DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2004 pola que se fai público o volume máximo de operacións subsidiables, o límite de crédito dispoñible e tipo de xuro aplicable durante o ano 2005, na concesión de axudas ao abeiro do convenio de apoio financeiro 2004-2006 ás pequenas e medianas empresas subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras, así como o establecemento dunha nova cláusula de aplicación transitoria.

O convenio de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras, publicado mediante Resolución do 27 de xaneiro de 2004 (DOG nº 20, do 30 de xaneiro), prevé a publicación no Diario Oficial de Galicia do límite de crédito dispoñible para a concesión de axudas no ano 2005 e das partidas orzamentarias asignadas ao seu financiamento, así como do volume global de préstamos a subsidiar e do tipo de xuro aplicable para o primeiro semestre de 2005.

Dado que a aplicación da cláusula transitoria do ano 2004 supuxo un incremento importante dos proxectos que se van apoiar mediante este programa e tendo en conta a demanda de financiamento manifestada polas pemes galegas para novos proxectos que se van realizar, considérase conveniente establecer unha nova cláusula modificando o requisito de emprego para acceder a condicións de subsidiación máis beneficiosas, estendendo a súa aplicación ás solicitudes de axuda presentadas no ano 2005, así como realizar as modificacións oportunas no convenio.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Primeiro.-Para o ano 2005, as axudas reguladas no convenio de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras, publicado mediante Resolución do 27 de xaneiro de 2004 (DOG nº 20, do 30 de xaneiro), financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 02.01.01/06/05.656700 cun crédito plurianual de 1.200.000 euros para o ano 2005, de 4.050.000 euros para o ano 2006 e de 2.250.000 euros para o ano 2007 e 02.01.01/02/01.656700 cun crédito plurianual de 61.750,12 euros para o ano 2005, de 226.417,10 euros para o ano 2006 e de 123.500,24 euros para o ano 2007. A concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito orzamentario suficiente.

Segundo.-O volume global de préstamos que se van subsidiar non poderá superar 80 millóns de euros.

Terceiro.-Para o primeiro semestre do ano 2005, o tipo de xuro nominal será o 3,35%. No caso de que o tipo adicional sexa inferior a 1,15 puntos,

o tipo de xuro que se vai aplicar será o resultado de engadir ao tipo de referencia (2,217) o tipo adicional que teñan pactado as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

Cuarto.-Modifícase o convenio, nos seguintes termos:

A cláusula 8ª, puntos 8.2.2 e 8.2.3, pasan a ter a seguinte redacción:

8.2.2. Sistema de amortización.

Establécense dous sistemas de amortización optativos:

Sistema de amortización lineal.-As amortizacións realizaraas o prestameiro en cotas de amortización de capital trimestrais iguais, con vencemento o último día do trimestre natural, debendo recoller a póliza ou escritura o número de cotas e as datas nas que se producirán a primeira e a última.

Sistema de amortización francés.-As amortizacións realizaranse polo prestameiro en cotas de amortización de capital e xuros mensuais iguais, con vencemento o último día do mes natural, debendo recoller a póliza ou escritura o número de cotas e as datas nas que se producirán a primeira e a última.

O préstamo poderá ser amortizado de forma anticipada, total ou parcialmente, á vontade do prestameiro. As amortizacións anticipadas parciais que, se é o caso, realice voluntariamente o prestameiro deberán aplicarse a reducir en igual contía as cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións no prazo de amortización do préstamo.

A entidade financeira deberá comunicar puntualmente as ditas amortizacións anticipadas indicando data e importe das mesmas, co obxecto de que o Igape calcule o novo importe da subvención e o importe a reintegrar polo beneficiario ao Igape.

8.2.3. Liquidación de xuros.

Sistema de amortización lineal.-A liquidación de xuros, ao igual que as amortizacións, será por trimestres naturais vencidos, devengándose o último día do trimestre natural, calculándose os xuros en función do capital vivo, agás para o período de carencia no que a cota de xuros determinarase en función do préstamo efectivamente disposto.

Os trimestres serán sempre de 90 días e todos os meses de 30 días, computándose estes para a liquidación desde a data de disposición, incluída esta.

Sistema de amortización francés.-A liquidación de xuros, ao igual que as amortizacións, será por meses naturais vencidos, devengándose o último día do mes natural, calculándose os xuros en función do capital vivo, agás para o período de carencia no que a cota de xuros determinarase en función do préstamo efectivamente disposto.

Os meses serán sempre de 30 días, computándose estos para a liquidación desde a data de disposición, incluída esta.

Quinto.-Establécese unha nova cláusula de aplicación transitoria con vixencia durante o ano 2005, de modo que para as solicitudes de axudas presentadas no Igape no ano 2005 se establecen as seguintes condicións:

Primeira.-As cláusulas 8ª.3.4 e 8ª.3.5 quedan modificadas pola seguinte redacción:

8ª.3.4.-A subsidiación do tipo de xuro será de 2,35 puntos para empresas de nova creación, empresas que creen 3 ou máis empregos con contrato indefinido, sempre que sexa mantido durante polo menos dous anos desde a data de contratación, empresas que realicen o seu proxecto investidor nalgún dos municipios de localización prioritaria que se relacionan no anexo X ou empresas nas que a actividade principal sexa o transporte público de mercadorías ou de viaxeiros por estrada e acometan proxectos de renovación da frota dirixidos á súa modernización e mellora ambiental, e de 1,35 puntos para o resto dos casos.

8ª.3.5.-O tipo de xuro resultante para o beneficiario, é dicir, o tipo de xuro menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ao 1% para empresas de nova creación, empresas que creen 5 ou máis empregos, empresas que realicen o seu proxecto investidor nalgún dos municipios de localización prioritaria que se relacionan no anexo X ou empresas nas que a actividade principal sexa o transporte público de mercadorías ou de viaxeiros por estrada e acometan proxectos de renovación da frota dirixidos á súa modernización e mellora ambiental, e ao 2% para o resto dos casos.

Segunda.-Para o exercicio 2005, nas operacións de préstamo por importe inferior a 600.000 A destinadas a financiar investimentos levados a cabo por empresas de nova creación, empresas que realicen o seu proxecto de investimento nalgún dos municipios de localización prioritaria que se relacionan no anexo X, ou empresas que a súa actividade principal sexa o transporte público de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que acometan proxectos de renovación da frota dirixidos á súa modernización e mellora ambiental, cando as Sociedades de Garantía Recíproca que subscriben este convenio outorguen un aval do 80% do préstamo sen máis garantías que as persoais do solicitante, estas recibirán do Igape unha achega ao Fondo de Provisións Técnicas do 4% sobre o saldo de risco vivo o 31 de decembro de 2004 derivado das citadas operacións formalizadas a partir da entrada en vigor deste convenio.

A achega do Igape liquidarase por solicitude das S.G.R. unha vez vencido o exercicio 2005, achegando a tal fin unha declaración das operacións que cumpran os requisitos establecidos de acordo coas instrucións que a tal fin aprobe a Dirección Xeral do Igape.

Para estas operacións, a achega do solicitante ao capital da Sociedade de Garantía Recíproca, recuperable á cancelación do préstamo avalado, será do 3% do importe do aval formalizado, sen prexuízo do previsto na cláusula 8.3.3 deste convenio respecto á comisión polo aval.

A achega ás SGR regulada nesta cláusula financiarase con cargo á partida 02.01.01/02/02.656700 dos orzamentos do Igape para o ano 2005 cun límite de crédito de 240.000 A.

Sexto.-O texto do anexo III (modelo de comunicación de concesión de préstamo) substitúese polo que se une a esta resolución.

Sétimo.-Esta resolución entrará en vigor o día 3 de xaneiro de 2005.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica