DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Xoves, 30 de decembro de 2004 Páx. 18.501

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se lle outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización, se recoñece, en concreto, a utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da addenda I ao ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio para os efectos de notificacións en edificio Área Central, local 31 H-I-J, 15707 Santiago de Compostela, resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 4 de xuño de 1996 e 25 de setembro de 1998, a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas natural en distintos termos das provincias da Coruña e Pontevedra, atopándose nesta última os de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

Segundo.-Por Resolución do 8 de novembro de 1999 da Dirección Xeral de Industria, outorgouse autorización administrativa e aprobouse o proxecto de execución das instalacións recollidas no ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, correspondente aos termos municipais de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados, declarando en concreto a utilidade pública das instalacións autorizadas.

Terceiro.-Con data do 14 de xaneiro de 2004, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou, ao amparo do establecido no artigo 89.3º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e nos artigos 75, 83 e 95 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración en concreto de utilidade pública da Addenda I ó ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, a cuxo efecto presentou o preceptivo proxecto das instalacións.

O obxecto da addenda é recoller as variacións orixinadas no proxecto ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. De acordo coas novas demandas de caudais, ás consideracións efectuadas polo Concello de Vilanova de Arousa e á construción da estrada (vía rápida) entre Vilagarcía de Arousa e Cambados, realizouse unha variante do proxecto orixinal, adaptándose á dita estrada, así como un cambio no material da condución, cun primeiro tramo de raíz en aceiro 4'' (APA/16), outro en (APA/10) en polietileno (PE 100/SDR-11), e finalmente o ramal de derivación a Vilanova de Arousa en MPB, tamén en polietileno.

O trazado afecta os termos municipais de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

A continuación descríbense as distintas variantes introducidas:

Termo municipal de Vilagarcía de Arousa:

A condución inicial, ao chegar á vía rápida entre Vilanova e Cambados, xira 90º para adaptarse ao camiño da servidume da vía rápida, quedando o resto do trazado, tal e como figuraba no proxecto orixinal.

A lonxitude neste termo municipal queda diminuída en 1.845 m.

Termo municipal de Vilanova de Arousa:

O trazado do ramal entra no termo municipal de Vilanova de Arousa procedente de Vilagarcía de Arousa polo camiño de servidume da vía rápida pola súa marxe esquerda, sentido Cambados, ata chegar ás proximidades da rotonda de enlace coa saída a Vilanova de Arousa, de onde sae o ramal a Vilanova, cruzándose a vía rápida mediante perforación horizontal.

O ramal principal continúa en PEu200, atravesando a estrada de saída ao polígono industrial de

Tremoedo, onde se deixará instalada unha válvula de Aº u8'' para o futuro abastecemento ao dito polígono, prolongando o citado ramal principal ata chegar ao termo municipal de Cambados.

Por outra parte, o ramal de Vilanova, unha vez atravesada a vía rápida, toma o camiño de servidume que discorre paralelo coa estrada de saída de conexión co municipio de Vilanova e aproximadamente a 900 m do seu inicio, colocarase un armario APA-10/MPB fóra da zona de afección da estrada, para volver saír ao camiño de servidume da estrada. Antes de cruzar a C-550, toma un camiño veciñal que atravesa a C-550 e adéntrase na zona urbana do municipio de Vilanova, onde finaliza, coa colocación dunha válvula enterrada de Aº u6''.

A lonxitude de condución no termo municipal de Vilanova de Arousa é de 5.858 m de polietileno u200 SDR 11/PE 100 e 1.854 m de polietileno u160 SDR 17,6 PE 100, sendo 590 m máis que o proxecto orixinal.

Termo municipal de Cambados:

O trazado da condución entra no termo municipal de Cambados procedente do termo municipal de Vilanova de Arousa, preto de Belón, seguindo en dirección sur e discorrendo pola servidume establecida pola vía rápida ata que o camiño baixa a cota da rasante da estrada, atravesando esta para discorrer pola marxe oposta, para saír cara a Cambados, cruzando a conexión da vía rápida coa C-550, onde conecta co trazado inicial, deixando, como estaba previsto, unha válvula Aº u8" enterrada.

A lonxitude de condución no termo municipal de Cambados é de 2.494 m, en polietileno PE 100 u200 mm SDR 11, sendo 615 m máis que no proxecto orixinal.

A lonxitude total do proxecto é de 14.068 m, inferior á lonxitude establecida no proxecto orixinal, que era de 14.708 m. Os materiais que se utilizarán nos distintos tramos son:

MaterialDiámetroLonxitude

Aceiro4''30 m

Polietileno PE 100200 mm12.184 m

Polietileno PE 100160 mm1.854 m

Total: 14.068 m

Cuarto.-A realización das variantes descritas nesta addenda non supón ningún cambio no orzamento do proxecto orixinal, que era dun millón setecentos oitenta e tres mil trescentos trinta e dous euros con vinte céntimos (1.783.332,20 A).

Quinto.-Con data do 3 de maio de 2004, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou autorización para o uso de canalizacións de polietileno fabricadas con material PE-100 no caso concreto do ramal a Vilanova de Arousa e Cambados.

Sexto.-Por Resolución do 7 de maio de 2004 da Dirección de Industria, Enerxía e Minas, foi autorizada a Gas Galicia SDG, S.A. para a utilización de canalizacións de polietileno fabricadas con material PE-100 para a distribución de gas natural a unha presión máxima de operación de ata 10 bar e unha temperatura de operación comprendida entre -20º C e +40º C, no caso concreto do ramal a Vilanova de Arousa e Cambados.

Sétimo.-De conformidade co establecido no citado Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou Resolución do 12 de maio de 2004, pola que se someteu a información pública o proxecto de referencia, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, que se publicou no DOG de 2 de xullo de 2004, no BOP de Pontevedra de 6 de xullo e nos diarios La Voz de Galicia e El Diario de Pontevedra de 11 de xuño.

Oitavo.-Durante o período legalmente establecido recibiuse a seguinte alegación:

-Emilio Carro Gestoso, afectado nos predios PO-VI-110 V e PO-VI-110-PO V, manifesta a súa desconformidade co trazado proposto no que a súa finca se refire, solicitando o desprazamento do trazado da canalización uns metros máis o sur, diminuíndo a afección ao dito predio.

Noveno.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servizos que resultan afectados pola mencionada condución de gas natural.

Décimo.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu o informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, o Real Decreto 1434/2002, do 27 de decembro e Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Segundo.-O proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no citado Real decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que o desenvolven, e no Regulamento de redes e acometidas de combustibles asosos aprobado pola Orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista da alegación presentada por Emilio Carro Gestoso, da contestación a ela por parte da empresa Gas Galicia SDG, S.A. e do resto da

documentación que figura no expediente, queda de manifesto que:

-Gas Galicia SDG, S.A. pon de manifesto que o trazado da condución se desprazou, quedando o predio propiedade do alegante totalmente desafectada, ao acadar un mutuo acordo co titular do predio colindante PO-VI-111 V, pola que discorre a condución.

Cuarto.-Gas Galicia SDG, S.A. procederá igualmente a realizar os cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados, ou se é o caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ao solicitado pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. e, por conseguinte, proceder a outorgar autorización administrativa e aprobar o proxecto de execución de referencia, recoñecéndose en concreto a súa utilidade pública.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

-Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. autorización administrativa e aprobar o proxecto de execución das instalacións que se recollen na addenda ao ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, no tramo relacionado previamente, correspondendo aos termos municipais de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

-Recoñecer en concreto a utilidade pública das instalacións que se autorizan, para os efectos previstos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 34/1998, do 7 de outubro, no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, e a cantas outras disposicións se ditasen ou diten sobre a subministración de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Debido a que a addenda non supón variación con respecto á totalidade do orzamento do proxecto orixinal, Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 35.666,64 A, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73, punto 4º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27

de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, normas para a súa aplicación ou complementarias, Regulamento de recipientes a presión, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativas e directrices urxentes así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Cuarta.-As instalacións que se aproban deberán realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa Gas Galicia SDG, S.A., subscrito polo enxeñeiro do I.C.A.I. Salvador Soler González.

Quinta.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

Sexta.-Unha vez construídas as instalacións aprobadas, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes afectados. Previo ao levantamento da acta de posta en marcha solicitará da empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e terminación de obra, asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente, no que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sétima.-Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na cal a delegación provincial formalice a acta de posta en marcha.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O distribuidor deberá manter unha correcta subministración e un axeitado e eficiente

servizo de mantemento das instalacións, reparación de avarías, reclamacións e, en xeral, de atención aos usuarios, sendo responsable da conservación e bo funcionamento das instalacións.

Décima.-As instalacións receptoras de gas deberán cumprir a normativa específica aplicable para a súa posta en servizo.

Décimo primeira.-Para a seguridade das instalacións a que se refire esta autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un. Expropiación forzosa dos terreos sobre os que se construirán os elementos de instalación fixa en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

A. Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terreo de dous (2) metros de largo, un (1) a cada lado do eixe, por onde discorrerá soterrada a canalización e cables de telecomunicación e telemando que se requiran para a condución do gas e que estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros a ambos lados do eixe da canalización.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar ningún acto que puidese danar ou perturbar o bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renovar as instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instalar os fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como de realizar as obras superficiais ou soterradas que sexan necesarias para a execución ou o funcionamento das instalacións.

B. Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras que se reflite, para cada predio, nos planos parcelarios de expropiación e nas cales se fará desaparecer todo obstáculo. Nesta zona realizaranse as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres. Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A. Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro de largo, por onde discorrerán enterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores da protección catódica,

a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá coma largo, o correspondente ao da instalación máis un (1) metro a cada lado. Estas franxas están suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos e realizar calquera tipo de obra a unha distancia inferior a un metro e medio (1,5), a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación enterrada dos leitos dispersores, podendo exercer o dereito a cortar ou arrincar as árbores ou arbustos que houber a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder manter, reparar ou renovar as instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B. Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflita para cada predio nos planos parcelarios de expropiación, e na cal se fará desaparecer todo obstáculo, así como realizar as obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

O proxecto inclúe planos parcelarios e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados. Tamén inclúe a relación concreta e individualizada de bens e dereitos que, debido á modificación de trazado introducida por esta addenda, deixan de estar afectados polo ramal a Vilanova de Arousa e Cambados.

Décimo segunda.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observar as condicións en que se atopen as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo, deberá facilitar aos servizos de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo, a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo terceira.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións e licenzas de competencia de outros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións.

Décimo cuarta.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos

inexactos, ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2004.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas