DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Xoves, 30 de decembro de 2004 Páx. 18.482

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación dos acordos marco para o persoal funcionario e laboral do convenio colectivo do Concello de Bueu.

Vista a modificación dos acordos marco para o persoal funcionario e laboral do convenio colectivo do Concello de Bueu, con nº de código 3603792, que tivo entrada na delegación provincial da Consellería da Presidencia de Pontevedra o día 20-7-2004, e completada a documentación necesaria para a súa publicación mediante escrito que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 4-11-2004, e aprobada polo pleno do concello con data do 1-10-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 36 (na súa nova redacción dada pola Lei 7/1990,

do 19 de xullo) da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 11 de novembro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

María de la Concepción Campos Acuña, secretaria xeral do Concello de Bueu, certifica que o Pleno do Concello de Bueu en sesion ordinaria do 1 de outubro de 2003 adoptou os seguintes acordos:

6. Modificación do acordo regulador das condicións de traballo dos funcionarios municipais.

O alcalde dá lectura ao ditame da Comisión Informativa de Economía e Patrimonio, do 29 de setembro

último, así como da proposta da propia Alcaldía, dos seguintes contidos literais:

«Dictame da Comisión Informativa de Economía e Patrimonio.

4. Modificación do convenio persoal funcionario. O presidente da comisión le o escrito dirixido polo delegado do Goberno, así como o informe de secretaría, do informe de Intervención e a proposta da Alcaldía de substitución do contido dos preceptos do acordo regulador.

Procédese á votación:

Votan favorablemente os concelleiros do BNG (2), PP (2) e PSdeG-PSOE (1), reservándose para o Pleno a concelleira de IB».

Proposta da Alcaldía.

Asunto: modificación do acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario e do convenio colectivo das condicións de emprego do persoal laboral do Concello de Bueu.

Visto o requirimento efectuado pola Delegación do Goberno en Galicia, relativo ao acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario deste concello, para axustar o seu contido á legalidade vixente.

Considerando o establecido na normativa legal vixente nas materias reguladas polo referido acordo, os informes xurídicos e económicos emitidos polos técnicos municipais.

Considerando así mesmo a necesidade de que prime entre os traballadores municipais o principio de igualdade nas súas condicións de emprego, con independencia da natureza da súa relación funcionarial ou laboral.

De conformidade co sinalado, propónselle ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:

Primeiro.-Substituír o contido dos preceptos do acordo regulador que se dirán, polo seguinte:

1. Artigo 4.1º: o presente acordo entrará en vigor tras a súa publicación íntegra no BOP, unha vez que transcorra o prazo establecido no artigo 65.2º da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, abarcando o seu período de vixencia desde ese momento ata o 31 de decembro de 2004, período que, non obstante, se entenderá prorrogado por anualidades de non existir denuncia ningunha das partes, ata a entrada en vigor do novo acordo regulador que substitúa o anterior tras a oportuna negociación.

2. Artigo 22.2º: non obstante, manterase a xornada ordinaria de traballo, así como os quendas establecidas actualmente no Concello de Bueu, realizándose con carácter xeral de luns a venres e das 8.00 ás 14.30 horas, establecéndose quendas os sábados das 9.30 ás 13.00 horas para o persoal de servizo na casa do concello, completándose, en todo caso, a xornada en cómputo anual segundo as necesidades do servizo a instrucións da Alcaldía.

3. Artigos 38.3º, 38.4º e 47º: suprímense.

4. Artigo 48.1º: todo traballador/a local, funcionario de carreira, poderá percibir anticipos segundo o establecido na lexislación vixente de aplicación. Tras a publicación do convenio reunirase a mesa xeral para efectos de determinar as condicións nas cales serán obxecto de concesión.

5. Artigo 51.4º: en todo caso, garantirase a audiencia do interesado e a presentación pola súa parte das alegacións que estime oportunas durante o procedemento, e, naqueles casos en que así o solicite o interesado, a audiencia dos órganos de representación sindical nos momentos procesuais importantes: incoación, prego de cargos e proposta de resolución.

6. Artigo 68.1º b): suprímese.

7. Artigo 68.1º e): logo de acordo de conformidade coa Alcaldía, convocar reunións de persoal ou asembleas de traballadores durante a xornada de traballo. Neste sentido están lexitimados para convocar reunións ou asembleas de persoal dunha entidade local, de sector ou no seu conxunto:

1º Organizacións sindicais, ou a través dos delegados sindicais.

2º Órganos de representación electos.

3º Calquera colectivo público, sempre que o seu número non sexa inferior ao 40% do colectivo afectado.

Segundo.-Aplicar as mesmas modificacións ao convenio colectivo das condicións de emprego do persoal laboral do concello.

* A Presidencia explica que se trata de dar cumprimento ao requirimento da Delegación de Goberno que fai constar as incorreccións do documento aprobado en maio de 2003. Por iso, dentro do prazo concedido, propóñense estas modificacións que foron consensuadas cos representantes sindicais. Espera así mesmo que non se volta repetir o requirimento, por canto se emendan as deficiencias con este acordo, co que se pretende dotalo de maior seguridade xurídica. A proposta da Alcaldía baséase nos informes técnicos.

* Sra. Estévez Freire: o Partido Popular, como xa manifestou na comisión informativa, vai votar a favor. Quere lembrar que o convenio foi aprobado no último pleno ordinario da anterior corporación, co voto favorable do PP e 1 do PSdeG-PSOE, abstención do BNG e voto en contra da sra. Cerviño Otero.

Intervén por alusións a sra. Cerviño Otero, para aclarar que non asistiu a ese Pleno.

Continúa a sra. Estévez Freire dicindo que o BNG alegaba que a proposta obedecía a criterios puramente electoralistas e propagandísticos para acadar o voto fácil, e que non estaba consensuado cos representantes sindicais. Semellaba que o PP se sacaba o convenio da manga cara ás eleccións, pero cal

é a sorpresa que, 4 meses despois, o alcalde, do BNG, presenta unha proposta de modificación co convenio, dicindo que «considerando a necesidade de igualdade nas condicións de emprego», pregunta se esa necesidade non primaba hai 4 meses. Hoxe están aquí sete concelleiros dos que formaban a corporación hai 4 meses, e quere que se expliquen os cambios da postura, por que na oposición se pedía outra cousa.

Vistas algunhas declaracións, parece que o alcalde estaba alegre polo requirimento da delegación, botándolle a culpa ás présas do PP; se non está de acordo co convenio, remítallo ao delegado para que o revogue e inicien unha nova ronda de negociacións. Eles incluso pecaron de excesivos con dereitos outorgados, como o caso do fondo social, póliza de responsabilidade civil, horarios, etc. Desde o PP o convenio non supuxo un intento de acadar o voto fácil dos traballadores; séntense orgullosos do conseguido. O propio alcalde está a dicir adiante co convenio, porque daquela se basearon en argumentos políticos e non legais, por iso lamentan as abstencións porque si. Precisamente porque non prexudica a ninguén, senón que beneficia os traballadores, manifesta a súa postura favorable.

* Sr. alcalde: na súa intervención fixo mención á oposición do BNG mesturada coa abstención, e non é o mesmo; pide que cando se fagan ese tipo de alusións, o fagan presentando a acta, como o fixo el hai duas sesións ao falar doutra intervención contraditoria da concelleira, senón o que se está a dicir é un cúmulo de despropósitos. Lembra que os argumentos do BNG daquela non eran sobre o contido do documento, senón o feito de que se levase a aprobación 18 días antes das eleccións, cando o texto se atopaba pendente de aprobación desde había un ano; tamén pola oportunidade de aprobalo antes do cambio de goberno, porque ese convenio ía vincular a corporación entrante que sería a que tería a lexitimidade da súa aprobación. Non quere entrar na demagoxia de estar catro anos lembrando o sucedido en corporacións anteriores.

* Sr. Millán López: o BNG vai apoiar a proposta e non hai cambio de postura, senón que se está a aprobar o que recolle o Estado na súa lexislación xeral para os funcionarios e o traslada ao persoal laboral.

* Sr. Barreiro Rosales: o primeiro convenio é do ano 1992, aínda que só fosen tres follas grampadas. O que está claro é que si o expediente estivese ben ao 100%, non sería recorrido. Se a cidadanía ve o expediente, observa que algo de premura sí houbo. Unha das causas pola que se impugna é pola data de entrada en vigor, a sabendas de que ten que publicarse no BOP, de feito suscitou debate entre os propios traballadores.

Cando se lles sacou aos funcionarios un seguro privado, houbo moita polémica, pero os traballadores municipais son coma os demais.

Impúgnase a regulación dos anticipos e a póliza de responsabilidade civil, por constituír unha vía de retribucións indirecta.

O problema é como se vai a executar o convenio, xa que se impugna o horario e tamén está o tema das produtividades; este convenio habería que velo dentro dun ano e nese momento valorarase a xustiza e a súa operatividade.

Votación e acordo:

Sometida a votación a proposta da Alcaldía, deuse o seguinte resultado:

* Votos a favor: 14 (5 do BNG, 7 do PP e 2 do PSdeG-PSOE).

* Votos en contra: 0.

* Abstencións: 2 (I. Bueu).

En consecuencia, o Pleno da Corporación, por maioría de votos, acorda a modificación do articulado do convenio do persoal funcionario que figura na proposta da Alcaldía.

7. Modificación do acordo regulador das condicións de traballo do persoal laboral.

Sometida a votación a proposta unificada da Alcaldía, referida ao convenio regulador das condicións de traballo tanto do persoal laboral, como funcionario, transcrita no punto anterior, deuse o seguinte resultado:

* Votos a favor: 14 (5 do BNG, 7 do PP e 2 do PSdeG-PSOE).

* Votos en contra: 0.

* Abstencións: 2 (I. Bueu).

En consecuencia, o Pleno da Corporación, por maioría de votos, acorda prestar aprobación á proposta da Alcaldía, aplicando a conseguinte modificación do articulado en canto se refire ao convenio do persoal laboral.

E para que conste asino a presente co visto e prace da alcaldesa-presidenta en Bueu a vinte e oito de outubro de dous mil catro.

Mª Concepción Campos Acuña

Secretaria

Visto e prace

Elena Estévez Freire

Alcaldesa-presidenta

Mª Concepción Campos Acuña, secretaria xeral do Concello de Bueu (Pontevedra), certifico que o Pleno da corporación municipal deste concello, en sesión ordinaria celebrada o día 1 de outubro de 2003, adoptou, entre outros, o acordo que, transcrito de xeito literal, quedou como segue:

7. «Modificación do acordo regulador das condicións de traballo do persoal laboral.

Sometida a votación a proposta unificada da Alcaldía, referida ao convenio regulador das condicións de traballo tanto do persoal laboral, como funcio

nario, transcrita no punto anterior, deuse o seguinte resultado:

* Votos a favor: 14 (5 do BNG, 7 do PP e 2 do PSdeG-PSOE).

* Votos en contra: 0.

* Abstencións: 2 (I. Bueu).

En consecuencia, o Pleno da corporación, por maioría de votos, acorda prestar aprobación a proposta da Alcaldía, aplicando a conseguinte modificación do articulado en canto se refire o convenio do persoal laboral.

A proposta da Alcaldía a que se refire o presente acordo, transcrita no punto anterior (modificación acordo regulador das condicións de traballo dos funcionarios municipais), textualmente di:

«Proposta da Alcaldía.

Asunto: modificación acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario e do convenio colectivo das condicións de emprego do persoal laboral do Concello de Bueu.

Visto o requirimento efectuado pola Delegación do Goberno en Galicia, relativo ao acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario deste concello, para axustar o seu contido á legalidade vixente.

Considerando o establecido na normativa legal vixente nas materias reguladas polo referido acordo, os informes xurídicos e económicos emitidos polos técnicos municipais.

Considerando así mesmo a necesidade de que prime entre os traballadores municipais o principio de igualdade nas súas condicións de emprego, con independencia da natureza da súa relación funcionarial ou laboral.

De conformidade co sinalado, proponse ao Pleno da corporación a adopción do seguinte acordo:

Primeiro.-Substituír o contido dos preceptos do acordo regulador que se dirán, polo seguinte:

1. Artigo 4.1º: o presente acordo entrará en vigor tras a súa publicación íntegra no BOP, unha vez que transcorra o prazo establecido no artigo 65.2º da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, abarcando o seu período de vixencia dende ese momento ata o 31 de decembro de 2004, período que, non obstante, enteráse prorrogado por anualidades de non existir denuncia algunha das partes, ata a entrada en vigor do novo acordo regulador que substitúa ao anterior tras a oportuna negociación.

2. Artigo 22.2º: non obstante, manterase a xornada ordinaria de traballo, así como as quendas establecidas actualmente no Concello de Bueu, realizándose con carácter xeral de luns a venres e das 8.00 ás 14.30 horas na casa do concello, completándose, en todo caso, a xornada en cómputo anual segundo as necesidades do servizo a instrucións da Alcaldía.

3. Artigo 38.3º, 38.4º e 47º: suprímense.

4. Artigo 48.1º: todo traballador/a local, funcionario de carreira, poderá percibir anticipos segundo o establecido na lexislación vixente de aplicación. Tras a publicación do convenio reunirase a mesa xeral para efectos de determinar as condicións en que serán obxecto de concesión.

5. Artigo 51.4º: en todo caso, garantirase a audiencia do interesado e a presentación pola súa parte das alegacións que estime oportunas durante o procedemento, e, naqueles casos en que así o solicite o interesado, a audiencia dos órganos de representación sindical nos momentos procesuais importantes: incoación, prego de cargos e proposta de resolución.

6. Artigo 68.1º b): suprímese.

7. Artigo 68.1º e): logo de acordo de conformidade coa Alcaldía, convocar reunións de persoal ou asembleas de traballadores durante a xornada de traballo. Neste sentido están lexitimados para convocar reunións ou asembleas de persoal dunha entidade local, de sector ou no seu conxunto:

1º Organizacións sindicais, ou a través dos delegados sindicais.

2º Órganos de representación electos.

3º Calquera colectivo público, sempre que o seu número non sexa inferior ao 40% do lectivo afectado.

Segundo.-Aplicar as mesmas modificacións ao convenio colectivo das condicións de emprego do persoal laboral do concello».

E para que así conste, expido a presente certificación, visada pola alcaldesa, coa excepción a que se refire o artigo 206 do R.D. 2568/1986, na Casa do Concello de Bueu o catorce de setembro de dous mil catro.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA