DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.363

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución de paso a 220 kV da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 66 kV Santiago II-San Caetano, tramo 2 entre apoio número 111 e subestación Santiago II, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña). (Expediente IN407A 04/224).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación en avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 5 de xullo de 2004 a citada empresa solicita a autorización administrativa e aprobación do proxecto da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 122 e 123 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Repotenciación a 220 kV da L.A.T. 66 kV Santiago II-San Caetano, consistente en modificar instalacións existentes establecendo unha liña eléctrica aerosubterránea de alta tensión, a 220 kV, en simple circuíto nun primeiro tramo subterráneo dentro da subestación de Santiago II, de 276 m de lonxitude con orixe en Pórtico subestación e final en apoio nº 18 para paso aerosubterráneo, en condutor R.H.E. 127/220 kV de 3(1x1.200) mm Al, seguido de tramo aéreo sobre apoios de celosía metálicos-modificación dos existentes da L.A.T. 66 kV, e con condutor LA-455 de 8.395 m de lonxitude, con final no apoio nº 111 para paso aérosubterráneo en que se conectará a tramo subterráneo existente. Acompañará o tendido eléctrico cable de fibra óptica/terra OPGW2.64F. Concello de Santiago de Compostela.

Segundo.-A delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, a trámite de información pública mediante Resolución do 3 de agosto de 2004, publicada no DOG do 10 de setembro, no BOP da Coruña do 28 de agosto, e na delegación provincial de Industria da Coruña.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Jesús Vázquez Illodo, en nome e representación da asociación de veciños Nova Xeira alega, fóra do

período de información pública, que a citada liña causa un gran malestar entre os veciños polas seguintes causas:

a) Non se gardan as distancias mínimas ás vivendas.

b) O persoal que negocia os terreos utiliza como presión a expropiación se non aceptan a oferta económica realizada pola empresa promotora.

c) A liña cruza unha zona de expansión urbanística.

Solicitan o enterramento da liña nas proximidades a vivendas, e documentación relativa á liña.

Cuarto.-A Delegación Provincial de Industria da Coruña emite informe favorable da solicitude obxecto deste expediente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo; o Decreto 132/1982, do 4 de novembro; Decreto 82/2004, do 23 de abril, de modificación do Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio; e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, xa citado.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista da alegación presentada, da contestación a esta por parte da empresa e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

* A empresa non solicitou a utilidade pública, polo que as alegacións relativas a esta non se toman en consideración.

* A liña cumpre coas distancias de seguridade mencionadas no artigo 35 punto 2 de Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión que lle é de aplicación a este expediente.

* En canto ao enterramento da liña non se dan as condicións que fixa o artigo 35 do punto 2 de Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión xa citado.

Cuarto.-No expediente instruído para efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas.

RESOLVE:

1. Autorizar o paso a 220 kV da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 66 kV Santiago

II-San Caetano, tramo 2 entre apoio nº 111 e subestación Santiago II, no término municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas