DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de decembro de 2004 pola que se aproba a tarxeta de identificación dos inspectores de Educación.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (BOE do 24 de decembro), regula no seu título VII a inspección do sistema educativo. No seu desenvolvemento publicouse o Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 25 de maio).

No artigo 105 da devandita lei establécese que os inspectores terán a consideración, para as súas actuacións, de autoridade pública. Así mesmo, no artigo 4º do Decreto 99/2004, do 21 de maio, establécese, no seu punto 3, que no exercicio das súas funcións os inspectores de Educación terán a consideración de autoridade pública e, como tal están facultados para levantar actas con natureza de documento público e recibirán dos diferentes membros da comunidade educativa así como doutras autoridades, organismos e institucións a axuda e colaboración necesarias para o desenvolvemento da súa actividade.

É tamén necesaria a súa identificación conforme o disposto no artigo 35 b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), no que se determina que os cidadáns teñen dereito a identificaren as autoridades e o persoal ao servizo das administracións públicas que teñan baixo a súa responsabilidade a tramitación dos procedementos.

Co fin de asegurar o cumprimento das súas atribucións, vese necesario dotar os inspectores de Educación de documentación acreditativa da súa condición de autoridade pública.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os inspectores de Educación actuarán debidamente identificados no desenvolvemento das súas funcións.

2. A identificación consistirá na presentación, cando o estime conveniente ou cando sexa requirido pola persoa á que se dirixa, da tarxeta de identidade.

Artigo 2º

1. O modelo de tarxeta de identidade é o recollido no anexo a esta orde.

2. O anverso da tarxeta estará encabezado polo anagrama da Xunta de Galicia e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con expresión da dirección xeral competente, a delegación correspondente ou servizos centrais, o número de rexistro persoal do inspector e unha fotografía.

O reverso da tarxeta estará encabezado por Servizo de Inspección Educativa, e a continuación o texto do punto terceiro do artigo 4º do Decreto 99/2004, do 21 de maio, os apelidos, o nome, o número do documento nacional de identidade do inspector e a sinatura do titular da consellería.

Artigo 3º

A tarxeta de identificación é persoal e intransferible, ten a consideración de documento público e, neste sentido, a confección ou uso por persoa non autorizada dará lugar ás consecuencias previstas pola lexislación vixente.

Artigo 4º

1. A expedición da tarxeta de identificación corresponde ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a través da dirección xeral correspondente, sendo entregada a cada inspector de Educación unha vez que tome posesión do seu posto de traballo. O inspector procederá á inmediata devolución da tarxeta no momento do seu cesamento no posto de traballo e no suposto de suspensión de funcións, mentres dure esta.

2. En caso de subtracción, perda, destrución ou deterioración da tarxeta, o seu titular deberá comunicarllo por escrito á dirección xeral correspondente para tramitar a expedición dunha nova en substitución daquela.

Artigo 5º

Na dirección xeral competente levarase un libro de rexistro das tarxetas de identidade ás que se refire esta orde, en que figuren os datos das expedidas, así comoaquel outras circunstancias que se estimen oportunas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar as resolucións, instrucións e directrices que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación destas orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

A tarxeta de identificación ten unhas medidas de 86 x 58 mm e está confeccionada en plástico PVC duro con trama de cor azul sobre fondo branco.