DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.302

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2004 pola que se convocan cinco bolsas de colaboración en tarefas de estudo e análise sobre materias xurídicas e político-administrativas.

O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

En execución do Plan de actividades da escola para o ano 2005 e de conformidade coa referida disposición, convócanse cinco bolsas de colaboración en tarefas de estudo e análise sobre materias xurídicas e político-administrativas, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca cinco bolsas para a realización de estudos e análise sobre materias xurídicas e político-administrativas.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As tarefas relativas a estas bolsas iniciaranse a partir do 1 de xaneiro e rematarán o 31 de decembro de 2005. Poderán ser prorrogadas, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado en suficiente por un ano ou, se é o caso, ata que se resolva a convocatoria do ano 2006.

A dotación económica de cada bolsa será de 806 euros mensuais brutos coa retención fiscal que lle corresponda.

O financiamento estará condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 04.50.122A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2005. O expediente económico tramítase de acordo co previsto na Orde do 11 de febreiro de 1998 que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Antes de proceder ao último pagamento os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non gozaron doutra bolsa que a adxudicada en virtude desta convocatoria.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social. Será incompatible co goce doutras bolsas.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser licenciado/a en dereito, económicas ou ciencias políticas.

b) Acreditar coñecementos de lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos vinte días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo do anexo.

b) Unha fotocopia do DNI.

c) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura. Para facilitar a valoración do expediente académico deberán incluír na certificación a nota media obtida.

d) Currículum vitae, coa declaración dos méritos académicos e profesionais, así como a relación dos traballos e publicacións sobre temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados. Só se valorarán as publicacións que teñan ISBN e/ou ISSN e garden relación coa bolsa.

e) Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria e en informática. As certificacións, tanto de formación como de traballo ou prácticas, deberán detallar o número de horas, días ou meses de formación ou actividade. No caso das certificacións de traballo ou prácticas, estas reflectirán pormenorizadamente as funcións e traballos realizados.

f) Memoría. Contido: natureza xurídica da EGAP. Fins e funcións. Estrutura orgánica. Breve descrición das tarefas de colaboración desta bolsa nun centro de formación de funcionarios públicos. Extensión: tres follas como mínimo e cinco como máximo.

g) Declaración xurada ou responsable onde se comprometa a renunciar se for seleccioando para outra bolsa.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o xefe de estudos da EGAP.

Vogal: o xefe do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP.

Secretaria: a xefa do Servizo de Formación do Persoal da Administración Local da EGAP.

O tribunal está clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autónomica de Galicia.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico. Pola titulación requirida para a bolsa solicitada: ata catro puntos.

b) Formación ou experiencia en temas relacionados co obxecto desta bolsa: ata dous puntos.

c) Coñecementos de lingua galega: ata dous puntos.

d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

e) Memoria: ata dous puntos.

O tribunal non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes. Á vista da valoración dos méritos dos candidatos, o tribunal determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. A entrevista versará sobre o seu mérito curricular e a memoria presentada, co fin de valorar os coñecementos, aptitudes e actitudes persoais dos aspirantes para as funcións que van desempeñar. Terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista será de cinco puntos.

Finalmente o tribunal fará pública no taboleiro de anuncios da escola a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo de aceptar a bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ao da notificación do outorgamento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres na Escola Galega de Administración Pública. Os traballos realizados quedarán en propiedade da escola.

Os bolseiros presentarán ao remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Así mesmo, deberán asistir ás actividades que a escola estime convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.122A.480.0 na que se habilitará previamente o crédito para este fin, logo de que o xefe do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención non poderá superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida prestar a súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación. En caso de renunciar á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando o órgano xestor certifique o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade destas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ao goce da bolsa.

Novena.-Anulación da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do xefe do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións e logo de escoitar a persoa afectada, anular a bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Décima.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa será notificada aos interesados no pazo de seis meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo, sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

As resolucións que se diten esgotarán a vía administrativa e poderá interporse, chegado o caso, recurso potestativo de reposición perante o director da Escola Galega de Administración Pública no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa notificación, se for expresa, ou no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao que se producise o acto presunto, se non for. Tamén se poderá optar por interpor directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación, se o acto for expreso, e, se non o for, o prazo para interpolo será de seis meses contados desde o día seguinte ao que se produza o acto presunto, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que estimen oportuno.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública