DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2004 pola que se fai público o volume global de préstamos a subsidiar, o límite de crédito dispoñible e tipo de xuro aplicable, así como a inclusión dunha cláusula de aplicación transitoria, para a concesión de axudas durante o ano 2005, ao abeiro do convenio de apoio financeiro 2004-2006 ao comercio polo miúdo na Comunidade Autónoma de Galicia, subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia e as cámaras de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e as entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas.

O convenio de apoio financeiro 2004-2006 ás pequenas e medianas empresas, subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia e as cámaras de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e as entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca

adheridas, publicado mediante Resolución do 27 de xaneiro de 2004 (DOG nº 20, do 30 de xaneiro), prevé a publicación no Diario Oficial de Galicia do límite de crédito dispoñible para a concesión de axudas no ano 2005 e das partidas orzamentarias asignadas ao seu financiamento, así como do volume global de préstamo que se vai subsidiar no exercicio.

Considérase conveniente establecer unha cláusula de aplicación transitoria para as solicitudes presentadas no ano 2005 establecendo o tipo de xuro e subsidiación para os beneficiarios das operacións de préstamo.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Primeiro.-Para o ano 2005, as axudas reguladas no convenio de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas, subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia e as cámaras de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e as entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas, publicado mediante Resolución do 27 de xaneiro de 2004 (DOG nº 20, do 30 de

xaneiro) financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 02.01.01/06/01.656700 cun crédito plurianual de 97.000 euros para o ano 2005, de 150.000 euros para o ano 2006 e de 100.000 euros para o ano 2007 e 02.01.01/02/01.656700, cun crédito plurianual de 2.972,07 euros para o ano 2005, de 10.897,57 euros para o ano 2006 e de 5.944,13 euros para o ano 2007. A concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito orzamentario suficiente.

Segundo.-O volume global de préstamos que se van subsidiar durante o ano 2005 non poderá superar o importe total de 6 millóns de euros, coa seguinte distribución: 1,25 millóns de euros destinaranse a cada unha das catro provincias galegas e o resto a un fondo común de reserva. En caso de que se esgote a dotación inicial atribuída a unha provincia, cubriranse as operacións correspondentes con cargo ao fondo común, e no caso de que se esgotase este, poderán empregarse os fondos atribuídos a outras provincias que non fosen utilizados.

Terceiro.-Modifícase o convenio nos seguintes termos:

1. A cláusula 7ª.-Características das operacións do préstamo, puntos 7.3 e 7.4, pasan a ter a seguinte redacción:

7.3. Sistema de amortización.

Establécense dous sistemas de amortización optativos:

Sistema de amortización lineal.-As amortizacións serán realizadas polo prestameiro en cotas de amortización de capital trimestrais iguais, con vencemento o último día do trimestre natural, debendo recoller a póliza ou escritura o número de cotas e as datas en que se producirán a primeira e a última.

Sistema de amortización francés.-As amortizacións serán realizadas polo prestameiro en cotas de amortización de capital e xuros mensuais iguais, con vencemento no último día do mes natural, debendo recoller a póliza ou escritura o número de cotas e as datas en que se producirán a primeira e a última.

O préstamo poderá ser amortizado de forma anticipada, total ou parcialmente, á vontade do prestameiro. As amortizacións anticipadas parciais que, de ser o caso, realice voluntariamente o prestameiro deberanse aplicar a reducir en igual contía as cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións no prazo de amortización do préstamo.

A entidade financeira deberá comunicar puntualmente as ditas amortizacións anticipadas indicando data e importe delas, co obxecto de que o Igape calcule o novo importe da subvención e o importe que deberá reintegrar o beneficiario ao Igape.

7.4. Liquidación de xuros.

Sistema de amortización lineal.-A liquidación de xuros, ao igual que as amortizacións, será por trimestres naturais vencidos, devengándose o último

día do trimestre natural, e calculándose os xuros en función do capital vivo, agás para o período de carencia, en que a cota de xuros se determinará en función do préstamo efectivamente disposto.

Os trimestres serán sempre de 90 días e todos os meses de 30 días, computándose estes para a liquidación desde a data de disposición, incluída esta.

Sistema de amortización francés.-A liquidación de xuros, ao igual que as amortizacións, será por meses naturais vencidos, devengándose o último día do mes natural, e calculándose os xuros en función do capital vivo, agás para o período de carencia, en que a cota de xuros se determinará en función do préstamo efectivamente disposto.

Os meses serán sempre de 30 días, computándose estes para a liquidación desde a data de disposición, incluída ésta.

Cuarto.-Establécese unha cláusula de aplicación transitoria para as solicitudes de axuda presentadas no Igape durante o ano 2005, respecto ás cales a cláusula 7.5 queda modificada pola seguinte redacción:

7.5. Tipo de xuro e subsidiación para o beneficiario das operacións de préstamo.

O tipo de xuro nominal dos préstamos acollidos a este convenio será fixo durante a vixencia destes. Excepcionalmente, para aquelas operacións de préstamo que teñan un prazo de vixencia superior a 5 anos, de acordo co establecido na cláusula 7.2., o tipo de xuro que se vai aplicar a partir do sexto ano será o que libremente pacten as partes.

Para as solicitudes de axuda presentadas no Igape no ano 2005, o tipo de xuro nominal fixo será o 3,85 % e a subsidiación será a diferenza entre o tipo de xuro menos o 1% para aqueles proxectos que comporten a creación de emprego con contrato indefinido, sempre que sexa mantido durante polo menos dous anos desde a data de contratación. No resto dos proxectos a subsidiación será a diferencia entre o tipo de xuro menos o 2%.

Para as solicitudes de axuda presentadas no Igape no ano 2006, o tipo de xuro nominal fixo e os puntos de subsidiación serán comunicados polo Igape ás entidades financeiras e publicados no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-O texto do anexo III (modelo de comunicación de concesión do préstamo) substitúese polo que se une a esta resolución.

Sexto.-Esta resolución entrará en vigor o día 3 de xaneiro de 2005.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA