DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o ano 2005.

O Estatuto de autonomía establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito de xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 280/2003, do 17 de xuño, polo que se modifica o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, no que se estableceu a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estrutura básica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, que conta cunha Dirección Xeral de Xuventude á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, desenvolvido polo Decreto 195/2003, do 20 de marzo.

No exercicio destas competencias, un dos obxectivos básicos desta consellería é o desenvolvemento dunha política de promoción de servizos estables para a xuventude.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado entende que para acadar os obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fun

damental promover o feito asociativo xuvenil así como as actuacións e canles dirixidas a consolidar e garantir o acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á xuventude, e facilitar o acceso da mocidade na utilización das novas tecnoloxías, prestándolles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ao cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garantir o acceso a unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades, de actividades formativas e educativas no ámbito do tempo libre, e na potenciación do asociacionismo xuvenil e utilización por parte da xuventude das novas tecnoloxías, actuacións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

O gasto que se proxecta tramítase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos para o exercicio 2005, de acordo co disposto no artigo 3.3º in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Polo demais, esta convocatoria axustase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia na concesión das axudas e subvencións e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen as axudas a entidades locais para a realización, desde o 1 de xaneiro de 2005 e ata a data límite de xustificación especificada no artigo 7, de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil, e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías, todas elas dirixidas á xuventude de 12 a 30 anos.

2. Poderán ser obxecto de subvención:

a) A promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun servizo de información xuvenil, así como as acti

vidades de dinamización da información que se leven a cabo desde este.

b) As actividades de formación en animación xuvenil e outras de carácter socio-educativo dirixidas a tratar as distintas problemáticas que hoxe en día afectan a xuventude.

c) O fomento do asociacionismo xuvenil e participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

d) As actividades de animación sociocultural no ámbito do ocio e o tempo libre e campamentos de verán.

e) Os programas que fomenten a incorporación da xuventude as novas tecnoloxías.

3. Quedarán excluídos os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado financiará as anteditas subvencións con cargo aos créditos previstos no proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005, na partida orzamentaria 14.03.355B.460.0, cunha contía de 1.300.000 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos, e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Ningún concello ou entidade local dos sinalados no punto 1 poderá:

a) Presentar solicitude de subvención se o fixo unha entidade local na que estean integrados ou da que dependan.

b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva das que sinala o punto 2.

c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

4. O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta.

5. Será requisito indispensable para a concesión destas axudas, ter xustificadas as concedidas, de ser o caso, no exercicio anterior.

Artigo 4º.-Documentación.

1. As solicitudes, acompañadas da documentación pertinente, irán dirixidas á directora xeral de Xuventude e presentaranse no prazo de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 4.3º da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, no Rexistro Xeral da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, ou por calquera dos medios recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de proceder á súa certificación.

2. A solicitude poderá formalizala:

O alcalde-presidente ou persoa en quen delegue.

O presidente da mancomunidade ou persoa en quen delegue.

O representante que se estableza no acordo de cooperación, para os supostos previstos no artigo 3º.2 desta orde, soamente un deles en representación dos demais, logo de delegación de cada un dos concellos.

En calquera dos casos, o solicitante deberá ser autorizado e designado polo Pleno, Comisión de Goberno da entidade peticionaria ou decreto da alcaldía.

3. Á instancia da solicitude (anexo), deberáselle xuntar a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano competente, de solicitude da subvención e se nomee a un representante se procede.

b) Certificación do órgano competente sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte á porcentaxe de financiamento que debe asumir esta sobre o total do proxecto presentado (25%).

c) Proxectos para os que se solicita subvención e orzamento estimado destes.

d) Memoria explicativa das actividades que se vaian realizar.

e) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 3º.2 desta orde, documento no que se acorde a colaboración dos concellos e certificación dos secretarios, dos acordos do Pleno ou Comisión de Goberno delegando a petición da subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

4. Se na solicitude se apreciaran defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de

Xuventude, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixera, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

5. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se xunte á solicitude, ou nesta, será comunicado á Dirección Xeral de Xuventude, quen poderá recadar do solicitante, en todo caso, cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 5º.-Criterios de concesión, avaliación e contías das axudas.

1. A concesión da subvención realizarase por concurso, atendéndose aos seguintes criterios:

a) Terá carácter prioritario, valorándose ata 25 puntos, os bos resultados e a incidencia positiva que se desprenda do informe técnico realizado polos servizos provinciais de xuventude ás oficinas municipais e información xuvenil.

b) Presentación da solicitude por unha mancomunidade ou agrupación de concellos (ata 20 puntos).

c) Relevancia e calidade dos programas presentados en relación co obxecto desta orde (ata 20 puntos).

d) Número de beneficiarios potenciais e proxección social das actividades programadas (ata 15 puntos).

e) Pertenza a zonas do medio rural (ata 10 puntos).

f) Actividades que teñan un compoñente formativo ou educativo fronte ao meramente lúdico (ata 10 puntos).

2. A contía das axudas estará supeditada á puntuación obtida segundo o baremo anterior e será proporcional a ela.

3. Aqueles concellos que non formen parte da Rede Galega de Información Xuvenil non poderán obter subvención por importe superior a 2.000 euros.

4. Unha vez baremadas as solicitudes de subvención, aplicando os criterios e valoración recollidos neste artigo, o importe destinado ás axudas non poderá superar a asignación orzamentaria coa que conta esta orde, procedéndose se é mester a minorar proporcionalmente os importes das axudas ata axustarse ao orzamento dispoñible.

5. A contía da subvención concedida non poderá superar o 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

6. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións

públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

7. Se a Dirección Xeneral de Xuventude considerase que o crédito asignado a esta orde fora insuficiente, debido o número de solicitudes presentadas, e sempre que houbera existencia de crédito orzamentario na aplicación correspondente, tramitarase unha modificación da convocatoria nese sentido, logo de fiscalización do expediente.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán sometidas a informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral e Xuventude e remitidas á Comisión de Valoración, que terá a seguinte composición:

a) O subdirector xeral de Programas, que actuará como presidente.

b) Un representante da Subdirección Xeral de Programas.

c) Un representante da Subdirección Xeral de Promoción de Actividades.

d) Un representante do Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

e) Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Xuventude.

2. A Comisión de Valoración baremará as solicitudes e redactará a proposta de resolución, correspondendo ditar a resolución á directora xeral de Xuventude, por delegación da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

3. A proposta de resolución especificará a avaliación de cada solicitude, estará motivada e será congruente coas peticións formuladas polos solicitantes e coa restante documentación que integre o expediente que lle sirva de fundamento.

4. A resolución seralles notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela se poderá acudir directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, e de conformidade co disposto no artigo 44 da referida lei, poderase requirir previamente o órgano que ditou o acto no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución.

O requirimento entenderase rexeitado se dentro do mes seguinte a súa recepción non fose contestado.

5. Os solicitantes aos que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, para retirar a documentación presentada. Transcorrido este prazo arquivarase.

Artigo 7º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión de subvención e realizada a actividade remitirase á Dirección Xeral de Xuventude ata o 15 de outubro de 2005 inclusive:

a) Certificación expedida polo secretario da entidade peticionaria, na que se fará constar a realización das actividades segundo o proxecto presentado e subvencionado e o importe en cifras e letra do gasto realmente efectuado.

b) Así mesmo, remitirase no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o punto anterior, poderase proceder ao pagamento da subvención de acordo coa normativa orzamentaria que lle sexa de aplicación.

Artigo 8º.-Obrigas do beneficiario.

As entidades locais beneficiarias de subvencións están obrigadas a:

1. Non modificar a programación de actividades aprobadas sen autorización expresa da directora xeral de Xuventude.

2. Estar sometidas ás actuacións de comprobación que serán efectuadas pola Dirección Xeral de Xuventude, e as de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, e as previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

3. Facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Artigo 9º.-Control e reintegro da subvención.

Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamen

tarias e de función pública e actuación administrativa, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Artigo 10º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado na directora xeral de Xuventude, para resolver a concesión denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude,

Deporte e Voluntariado