DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.546

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 311/2004, do 22 de decembro, polo que se modifica o Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, regula no seu artigo 17 os horarios e servizos de garda das oficinas de farmacia. Nel disponse que para lle garantir á poboación a atención farmacéutica permanente, regulamentariamente, logo de audiencia dos colexios oficiais de farmacéuticos, se establecerán os horarios mínimos de atención ao público. Así mesmo, que fóra do devandito horario a atención farmacéutica estará garantida en réxime de servizo de urxencia, tamén proposto polos devanditos colexios oficiais á Consellería de Sanidade para a súa autorización.

En desenvolvemento do previsto na Lei 5/1999, a Consellería de Sanidade ditou o Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións.

No seu artigo 5 establécense os criterios que deberán seguir os Colexios Oficiais de Farmacéuticos da nosa Comunidade Autónoma no establecemento das quendas de urxencias das oficinas de farmacia. En concreto, disponse que as zonas farmacéuticas rurais terán polo menos unha farmacia en servizo de urxencias, sen prexuízo da posibilidade de que poida autorizarse o establecemento de quendas entre oficinas de farmacia abertas ao público en zonas farmacéuticas lindantes ou próximas, sempre que se respecte a distancia máxima de 15 quilómetros entre as oficinas de farmacia.

Esta regulación contrasta co réxime de quendas de urxencia fixado no dito decreto para as zonas farmacéuticas urbanas e semiurbanas, de xeito que

nunha comparación entre os diferentes réximes ponse de manifesto a existencia dun trato máis desfavorable no caso das farmacias existentes nas zonas farmacéuticas rurais. Así mesmo, cómpre ter en conta que nas zonas farmacéuticas rurais, debido á súa inferior poboación, hai unha potencial menor demanda do servizo de atención farmacéutica, circunstancia que aconsella a exixencia dun número mínimo de oficinas de farmacia para o establecemento obrigatorio dunha oficina de farmacia en réxime de quenda de urxencia nela.

Ademais, dadas as especiais condicións destas zonas e as diferenzas existentes na demanda dos servizos de urxencia diúrnos e nocturnos, resulta oportuno o establecemento excepcional de posibles mínimos de urxencia inferiores e a vinculación do servizo farmacéutico de urxencia nocturno entre zonas rurais lindantes ou próximas, sempre que a distancia existente entre elas non exceda de quince quilómetros.

Cómpre tamén proceder a modificación do artigo relativo ao horario ampliado, que vén imposta polo contido da sentenza ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, do 27 de maio de 2004, segundo a cal a regulación efectuada polas comunidades autónomas deberá respectar en todo caso o principio de flexibilidade horaria establecido na Lei 16/1997, do 25 de abril, de regulación de servizos das oficinas de farmacia, polo que debe procederse á supresión da exixencia de que a ampliación horaria coincidira coa quenda de urxencia diúrna ou nocturna, tal como establecía o decreto na súa redacción inicial no artigo 3.1, parágrafo segundo.

Tendo en conta o anterior, e ao abeiro do establecido na disposición derradeira primeira da Lei 5/999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co ditame nº 578/2004, do Consello Consultivo de Galicia, do 23 de novembro de 2004, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Modifícase o artigo 2 do Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«O horario oficial mínimo das oficinas de farmacia establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia será o seguinte:

Do 1 de outubro ao 31 de maio: de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas, e sábados, de 10.00 a 13.30 horas.

Do 1 de xuño ao 30 de setembro: de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas, e sábados de 10.00 a 13.30 horas».

2. Modifícase o número 1 do artigo 3º, que quedará redactado como segue:

«As oficinas de farmacia poderán permanecer abertas ao público fóra dos horarios e xornadas sinaladas como mínimos no artigo anterior».

3. Modifícase o número 4 do artigo 3º, que quedará redactado como segue:

«Coa finalidade de garantir a presenza e actuación profesional do farmacéutico no casos de horarios ampliados sobre o mínimo, establécense os seguintes criterios:

A) Para aumentos de horario da oficina de farmacia de ata dúas horas diarias, só se requirirá a presenza do farmacéutico titular.

B) Para aumentos que supoñan a apertura entre nove e doce horas ao día, será obrigatoria a contratación dun farmacéutico máis.

C) Para aumentos que supoñan a apertura entre doce horas e un minuto e dezaseis horas ao día, será obrigatoria a contratación de dous farmacéuticos máis.

D) Para aumentos que supoñan a apertura entre dezaseis horas e un minuto e vinte e catro horas ao día, será obrigatoria a contratación de tres farmacéuticos máis.

Nos supostos citados anteriormente, e para efectos do cómputo de farmacéuticos adicionais, no caso de oficinas de farmacia en réxime de cotitularidade computaranse todos os titulares».

4. Modifícase o número 1 do artigo 4º, que quedará redactado nos seguintes termos:

«Á marxe do horario regulado nos artigos 2 e 3, e con fin de manter a continuidade do servizo, estableceranse servizos de urxencia atendidos por un sistema de quendas.

Considérase quenda de urxencia diúrna aquela que se realice dun xeito continuado e ininterrompido durante toda a xornada diúrna, dando comezo ás 9.30 horas e finalizando ás 22.00 horas.

Considérase quenda de urxencia nocturna aquela que se realice desde as 22.00 horas ata as 9.30 horas».

5. Modifícase o número 7 do artigo 5º, que quedará redactado nos seguintes termos:

«As zonas farmacéuticas rurais con tres ou máis oficinas de farmacia terán, sen excepción, polo menos unha en servizo de urxencia».

6. Engádese un novo número ao artigo 5º, que contará coa seguinte redacción:

«Con carácter excepcional, e atendendo ás diferentes necesidades de asistencia farmacéutica en horarios diúrnos e nocturnos, nas zonas farmacéuticas rurais a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, logo de informe favorable da División de Farmacia e Produtos Sanitarios do Servizo Galego de Saúde por proposta do correspondente colexio

oficial de farmacéuticos, poderá autorizar mínimos de servizos de urxencia inferiores en horarios nocturnos, coa posibilidade de vincular o servizo farmacéutico ás zonas lindantes ou próximas, sempre que se respecte a distancia máxima de 15 quilómetros entre as farmacias».

7. Engádese un novo parágrafo ao artigo 7º, que contará coa seguinte redacción:

«Así mesmo, informarase das farmacias autorizadas en servizo de urxencia nas zonas lindantes ou próximas, ao abeiro do disposto nos números 3 e 9 do artigo 5º».

8. Engádese unha disposición transitoria, que quedará redactada como segue:

«Os farmacéuticos titulares de oficina de farmacia que a partir da entrada en vigor deste decreto desexen, durante o ano 2005, ampliar os horarios de atención ao público por riba dos mínimos previstos neste, deberán comunicalo ao Colexio Oficial de Farmacéuticos correspondente con anterioridade ao 31 de xaneiro de 2005, para os efectos da elaboración e aprobación dos calendarios de quenda de urxencia antes do 1 de marzo de 2005».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día 1 de marzo de 2005.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA