DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar nos exercicios orzamentarios de 2005 e 2006 dentro do programa Bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulaban as subvencións aos arrendatarios no marco do programa Bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo, modificado polo Decreto 155/2004, do 25 de xuño, estableceu o importe máximo previsto en concepto de subvencións para o exercicio de 2004. Así mesmo, estableceu no artigo 21 o importe máximo autorizado para o exercicio de 2005 en 1.209.600 A con cargo á aplicación orzamentaria 06.60.331A.480.1, engadindo que esta dotación inicial se podería incrementar en función das solicitudes e da dispoñibilidade orzamentaria con cargo á mesma aplicación.

O Decreto 233/2004, do 23 de setembro, integrou o Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, constituíndo o marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións aos arrendatarios e aos propietarios que se inscriban no programa y Bolsa de vivenda en aluguer.

Á vista da boa aceptación do programa e do incremento de solicitudes, procede establecer o importe máximo autorizado para o exercicio de 2005, así como a previsión do importe máximo para o exercicio de 2006

DISPOÑO:

Artigo único.-Determínase a dispoñibilidade económica para atender as subvencións derivadas do programa Bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo recollidas no Decreto 233/2004, do 23 de setembro, polo que se integrou o Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan as subvencións no marco do programa Bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as ditas subvencións é a 06.60.331A.480.1.

O importe máximo das subvencións que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2005 será de 2.592.000 A (dous millóns cincocentos noventa e dous mil euros).

2. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as ditas subvencións é a 06.60.331A.480.1.

O importe máximo das subvencións que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2006 será de 1.814.400 A (un millón oitocentos catorce mil catrocentos euros).

3. Estas dotacións previstas poderán incrementarse en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación, mediante orde posterior desta consellería.

4. O gasto proxectado suxeitarase á tramitación anticipada de expedientes de gasto ao abeiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día 2 de xaneiro de 2005.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente Primeiro e Conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda