de leite para mellorar o control e a calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

Se ben os beneficiarios dos programas son os produtores de leite, as axudas deben tramitarse conforme o establecido no Real decreto 460/2002, que establece que as axudas deben ser xestionadas polos compradores autorizados, os centros de recollida, establecementos de tratamento ou transformación autorizados, así como as agrupacións de produtores, debido á súa capacidade de instrumentar un programa eficaz de asesoramento e mellora da calidade que inclúa un conxunto de produtores.

Neste último real decreto disponse que a tramitación das solicitudes, a súa resolución e o pagamento das axudas lles corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas.

Con base no anterior, esta orde ten por obxecto establecer as normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite en Galicia para a campaña 2005/2006, establecendo o procedemento para a tramitación, resolución e pagamento das solicitudes presentadas.

As actuacións previstas nesta orde son cofinanciadas polo FEOGA nun 75% e pola Comunidade Autónoma de Galicia no 25% restante, conforme o Programa Operativo Integrado de Galicia, aprobado pola Comisión da Unión Europea.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da orde é convocar as axudas para o ano 2005 destinadas a prestar apoio técnico ao sector produtor de leite para mellorar o control e a calidade do leite producido e recollido nas explotacións, de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 460/2002, do 24 de maio.

O apoio técnico realizarase a través de programas que teñan por finalidade mellorar o cumprimento das exixencias establecidas no anexo A do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á produción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e produtos lácteos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde os produtores de leite de vaca que teñan cantidade de referencia asignada na campaña 2005/2006 e cumpran coas obrigas impostas polo réxime de taxa suplementaria, e que participen en programas de mellora das condicións hixiénico-sanitarias da súa explotación e do leite obtido nela, sempre que formen parte dalgunhas das entidades a que se refire o punto 1 do artigo 6º.

Artigo 3º.-Programas de mellora da calidade do leite.

1. Os programas terán por obxecto o fomento da mellora da calidade do leite nas explotacións mediante a adecuación de parámetros que incidan nas condicións de produción, obtención, almacenamento e transporte do leite, que determinen avances en todos ou nalgún dos seguintes aspectos:

a) Melloras na contaxe total de bacterias e células somáticas.

b) Adecuación e limpeza de instalacións e equipos.

c) Mellora das condicións hixiénicas das explotacións.

d) Rutina de muxido e manipulación do leite.

e) Mellora das condicións sanitarias do gando existente na explotación: prevención e control de enfermidades, en especial de mamite.

f) Prevención e control de residuos de medicamentos e hormonais.

g) Melloras nos parámetros mínimos fisicoquímicos.

h) Establecemento de sistema de manexo e control que permitan reducir o risco de que o leite supere os límites legais de calidade hixiénico-sanitaria desde a súa obtención ata a súa descarga nos centros de recollida.

2. Os programas de mellora deberán contar cunha memoria na que se recolla, alomenos, o seguinte:

a) Identificación do comprador autorizado ou entidade que aplique o programa e do seu responsable técnico, así como especificación dos compromisos asumidos, de acordo co indicado no anexo II. O programa deberá ser desenvolvido sobre un grupo mínimo de 70 explotacións ou 1.500 vacas.

b) Identificación das explotacións que realizarán o programa, de acordo co especificado no anexo X, así como a relación dos compromisos asumidos polos produtores segundo o indicado no anexo III. No caso de que o titular da explotación non coincida co titular da cota ou coa persoa física ou xurídica dada de alta no Laboratorio Interprofesional de Análise de Leite (Ligal), farase constar neste anexo.

c) As entidades que realizaron o programa no ano 2004 non terán que achegar o anexo III daquelas explotacións que continúen neste ano, debendo achegar as variacións e os compromisos das altas que se produzan.

No caso de explotacións que no ano 2004 realizasen o programa con outra entidade, deberán xuntar o anexo III, acompañado dunha declaración xurada con copia do seu documento nacional de identidade onde exprese a súa vontade de realizar o programa coa nova entidade.

d) Identificación dos parámetros que deben ser obxecto de control e mellora. Será indispensable, como parte do programa que se vaia desenvolver, a realización de, polo menos, unha análise da auga utilizada na explotación, para as tarefas de limpeza e desinfección dos equipos, segundo o establecido no punto 4º do artigo 18 do Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro.

e) Plan de formación: que deberá afectar a todas as explotacións integrantes do programa, e no que o contido será establecido pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria ao inicio do programa. Neste plan incluirase formación específica orientada a conseguir a acreditación, por parte do gandeiro beneficiario, como responsable do muxido.

f) Establecemento dun sistema de control que permita avaliar a eficacia das medidas, que consistirá no seguinte:

f.1. Os produtores beneficiarios do programa autorizarán o Ligal, ou outros laboratorios que estean autorizados, como laboratorios responsables dos controis analíticos, para que lle faciliten á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural os resultados das análises mensuais de calidade do leite para o pagamento por calidade das súas explotacións.

f.2. No caso de control de instalacións de muxido, estes realizaranos técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria e deberán asumir os compromisos indicados no anexo IV, cumprindo, en cada instalación, os parámetros indicados no anexo VIII.

f.3. No caso de control de equipos de refrixeración de leite, estes deberán realizalos técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade

Agropecuaria ou titulados en FP2, rama frigoristas, e deberán asumir os compromisos indicados no anexo V, cumprindo en cada instalación os parámetros indicados no anexo IX.

f.4. No caso de asesoramento técnico de temas que inflúan na calidade do leite, os técnicos participantes nel deberán asumir os compromisos indicados no anexo VI, cumprir a epígrafe referente á declaración de actividades e as enquisas ou partes de visita a explotacións que reflitan o desenvolvemento do programa.

g) Se o beneficiario fose un primeiro comprador, descrición do método de pagamento diferenciado pola calidade do leite.

h) Orzamento detallado dos gastos derivados da execución do programa e o sistema de control.

i) Determinación específica do laboratorio responsable dos controis analíticos, que serán os laboratorios oficiais de Sanidade e Produción Animal de Galicia ou calquera outro especificamente autorizado pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria.

j) No caso de establecemento de sistemas de manexo e control que permitan reducir o risco de que o leite supere os límites legais de calidade hixiénico-sanitaria desde a súa obtención ata a súa descarga nos centros de recollida, memoria descritiva do sistema que se vaia implantar.

3. Os programas de mellora deberán afectar:

a) A todas as explotacións integrantes, no caso de que o solicitante da axuda sexa unha agrupación de produtores, excepto aquelas explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora.

b) A todas as explotacións subministradoras, no caso de que o solicitante da axuda sexa un primeiro comprador autorizado, excepto aquelas explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora.

Nembargantes, poderanse excluír do cumprimento da anterior epígrafe os seguintes casos excepcionais, debidamente xustificados a xuízo da Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria:

-Unha catástrofe natural grave que afectase de forma importante a unha explotación.

-A morte ou sacrificio dunha parte significativa do rabaño dunha explotación como consecuencia dunha epizootía oficialmente declarada ou que sexa obxecto de programas nacionais de erradicación.

-Calquera outra causa debidamente documentada e así considerada pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria.

Ademais, será suficiente que as explotacións que integran un programa de mellora acaden, en relación co volume total de leite do dito programa, o 90% durante o ano 2005. Este requisito verificarase con base no disposto no punto 3 do artigo 7º.

4. Como parte do sistema de control, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural porá á disposición dos beneficiarios as ferramentas informáticas necesarias tanto para a gravación de ficheiros para a solicitude, como o control das explotacións, gravación de revisións e visitas a estas, e que xerará os ficheiros necesarios para a xustificación do programa.

Artigo 4º.-Gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables as accións de asesoramento técnico dirixido a todos aqueles factores que incidan na mellora da calidade hixiénica e fisicoquímica do leite cru, sobre os que se desenvolverán os programas e que deberán incluír:

a) Ordenación e limpeza de instalacións e equipos.

b) Mellora das conducións hixiénicas das explotacións.

c) Sistema de muxido e manipulación do leite.

d) Mellora das condicións sanitarias das gandarías: prevención e control de enfermidades en especial de mamite.

e) Prevención e control de residuos de medicamentos e hormonais.

2. Ademais, serán subvencionables os investimentos que resulten necesarios para levar a cabo os labores de asesoramento descritos no punto 1 e que inclúan a adquisición dos seguintes bens e servizos:

a) A prestación de asistencias técnicas ás explotacións.

b) Os gastos derivados dos sistemas de revisión e control do funcionamento das instalacións de muxido e do tanque de refrixeración.

c) A análise para o control de mamite, que incluirán técnicas de diagnóstico, illamento do xerme causante e sensibilidades antibióticas.

d) A análise da auga que se utiliza na explotación para a limpeza e desinfección dos equipos.

e) Gastos de xestión derivados do programa.

f) Formación do persoal técnico, que incluirá cursos e conferencias.

g) Material didáctico de divulgación, como publicacións, folletos e revistas.

h) Formación orientada especificamente á acreditación dos gandeiros produtores como responsables do muxido.

3. Quedan expresamente excluídos os investimentos derivados do funcionamento habitual dunha explotación láctea e os medios de transporte.

Artigo 5º.-Importe das axudas.

O importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde non poderán superar, en ningún caso, o 50

por 100 dos gastos derivados do desenvolvemento do programa.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas serán presentadas por:

a) Agrupacións de produtores de leite, sempre que todos os seus socios cumpran coas obrigas sinaladas no artigo 2º.

b) Compradores oficialmente autorizados polo FEGA para a campaña 2005/2006. Estes deberán comprometerse a un pagamento diferencial por parámetros de calidade e, ademais, todos os seus socios deben cumprir coas obrigas sinaladas no artigo 2º.

2. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural en Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co modelo do anexo I.

3. O prazo de presentación será desde o día seguinte ao da publicación desta orde e rematará o día 15 de abril de 2005.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) CIF da entidade solicitante e documentación adicional de acreditación da súa personalidade xurídica.

b) Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa.

c) Unha base de datos informática coa estrutura indicada no anexo X, co formato facilitado pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, antes de iniciar a execución do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

d) Relación informatizada da totalidade dos socios ou provedores vinculados á agrupación que conterá, polo menos, o nome do titular e o seu NIF ou CIF.

e) Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

f) Memoria descritiva do programa establecido no punto 2 do artigo 3º desta orde, indicando a relación de explotacións nas que se aplicará este.

g) Relación dos técnicos que participen na execución do programa e a súa titulación.

h) Fotocopia cotexada do título profesional do técnico, de ser o caso.

i) Factura pro forma dos equipos que se adquiran, de ser o caso.

j) Relación de gastos derivados das accións de formación, tanto do persoal técnico, como dos produtores integrantes do programa.

k) Anexos II, III, IV, V e VI totalmente cubertos.

l) Folla resumo cuberta na súa totalidade, conforme o anexo VII.

m) Compromiso escrito do solicitante de lle comunicar ao director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria os resultados dos controis.

n) No caso de que o solicitante sexa un primeiro comprador, o compromiso do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. As axudas recollidas nesta orde tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, a ordenación e instrución realizaraas a Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias. A avaliación das solicitudes levarase a cabo, segundo os criterios establecidos no punto 6, por unha comisión de valoración presidida polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias ou a persoa que este designe para o efecto e formarán parte dela 3 vogais designados polo presidente correspondentes ao Servizo de Axudas Estruturais.

2. Se as solicitudes non están debidamente cubertas, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, o Servizo de Axudas Estruturais requirirá o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará por desistido da súa petición, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. A comisión de valoración poderá solicitar canta información estime necesaria e formularalle a proposta de outorgamento ao director xeral que, á súa vez, proporá a aprobación das axudas ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

4. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

5. O prazo máximo para ditar e notificar a correspondente resolución será de 9 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Os programas avaliaranse en función do número de gandeiros e a idoneidade do programa. En terceiro lugar terase en conta o volume de leite que represente cada programa. Dentro destes criterios terán preferencia:

a) Cooperativas de produción láctea: 10 puntos.

b) Primeiros compradores autorizados: 8 puntos.

c) Outras fórmulas xurídicas: 5 puntos.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

1. O programa ten unha duración de 12 meses, e rematará antes do 1 de maio de 2006, data na que os seus beneficiarios comunicarán a súa finalización á Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, xuntando unha memoria explicativa sobre a súa realización, resultado da avaliación en cada unha das explotacións e a incidencia na mellora da calidade do leite. Así mesmo, deberán remitir trimestralmente xustificantes das accións executadas.

2. Xunto coa xustificación final do programa achegarase a seguinte documentación.

a) No caso de control de equipos de muxido e equipos refrixerantes, resultados da testaxe de todas as instalacións de muxido controladas, de acordo co anexo VIII (control de instalación de muxido) e anexo IX no que, obrigatoriamente, se fará constar o nome do controlador autorizado pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria e os números asignados pola devandita dirección xeral aos equipos de control de instalacións que realizaron a testaxe. Toda esta información se recollerá no programa informático de Control de instalación de muxido facilitado pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria.

b) Enquisas de muxido e partes de visita das actuacións derivadas de programas de asesoramento técnico.

c) En canto á información das letras a) e b), ademais do soporte papel requirido nos anteriores puntos, deberase presentar a información gravada. Trimestralmente remitirase o ficheiro informático coas revisións e visitas realizadas, así como as explotacións que causen baixa no programa.

d) Relación de explotacións que executaron os programas así como o volume pormenorizado do leite que representan.

e) Facturas orixinais pagadas ou copias cotexadas dos bens e/ou servizos adquiridos para levar a cabo o programa.

f) Copia cotexada das nóminas do persoal contratado para a execución do programa.

3. O pagamento das axudas estará condicionado á evolución e grao de consecución dos obxectivos programados. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As accións que se vaian desenvolver serán sometidas a seguimento en canto á calidade técnica do traballo, sobre todo no relativo ás revisións das instalacións de muxido e aos labores de asesoramento nas explotacións.

4. Para poder percibir a axuda, o beneficiario deberá acreditar que se atopa ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Quedan exentos desta acreditación os beneficiarios cuxo importe de axuda sexa inferior a 1.500 euros, segundo o artigo 41 do proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Efectuadas as comprobacións oportunas, a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria procederá ao pagamento das axudas.

6. Esta dirección remitirá á Dirección Xeral de Gandaría do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), de acordo co artigo 10 do Real decreto 460/2002, do 24 de maio, a relación de beneficiarios e as axudas pagadas, así como un informe global da eficacia e grao de consecución dos obxectivos pretendidos coa aplicación dos programas.

Artigo 10º.-Financiamento.

O financiamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2005 nos que existe crédito adecuado suficiente na aplicación 09.03.614 A.777.4, por importe de 3.420.921 euros para o ano 2005 e 1.200.000 euros para o ano 2006. Estas dotacións poderán verse incrementadas con achegas desta ou doutras administracións.

A adxudicación quedará condicionada á aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, de acordo co artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

A concesión da axuda estará sometida á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 11º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Os solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

2. Ademais, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. O importe total das axudas públicas por beneficiario non superará, en ningún caso, a cantidade de 100.000 euros nun período de 3 anos, de acordo co disposto nas directrices comunitarias (2000/C28/02) sobre axudas estatais ao sector agrario.

Artigo 12º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección e control.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 13 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 15º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desen-

volvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-Infraccións e sancións.

Seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-Solicitudes de datos pola Administración.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e á Consellería de Economía e Facenda para solicitar a expedición dos certificados acreditativos de atoparse ao día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, no que se refire á Axencia Estatal de Administración Tributaria e á Consellería de Economía e Facenda, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo XI desta orde, para os efectos de que a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria poida solicitala por vía informática.

Terceira.-En todo o non previsto nesta orde aplicarase o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural