DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 31 de decembro de 2004 Páx. 18.540

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 16/2004, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

Preámbulo

1

As situacións de carencia que provocan a exclusión social poden ter unha raíz económica, ademais de estar tamén condicionadas por outros elementos, como a vivenda, a saúde, a formación, a educación ou a marxinación da vida social ordinaria, que poden provocar unha ruptura do equilibrio persoal e familiar.

As novas formas de desenvolvemento comportan un aumento da riqueza e unha redución do desemprego, pero poden xerar á súa vez novos factores de exclusión social sen chegar a eliminar totalmente os xa existentes.

As situacións de carencia só poderán ter solución a través dun conxunto de medidas, segundo as circunstancias presentes en cada situación, que cubran os distintos ámbitos da vida persoal e social e que teñan efectos non soamente paliativos, senón tamén preventivos, educativos e de inserción social e laboral.

2

As manifestacións das situacións de exclusión social evolucionan ao longo do tempo, razón pola que cómpre revisar periodicamente as medidas de loita contra a pobreza.

A Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, ditada ao amparo do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía, que establece a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de asistencia social, instaurou un plan de loita contra a pobreza a través de tres programas básicos: a renda de integración social de Galicia, as axudas para situacións de emerxencia e os programas de desenvolvemento integral comunitario, baseándose na competencia.

No ano 1999 abordouse unha reforma dela, a través da Lei 1/1999, do 5 de febreiro, na que cabe destacar

a flexibilización dalgúns requisitos de acceso á prestación da renda de integración social de Galicia e a axilización dos procedementos de concesión, tanto da prestación periódica coma da de pagamento único.

Cómpre agora abordar novas melloras na prestación da renda de integración social de Galicia e nas axudas para situacións de emerxencia social, adaptando a normativa ao obxectivo último de acadar unha maior integración social e laboral das posibles persoas beneficiarias, e conseguir unha protección social máis favorable ao acceso a un emprego normalizado.

Asemade, por parte da Xunta de Galicia procederase a solicitar na Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais un acordo marco xeral no que as comunidades autónomas inclúan na súa normativa o principio de reciprocidade.

3

No relativo á renda de integración social, a novidade máis relevante é o incremento progresivo da súa contía, tendo como referencia o indicador público de renda de efectos múltiples, co fin de mellorar as redes de seguridade destinadas a lles garantir un nivel mínimo de renda aos cidadáns e ás cidadás con problemáticas de exclusión.

Por outra banda, mantense o límite temporal na percepción da renda de integración social de Galicia, coa excepción de que as situacións de exclusión social ou desestruturación familiar da unidade de convivencia da persoa beneficiaria poñan de manifesto a necesidade de que esta continúe a percibir a prestación.

Entre o resto das novidades que se introducen na renda de integración social de Galicia, cómpre destacar que se adaptan as prescricións sobre os estranxeiros e as estranxeiras ao marco da Unión Europea, igualándose os requisitos de acceso das persoas nacionais e das estranxeiras, co único requirimento engadido de que as persoas estranxeiras non comunitarias acrediten a residencia legal en España no momento de solicitar a prestación.

No relativo á regulación das medidas activas de emprego para os beneficiarios e as beneficiarias da renda de integración social de Galicia, fíxase un marco de acción sen que conteña unha regulación en detalle, co fin de evitar o establecemento de estruturas ríxidas que condicionen as posibles liñas de actuación e faciliten a súa adaptación á realidade cambiante e dinámica do mercado de traballo.

En canto ás axudas para situacións de emerxencia social, establécese un sistema de anticipos do importe total da axuda, co obxecto de atender dun xeito máis eficaz e rápido as situacións de necesidades extraordinarias e urxentes.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de

febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social

Artigo primeiro.

Esta lei ten por obxecto darlles unha nova redacción aos artigos 9, 11, 12, 13, 14, 18, 19, 20, 24, 31, 32, 33, 34, 35 e 50 e mais ás disposicións adicionais primeira e terceira da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social.

Artigo segundo.

Dáselle nova redacción ao artigo 9 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 9

1. Poderán ser beneficiarias da renda de integración social de Galicia, nas condicións previstas nesta lei, aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1º. Ter residencia efectiva e estar empadroadas en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega polo menos durante o ano inmediatamente anterior á formulación da solicitude.

Quedan eximidas do cumprimento deste requisito dun ano:

a) Aquelas persoas que, procedentes doutras comunidades autónomas do Estado español, sexan beneficiarias do salario social na Comunidade Autónoma da que proceden, sempre que na lexislación da Comunidade da que proceden se recolla a reciprocidade.

b) As vítimas de violencia doméstica que cambian o seu domicilio por motivos de seguridade.

c) As persoas emigrantes galegas, nos termos sinalados no artigo 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, cando fixasen a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma. Asemade, aquelas persoas nacidas en Galicia que residindo noutras comunidades autónomas volvan fixar a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma galega.

Os cidadáns e as cidadás de estados non membros da Unión Europea precisarán, ademais, acreditar a residencia legal en España no momento da formulación da solicitude.

2º. Ter constituída unha unidade de convivencia independente, vinculada economicamente á persoa solicitante.

3º. Ter unha idade comprendida entre os vinte e cinco e os sesenta e cinco anos.

Non obstante, tamén poderán ser beneficiarias:

a) As persoas menores de vinte e cinco anos que, reunindo o resto dos requisitos deste artigo, teñan menores ao seu cargo.

b) As persoas maiores de dezaoito anos que, tendo recoñecida a condición de minusvalía, non teñan dereito a prestación ou axuda de igual ou análoga natureza.

c) As persoas maiores de dezaoito anos que, antes de acadaren a maioría de idade, estivesen tuteladas pola Xunta de Galicia e internadas en centros de protección de menores ou en acollemento familiar.

d) As persoas maiores de dezaoito anos en situación de orfandade absoluta que, reunindo os demais requisitos deste artigo, non teñan dereito a outras prestacións ou axudas de análoga natureza.

4º. Dispoñer duns recursos inferiores á contía da prestación económica da renda de integración social de Galicia que lles correspondería considerando a súa situación económica e familiar de acordo co artigo 12 desta lei.

5º. Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de prestarlles alimentos de acordo coa lexislación civil. A xuízo do órgano de resolución, poderanse eximir deste requisito aqueles solicitantes dos que se prevexa que a obriga de alimentos non se poida facer efectiva por malos tratos, relacións familiares deterioradas ou inexistentes, das que exista constancia no expediente.

Non obstante, considérase que non teñen a obriga de prestar alimentos os parentes que, en atención ás circunstancias socioeconómicas concorrentes, non poden facer fronte ou atender as necesidades básicas da unidade familiar solicitante sen desatender as propias necesidades ou as dos familiares ao seu cargo. As circunstancias constarán claramente no informe social correspondente.

2. Para os efectos do disposto neste artigo, enténdense por residencia efectiva aquela que habite o solicitante por tempo superior a seis meses nun período de doce».

Artigo terceiro.

Dáselle nova redacción ao artigo 11 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 11

A prestación económica da renda de integración social de Galicia estará integrada por un subsidio básico, nos supostos previstos nos dous artigos seguintes, por un complemento variable en función dos membros que compoñen a unidade de convivencia independente e por un complemento de inserción».

Artigo cuarto.

Dáselle nova redacción ao artigo 12 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 12

1. A contía do subsidio básico será equivalente ao 75% do importe mensual do indicador público

de renda de efectos múltiples, fixado na lexislación específica que resulte aplicable, sen prexuízo do sinalado nos apartados 3 e 4 deste artigo.

2. A contía do complemento variable, en función do número de membros da unidade de convivencia independente, será a seguinte:

-O 12% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples polo primeiro membro adicional.

-O 10% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples polo segundo membro adicional.

-O 8% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples por cada un dos restantes membros adicionais.

3. Os beneficiarios e as beneficiarias que, por aplicación do previsto na letra g) do apartado 1 do artigo 32 desta lei, se manteñan na percepción da prestación despois de catro anos só terán dereito ao subsidio básico cunha contía mensual equivalente ao importe mensual da pensión non contributiva individual, fixada na lexislación específica que resulte aplicable, sen dereito á percepción do complemento variable sinalado no apartado anterior e sen prexuízo do sinalado no artigo 13 desta lei. Salvo a diferente contía na prestación económica, estes beneficiarios e beneficiarias terán os mesmos dereitos e obrigas ca o resto das persoas perceptoras e estarán sometidos á revisión anual da prestación prevista no artigo 22.2 desta lei, polo que se poden engadir regulamentariamente termos específicos e complementarios nos que se deba realizar a devandita avaliación anual deste colectivo.

4. As contías sinaladas no apartado anterior tamén serán as que corresponde aboar aos beneficiarios e ás beneficiarias que se reincorporen ao programa nos termos sinalados na letra c) do apartado 2 do artigo 32 desta lei.

5. O importe que percibirá cada persoa beneficiaria estará constituído pola diferenza entre a contía mensual da renda de integración social de Galicia, que conforme a este artigo lle correspondese, e a dos recursos económicos dos que dispoña, computados de acordo co artigo 14, e en ningún caso poderá superar o límite do 125% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples.

6. Non obstante, denegarase a prestación económica da renda de integración social de Galicia cando as características, a valoración, a posibilidade de explotación ou a venda dos bens mobles ou inmobles sobre os que se posúa un dereito de propiedade, posesión, usufructo ou outro de análoga natureza real indiquen a existencia de medios suficientes para a subsistencia dos membros da unidade de convivencia».

Artigo quinto.

Dáselle nova redacción ao artigo 13 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 13

1. A contía do complemento de inserción, que nos correspondentes proxectos se poida establecer, será

determinada en función das súas especiais características, dedicación e gastos que implique.

2. O importe deste complemento non se computará para efectos da determinación do tope máximo ao que se refire o apartado 5 do artigo anterior.

3. Poderase beneficiar deste complemento toda persoa que, non sendo perceptora da renda de integración social de Galicia, estea incorporada a un proxecto de inserción dentro dos programas elaborados para este fin».

Artigo sexto.

Dáselle nova redacción ao artigo 14 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 14

1. Para os efectos previstos nesta lei, entenderanse como recursos económicos dos que dispón a unidade de convivencia independente os seguintes:

a) O total de ingresos que perciba no momento da solicitude a persoa solicitante ou as persoas que constitúan a unidade de convivencia en concepto de retribucións, rendas, prestacións, axudas, subsidios ou por calquera outro concepto.

b) As cantidades percibidas en concepto de pagamento único, depósitos bancarios, contas correntes ou de aforro, así como os bens mobles ou inmobles sobre os que se posúa un dereito de propiedade, posesión, usufructo ou calquera outro de análoga natureza, con excepción da vivenda destinada ao seu uso, sempre que a súa valoración catastral non supere quince anualidades do indicador público de renda de efectos múltiples vixente.

2. En todo caso, non se considerarán os ingresos irregulares que unicamente resulten un complemento de supervivencia nin tampouco os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regrada e profesional ou a paliar situacións de emerxencia social.

3. Tampouco serán computables as prestacións familiares por fillo a cargo maior de dezaoito anos cunha minusvalía igual ou superior ao 65% xeradas polas persoas integrantes da unidade de convivencia».

Artigo sétimo.

Dáselle nova redacción ao artigo 18 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 18

1. Todo proxecto de inserción para acadar a súa finalidade deberá integrar accións da seguinte natureza:

a) Accións que procuren a rehabilitación persoal e familiar.

b) Accións que procuren a integración no medio social.

c) Accións de motivación laboral, orientación profesional e formación ocupacional.

d) Actividades de interese colectivo e social en entidades públicas ou privadas, sen menoscabo dos seus dereitos laborais, así como nos diversos programas de colaboración con outras administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro, para a realización de obras e servizos de interese xeral ou social, e nos programas mixtos de formación e emprego.

e) Actividades orientadas cara ao traballo autónomo ou calquera das formas de economía social.

f) Accións tendentes á plena incorporación ao traballo mediante a formalización do correspondente contrato laboral.

2. No suposto de que os proxectos de inserción inclúan algunha das medidas previstas nas letras c), d) e f) do apartado anterior, a persoa beneficiaria quedará obrigada a se inscribir como demandante de emprego na correspondente oficina do servizo público de emprego.

3. Naqueles casos nos que así se considere, o proxecto de inserción poderá estar integrado exclusivamente polas accións que se deban realizar para o coidado do fogar, a atención a menores ou maiores dependentes ou calquera outra dedicación solidaria.

4. En calquera caso, o proxecto de inserción deseñarase con criterios rigorosos de programación, con determinación de obxectivos, prazos, medios e actividades que permitan a posterior avaliación dos efectos reais de aplicación da renda de integración social de Galicia en cada caso».

Artigo oitavo.

Dáselle nova redacción ao artigo 19 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 19

Coa finalidade de incentivar a incorporación dos beneficiarios e das beneficiarias da renda de integración social de Galicia ao mercado de traballo, a Xunta de Galicia primará, especialmente, as persoas integrantes do dito colectivo, a través dos incentivos tanto para a contratación por conta allea coma para o autoemprego e a economía social, dándolles o máximo nivel de axuda que, en cada momento, permita a normativa vixente».

Artigo noveno.

Dáselle nova redacción ao artigo 20 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 20

Os beneficiarios e as beneficiarias da renda de integración social de Galicia tamén terán prioridade para participar nos programas de colaboración con outras administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro, para a realización de obras e servizos

de interese xeral ou social, así como para a súa participación en programas mixtos de formación e emprego».

Artigo décimo.

Dáselle nova redacción ao artigo 24 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 24

1. O recoñecemento da renda de integración social de Galicia realizarase logo de solicitude da persoa interesada, mediante a presentación no seu concello do modelo normalizado pola consellaría competente, ao que deberá acompañar os documentos necesarios para xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 9 e aqueloutros que se puidesen determinar regulamentariamente.

2. Para o cómputo dos recursos económicos da unidade de convivencia, a instancia normalizada de solicitude incluirá unha declaración xurada na que os peticionarios e as peticionarias farán constar todos os recursos dos que dispoña a unidade de convivencia.

3. Na instancia normalizada á que se refire o apartado anterior, a persoa solicitante fará constar que autoriza o órgano de resolución para recadar a información adicional que considere necesaria para a adecuada estimación dos ingresos ou recursos económicos da unidade de convivencia, e en xeral para completar o expediente, dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, xa sexa a través de acceso directo a bases de datos por medios informáticos ou cursando o correspondente oficio.

4. As entidades locais, a través dos equipos técnicos dos servizos sociais de atención primaria municipais correspondentes, elaborarán un informe social no que se valore a procedencia, ou non, da aplicación da renda de integración social de Galicia, así como, se é o caso, a proposta dun proxecto de inserción, de acordo co disposto nesta lei.

5. O informe sinalado no apartado anterior salientará o perfil sociolóxico e unha valoración sobre as posibilidades de inserción social e/ou laboral, e indicará, neste último suposto, que centros ou institucións adecuados existen no contorno da persoa beneficiaria. Así mesmo, salientará cantos datos se estimen pertinentes para poñer de manifesto: a existencia dunha unidade de convivencia independente; o número de persoas que conviven, xunto coa información sobre minusvalía que poida afectar a algún dos seus membros; e a descrición do fogar e da posible existencia de persoas ou familiares con obriga legal e posibilidade real de prestación de alimentos.

6. A proposta do proxecto de inserción deberá contar co asentimento da persoa interesada ou, no caso contrario, coas razóns invocadas por ela para o seu rexeitamento.

7. O concello de residencia, no prazo dun mes desde a recepción da solicitude, remitiralle os informes, a proposta de resolución e mais a restante documentación necesaria para poder continuar a tramitación do expediente á delegación provincial da consellaría competente en materia de servizos sociais, para a súa cualificación e posterior resolución. De non se remitir no prazo sinalado, dado o carácter determinante para a resolución do procedemento, sen prexuízo da responsabilidade na que incorre o responsable da demora, quedará interrompido o prazo para resolver o expediente, de conformidade co previsto no artigo 83.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. As delegacións provinciais da consellaría competente en materia de servizos sociais resolverán as solicitudes remitidas polos concellos no prazo máximo dun mes desde a súa recepción.

9. Excepcionalmente, naqueles casos nos que a situación da persoa beneficiaria o faga imprescindible, poderá realizar a solicitude ao seu nome o propio concello; porén, non se resolverá favorablemente o expediente mentres a persoa interesada non asuma o proxecto de inserción social e/ou laboral que, por proposta dos servizos sociais de atención primaria, sexa aprobado polo órgano de resolución da renda de integración social de Galicia».

Artigo décimo primeiro.

Dáselle nova redacción ao artigo 31 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 31

A percepción da prestación económica da renda de integración social de Galicia suspenderase polas seguintes causas:

1. Cando os recursos económicos, computados de acordo co artigo 14, superen, en cómputo mensual, por un período inferior a seis meses, a prestación económica da renda de integración social de Galicia correspondente en cada caso, suspenderase o seu aboamento, e reiniciarase, por instancia da persoa beneficiaria, cando decaian as circunstancias que motivaron a devandita suspensión, coa excepción de que neste suposto poderá continuar a persoa beneficiaria percibindo o complemento de inserción, en función das accións desenvolvidas no proxecto de inserción.

2. Igualmente, será causa de suspensión a imposibilidade sobrevida, por parte da persoa beneficiaria, de cumprir as obrigas asumidas, ou a declaración legal de incapacidade. Neste suposto, en función das circunstancias concorrentes, durante un prazo máximo de seis meses poderase acordar o aboamento da prestación a outro membro da unidade de convivencia, modificando, se procede, a súa contía mentres subsistan as citadas causas».

Artigo décimo segundo.

Dáselle nova redacción ao artigo 32 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 32

1. O dereito ás prestacións da renda de integración social de Galicia extínguese por:

a) A perda dalgún dos requisitos exixidos para o seu recoñecemento, sen prexuízo do establecido no apartado 1 do artigo anterior. Con carácter previo a se ditar a resolución de extinción, o órgano de resolución tramitará o correspondente procedemento de revisión, con audiencia da persoa interesada, podéndose acordar, ao dispoñer o inicio do devandito procedemento, a suspensión cautelar do aboamento da prestación cando exista unha presunción fundada de que a persoa beneficiaria perdeu o seu dereito a esta.

b) O falecemento da persoa beneficiaria, suposto no que será aplicable o disposto no punto 2 do artigo 31, mentres tramite unha nova solicitude outro membro da unidade de convivencia independente.

c) O incumprimento das obrigas previstas no artigo 23 desta lei por causas imputables á persoa beneficiaria.

d) O mantemento das causas que deron lugar á suspensión previstas no artigo 31.

e) A ocultación ou o falseamento dos datos ou calquera outra actuación fraudulenta dirixida a obter ou conservar a prestación económica, sen prexuízo do disposto no vixente código penal.

f) O traslado da residencia efectiva a un concello que non estea comprendido no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que se produza a circunstancia sinalada no artigo 5.g) desta lei.

g) O transcurso de catro anos consecutivos na súa percepción, excepto que, a xuízo do órgano de resolución e logo de informe dos servizos sociais de atención primaria do concello de residencia da persoa beneficiaria, fose necesario manter a esta na percepción da prestación pola súa situación de exclusión social e/ou desestruturación familiar da súa unidade de convivencia, especialmente cando existan menores nela.

2. A extinción do dereito á renda de integración social de Galicia implicará as seguintes consecuencias:

a) Cando a extinción se leve a cabo pola causa sinalada no artigo 32.1.e) desta lei, devolveranse as cantidades indebidamente percibidas pola persoa beneficiaria. As devanditas cantidades deberán ser reintegradas ou serán obxecto de compensación no caso de que se recoñeza un novo dereito á renda de integración social de Galicia nos termos que sinale o órgano de resolución.

b) Cando a extinción se produza polo incumprimento das obrigas establecidas nos apartados 1, 2, 3 e 4 do artigo 23 ou polas causas establecidas nas letras e) ou g) do artigo 32.1, non se lle recoñecerá a ningún membro da unidade de convivencia un novo dereito á renda de integración social de Galicia ata que transcorra un ano desde a data da resolución de extinción, salvo que se constitúa unha nova unidade de convivencia por un membro non responsable do incumprimento.

c) Cando a extinción se produza pola percepción da renda durante catro anos consecutivos, poderase solicitar unha nova renda se durante o ano seguinte á resolución de extinción concorresen circunstancias excepcionais que agraven a situación de exclusión social da persoa interesada ou a situación de desestruturación social e familiar da unidade de convivencia, debidamente acreditadas polos servizos sociais de atención primaria do seu concello».

Artigo décimo terceiro.

Dáselle nova redacción ao artigo 33 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 33

Contra as resolucións ditadas polos delegados ou delegadas provinciais poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de alzada perante o titular da consellaría competente en materia de servizos sociais».

Artigo décimo cuarto.

Dáselle nova redacción ao artigo 34 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 34

O recurso poderase interpoñer ante o órgano que ditase a resolución ou ante o órgano competente para resolvelo, de acordo co previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999».

Artigo décimo quinto.

Dáselle nova redacción ao artigo 35 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 35

1. Se a resolución fose estimatoria do recurso, os efectos económicos deste retrotraeranse á data de resolución inicial denegatoria, nos termos fixados polo artigo 15 desta lei.

2. A resolución do recurso de alzada poñerá fin á vía administrativa»

Artigo décimo sexto.

Dáselle nova redacción ao artigo 50 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Artigo 50

1. As axudas para situacións de emerxencia social reguladas nesta lei poderanse aboar anticipadamen

te, en pagamento total ou fraccionado, nas porcentaxes que estime procedente o órgano de resolución atendendo ás circunstancias de cada caso, e o beneficiario ou a beneficiaria deberá xustificar o gasto subvencionado conforme os requisitos que se establezan regulamentariamente.

2. Sen prexuízo do sinalado no apartado anterior, a Xunta de Galicia reserva para si a facultade de efectuarlle o pagamento da axuda directamente, e en nome do beneficiario ou beneficiaria, á persoa, entidade ou empresa que realice a prestación ou o servizo a favor destes, naqueles casos nos que o considere conveniente o órgano de resolución, co fin de garantir a súa aplicación finalista.

3. En todo caso, a resolución de concesión da axuda de emerxencia social poderá ser revogada no suposto de que non se realicen as obras orzadas ou non se destine aquela para o fin solicitado.

4. Estas obras deberán estar rematadas no prazo dun ano, contado a partir do momento da comunicación da resolución, salvo en circunstancias excepcionais que fixesen necesario a concesión dunha prórroga».

Artigo décimo sétimo.

Dáselle nova redacción á disposición adicional primeira da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Disposición adicional primeira.

Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma incluirán as partidas necesarias para o financiamento dos programas previstos nesta lei».

Artigo décimo oitavo.

Dáselle nova redacción á disposición adicional terceira da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social:

«Disposición adicional terceira.

Autorízase a Xunta de Galicia para publicar un texto refundido da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, co obxecto de recoller as modificacións establecidas por disposicións lexislativas posteriores».

Disposicións transitorias

Primeira.-Aplicación progresiva do incremento do importe da renda de integración social de Galicia

Durante os tres primeiros exercicios orzamentarios de aplicación desta lei, realizarase unha aplicación progresiva do incremento do importe da renda de integración social de Galicia sinalado nos apartados 1 e 2 do artigo 12 desta lei, nos seguintes termos:

1. No ano de entrada en vigor desta lei, a contía do subsidio básico será equivalente ao 65% do importe mensual do indicador público de renda de

efectos múltiples, fixado na lexislación específica que resulte aplicable. A contía do complemento variable, en función do número de membros da unidade de convivencia independente, no devandito ano será a seguinte:

-10% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples polo primeiro membro adicional.

-8% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples polo segundo membro adicional.

-6% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples por cada un dos restantes membros adicionais.

2. Durante os dous anos naturais seguintes ao da entrada en vigor desta lei, as contías do subsidio básico e do complemento variable, en función do número de membros da unidade de convivencia independente, serán establecidas anualmente pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada exercicio.

Segunda.-Determinación das axudas para situacións de emerxencia social

En tanto non se diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do artigo 46 da Lei 9/1991, segundo redacción dada pola Lei 1/1999, para determinar en cada caso concreto o importe das axudas para situacións de emerxencia social atenderase a situación económica e familiar da persoa solicitante, cos seguintes límites:

1. As axudas para gastos imprescindibles no uso da vivenda habitual non poderán superar dúas veces e media o importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples.

2. As axudas para gastos de mantemento da habitabilidade ou accesibilidade da vivenda habitual non poderán superar dez veces o importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples.

3. As axudas para gastos de equipamento básico da vivenda non poderán superar dúas veces o importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples.

4. As axudas para gastos destinados a cubrir necesidades primarias non poderán superar dúas veces o importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples.

5. As axudas para gastos derivados do traslado da vivenda non poderán superar dúas veces o importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples se o devandito traslado se produce dentro da mesma localidade e dúas veces e media aquel importe en caso contrario.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación xenérica.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango contradigan o disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

A Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses, desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e a súa aplicación.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente