DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.359

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico da Ponte no río Almofrei, promovida pola empresa Energía de Galicia, S.A.-Engasa, no termo municipal de Cotobade, Pontevedra.

Visto o escrito presentado pola sociedade Energía de Galicia, S.A.-Engasa, con CIF nº A-15046907 e con enderezo en Rúa Londres nº 11 baixo, 15707, Santiago de Compostela, solicitando autorización administrativa e aprobación do proxecto hidroeléctrico arriba epigrafado, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito

Primeiro.-A empresa solicitante, Energía de Galicia, S.A.-Engasa, e despois da tramitación realizada segundo o establecido no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, polo que se establece un procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 kVA, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, é o titular, por resolución do presidente de Augas de Galicia do 4 de outubro de 2001, dunha concesión para derivar un caudal de auga do río Almofrei de ata 3.500 l/s con destino á produción de enerxía eléctrica, no concello de Cotobade, Pontevedra.

Segundo.-Previamente á resolución de concesión, e segundo a tramitación reflectida no Decreto 63/1997, do 14 de marzo, polo que se regula o exercicio de determinadas funcións en relación coa tramitación dos aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 kW nas bacías de Galicia Costa, e o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de sometemento a declaración de efectos ambientais de proxectos, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, no exercicio das súas competencias, formulou o 23 de febreiro de 2001 a preceptiva declaración de efectos ambientais do proxecto do

aproveitamento hidroeléctrico da central da Ponte, no río Almofrei, a cal modificaba outra existente do 23 de abril de 1998.

Terceiro.-Con data do 27 de novembro de 2003 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, do aproveitamento hidroeléctrico, presentando a preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regulamenta as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Por iso, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra someteu a solicitude ao trámite de información pública mediante a Resolución do 23 de febreiro de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia do 14 de abril de 2004, no BOP de Pontevedra do 26 de marzo de 2004 e no diario La Voz de Galicia do 7 de abril de 2004, así mesmo, tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Cotobade, a onde se remitiu a relación de bens e dereitos afectados.

Así, e durante a información pública aludida, recibíronse as seguintes alegacións referentes á autorización do proxecto hidroeléctrico:

1. Manuel Martínez Pazos, nos seus escritos do 26 e 28 de abril de 2004, expuxo a súa oposición á construción da central que nos ocupa consonte o seguinte:

* O Muíño de Mirón estará afectado pola construción do aproveitamento hidroeléctrico. O devandito muíño ten dúas tomas de auga para a súa misión de moenda, unha delas, a que deriva máis caudal, tena no río Almofrei, de forma que a instalación da minicentral, ao ter a súa toma máis arriba de onde a ten o muíño, concretamente á cota 311,5 metros sobre o nivel do mar (m.s.n.m.), e a súa restitución á de 210,261 m.s.n.m., máis abaixo que a toma do muíño, minguará o caudal derivado pola toma do muíño, afectando o seu correcto funcionamento.

* Ademais, débese respectar a segunda das tomas comentadas no epígrafe anterior, a devandita toma realizarase na zona de Regueiro de Cachón e é imprescindible para o funcionamento do Muíño de Mirón.

* Coa construción do dito aproveitamento pode que se teña que percorrer un camiño moito máis longo para o acceso ao Muíño de Mirón.

* O camiño de Almofrei a Mirón, que serve de comunicación entre as dúas vilas e que en parte está pavimentado, está catalogado como Camiño de Santiago e leva á ponte vella romana, a cal está inventariada e catalogada nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra, vaise ver seriamente danado pola maquinaria, desmontes, canalización de auga e postes de media tensión, isto e unha agresión á natureza da que se goza nese lugar.

* Coa construción da minicentral afectarase a paisaxe, a flora e a fauna da zona da ponte vella, así como os costumes de espallamento e de baño que se efectúan nesa zona.

* Tendo en conta que a zona onde se construirá a central hidroeléctrica é unha zona rochosa que fará necesario o uso de explosivos, é posible que tanto o Muíño de Mirón, o Muíño da Ponte Vella e a mesma ponte vella sufran danos e incluso se derruben polas vibracións derivadas do uso dos citados explosivos.

* De ocorrer o exposto no parágrafo anterior deberáselles resarcir os danos aos donos dos muíños así como reconstruír ou restaurar os bens afectados, e pediranse as responsabilidades que puidesen ter lugar.

* O proxecto exposto a información pública non presenta unha declaración de efectos ambientais que se poida revisar e, no último caso, tal aproveitamento requiriría, de acordo co Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental, un proxecto técnico e metodoloxicamente máis avanzado que o presentado para exposición pública.

* O proxecto non ten en conta as necesidades de tres comunidades de regantes existentes no mesmo río e que non son nin citadas no devandito expediente de autorización.

* Non se ten en conta a existencia de dúas praias fluviais situadas a uns 300 metros río abaixo de onde será o azude e a uns 150 metros da nave de turbinado.

* A canle que vai desde o azude ata a cámara de turbinado vai descuberta en máis de 700 metros, representando un perigo tanto para as persoas como para os animais.

* Non aparece contemplado no proxecto a posibilidade de ruídos procedentes do turbinado.

* O proxecto no suporá ningún beneficio económico nin para a parroquia nin para o concello, xa que non creará ningún posto de traballo na zona nin contribuirá ao desenvolvemento económico dos veciños e en xeral de Galicia.

* A Xunta de Galicia declarou a non viabilidade ambiental dos proxectos presentados pola afección dos cotos pesqueiros de Potomuíños e As Lagoas.

* Os efectos de construción dun encoro, coas correspondentes canles de derivación, caseta de turbinado...etc., levará consigo a construción de pistas e a contaminación sobre os ríos, a flora e a fauna. Ademais o transporte da enerxía levará consigo un importante dano paisaxístico nunha zona con tremendo potencial neste sentido.

* Galicia conta cunha saturación de encoros na súa rede fluvial demasiado alta para que a vida dos ríos quede garantida. Ademais, continuar co encoramento dos ríos vai en contra da Directiva Marco da Auga, aprobada pola Unión Europea na que se prioriza a racionalización dos usos da auga, a súa

protección, o incremento do valor social das augas superficiais e a protección dos sistemas acuáticos.

* A construción da minicentral afectará a pesca en xeral e do salmón en particular.

* Afectará ao patrimonio cultural e etnográfico da zona.

* Proponse que se faga a central 100 metros más arriba de onde esta previsto realizala para así evitar o dano irreparable que se produciría a todo o conxunto etnográfico e natural.

* O proxecto supón unha parte infinitesimal de produción eléctrica e é a morte como ecosistema do río, o cal conta con dez especies catalogadas como vulnerables e dúas catalogadas como raras.

* Non se cumpre o establecido no artigo 58 da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, recordando que no río hai comunidades de regantes e muíños en pleno funcionamento.

* Vulnérase o reflectido nos artigos 45 e 46 da Constitución española.

* A construción da minicentral dana o patrimonio cultural e etnográfico da zona cuxa definición está reflectida no artigo 1º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. Ademais, non consta que se teña a conformidade da Consellería de Cultura ou da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. María del Carmen Piñón Rodríguez presentou diferentes escritos de alegacións onde reflectía, con relación á autorización do aproveitamento hidroeléctrico, que o proxecto sometido a información pública carecía de estudo de impacto ambiental.

Cuarto.-A concesión de derivación dun caudal de auga do río Almofrei para fins hidroeléctricos, que foi aprobada polo organismo autónomo de Augas de Galicia o 4 de outubro de 2001, foi modificada tal e como se reflicte no documento do 26 de outubro de 2004 do devandito órgano substantivo en materia de augas de forma que as condicións particulares 18ª, 19ª, 21ª e 23ª da resolución de concesión foron novamente redactadas, modificándose o seu contido, e engadiuse unha nova condición, a 27ª. Así, e para os fins que nos interesan, cabe resaltar, de entre todos os anteriores cambios, as modificacións das condicións 18ª e 21ª, nelas reflíctese o aumento do caudal derivado ata os 3.850 l/s, delimítase o tramo ocupado ás cotas 311,50 e 210,261 m.s.n.m. e descríbese a maquinaria que se vai instalar, a cal consiste en dúas turbinas Francis de eixe horizontal de 1.925 l/s cada unha e un salto neto nominal de 98,556 m, adaptadas a dous xeradores síncronos trifásicos de eixe horizontal de 1.800

kVA cada un.

Quinto-As instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico da Ponte no río Almofrei, segundo o proxecto de instalacións electromecánicas, e tendo en conta as anteriores modificacións, teñen as seguintes características:

-Río: Almofrei.

-Caudal máximo derivado: 3.850 l/s.

-Caudal ecolóxico: variable entre os 700 l/s de xuño e xullo, os 400 l/s de agosto, os 350 l/s de setembro, os 500 l/s de outubro, os 900 de novembro e os 1.900 l/s dos meses de decembro, xaneiro e febreiro, pasando polos 800 l/s de abril e maio, e os 1.300 l/s de marzo.

-Cota da toma: 311,5 m.s.n.m.

-Cota de restitución ao leito público: 210,261 m.s.n.m.

-Salto bruto: 101,239 m.

-Salto neto: 93,286 m.

-Turbinas: dúas Francis de eixe horizontal deseñadas para uns caudais máximos de 1.925 l/s respectivamente, e cun rendemento a caudal máximo do 91%.

-Xeradores: dous síncronos trifásicos de eixe horizontal de 1.800 kVA de potencia aparente unitaria, 50 Hz de frecuencia, un rendemento do 97%, e unha tensión de xeración de 6 kV.

-Potencia total en bornes: 3.111,05 kW.

-Un transformador trifásico de 4.000 kVA, cun rendemento do 99% e unha relación de transformación de 20 kV/6.000 V.

-Un transformador de servizos auxiliares de 50 kVA de potencia nominal e 20 kV/380 V de relación de transformación.

-Instalacións de baixa tensión, tanto en alterna como en continua.

-Instalacións de protección, manobra, mando, sinalización, medida e interconexión.

-Produción media anual estimada: 6.822 MWh.

Sexto.-A Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra emitiu, o 5 de outubro de 2004, informe favorable propoñendo, entre outras cosas, a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución do citado aproveitamento hidroeléctrico.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos, modificado polo Decreto 82/2004, do 23 de abril, con relación ao Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o Real decreto 1955/2000, de 1 de decembro, que

regulamenta as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Este aproveitamento hidroeléctrico en xogo axústase ao establecido na lexislación vixente en materia de enerxía, augas e ambiente, xa que:

* A autorización administrativa do aproveitamento realízase consonte o artigo 123 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, á Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve.

* A concesión de augas resolveuse segundo o establecido no Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

* A declaración de efectos ambientais formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente realizouse segundo o establecido no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, que regulamenta a avaliación dos efectos ambientais para Galicia.

2. As alegacións de tipo ambiental, non contestadas nesta resolución, considéranse resoltas coa declaración de efectos ambientais da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente do 23 de febreiro de 2001, que revogaba a do 23 de abril de 1998 relativa ao aproveitamento hidroeléctrico en xogo. Naquela Resolución do 23 de febreiro reflíctese a tramitación levada a cabo e establécese a viabilidade ambiental condicionada deste aproveitamento hidroeléctrico, contándose, para a formulación da anterior declaración, coa documentación ambiental, elaborada e xuntada pola empresa promotora, a que fai referencia o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, e co informe emitido pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Co fin de considerar o aproveitamento como ambientalmente viable, inclúese na anterior resolución un condicionado, de obrigado cumprimento para o promotor, sobre a protección da atmosfera, o solo, a auga, a vexetación, a fauna, o patrimonio arqueolóxico e arquitectónico da zona, a protección da paisaxe, a xestión de residuos, a restauración das zonas afectadas polo aproveitamento, sobre a documentación adicional que hai que xuntar previamente ao inicio das obras, sobre o programa de vixilancia ambiental e, por último, sobre unha serie de condicións adicionais que hai que cumprir.

Por último facemos notar que na formulación da resolución ambiental tívose en conta o efecto socioeconómico do proxecto por estar este presente na documentación avaliada.

3. As alegacións correspondentes á concesión considéranse resoltas coa resolución de Augas de Galicia do 4 de outubro de 2001 e coas modificacións do seu condicionado. Con todo iso asegúrase o carácter vinculante do disposto na declaración ambiental e o obrigado cumprimento do establecido na Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da administración hidráulica de Galicia e as súas normas de desenvolvemento, a Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas e os regulamentos que a desenvolven, especialmente o Regulamento do dominio público hidráulico desenvolto polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, concretamente no referente aos danos de terceiros e á afección de aproveitamentos o dereitos hidráulicos existentes, así como o obrigado cumprimento da lexislación en materia de pesca, industria e ambiente vixente.

4. Tal e como se indica nos antecedentes de feito, a documentación que se someteu a información pública é aquela á que se fai referencia nos capítulos V e II, este último na súa sección 1ª, do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a cal foi informada favorablemente pola Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra.

5. As obras de construción do aproveitamento hidroeléctrico realizaranse de acordo co proxecto aprobado polo organismo autónomo en materia de augas, o cal cumprirá coas normas de seguridade que o devandito órgano substantivo en materia de augas lle exixa. Non obstante, se no devandito proxecto construtivo se reflicte a necesidade do emprego de explosivos, isto realizarase de acordo a un proxecto que, se é o caso, será autorizado polo organismo competente.

6. Ademais, e segundo a condición 10ª da concesión, o concesionario será responsable de cantos danos e perdas poidan ocasionarse a intereses públicos ou privados, como consecuencia das obras que se autoricen, non constituíndo o outorgamento da concesión ningunha facultade para executar as obras en zonas que afecten as vías públicas, para o que deberá obter o preceptivo permiso, autorización ou licenza dos organismos competentes. Igualmente queda obrigado a executar cantas obras fosen precisas para conservar, restituír ou substituír as servidumes existentes.

7. Coa formulación da declaración de efectos ambientais e a resolución da concesión considérase que a solución proposta, con relación á central da Ponte, é a que mellor compatibiliza as necesidades económicas e enerxéticas coas restricións ambientais, en todos os seus ámbitos, á hora de aproveitar un recurso concreto, os caudais do río Almofrei no tramo que nos interesa.

8. Esta dirección xeral entende que coa tramitación administrativa levada a cabo, o desenvolvemento do

proxecto que nos afecta non atenta contra o establecido nos artigos 45 e 46 da Constitución española, xa que non vulnera ningún dereito nin ningún deber en materia de ambiente, para iso a administración competente en cada caso, e baseándose na lexislación vixente, procedeu á declaración de efectos ambientais e á resolución de concesión, estando ambos actos, en caso de irregularidades, suxeitos ás actuacións administrativas e xudiciais que o ordenamento xurídico legal establece.

Terceiro.-No expediente instruído para efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autorizar as instalacións electromecánicas e aprobar o proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico da Ponte no río Almofrei, promovido pola empresa Energía de Galicia, S.A.-Engasa, no termo municipal de Cotobade, Pontevedra.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Pontevedra porá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debéndolle comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Segunda.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de resolución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Terceira.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Cuarta.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2004.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas