DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.288

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 27 de decembro de 2004 pola que se autoriza o cesamento de actividades da Cociña da Irmandade (A Coruña).

En virtude do disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais e do artigo 6 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais, os centros de servizos sociais propios da Comunidade Autónoma crearanse mediante decreto precisándose orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

De conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 243/1995 citado, para o cesamento de actividades dun centro, tanto temporal como definitivo, será preceptiva a obtención do correspondente permiso. O cesamento definitivo total vén referido á finalización de actividades de prestación respecto de todos os servizos.

A finalización do contrato de aluguer onde se situaba a Cociña da Irmandade (A Coruña), o estudo das posibilidades de atopar un novo local que reunise as condicións legais imprescindibles para unha instalación deste uso, e o feito de que o peche, pola demanda, non suporá un prexuízo importante para os usuarios, dado que existen centros de similares características na mesma localidade onde serán atendidos, fai inviable a relocalización deste servizo así como das súas actividades.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me son atribuídas polo Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería,

DISPOÑO:

Artigo único.-Autorízase o cesamento de actividades definitivo total da Cociña da Irmandade (A Coruña).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado