DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.282

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 7 de decembro de 2004 pola que se particulariza para o exercicio orzamentario 2005 o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, tramitada como expediente anticipado de gasto.

A aplicación das disposicións da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto) establece no seu artigo 4º que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 as axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma do ano correspondente.

Rematado o procedemento de concesión de axudas para o exercicio 2004 ao abeiro da referida orde e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2005, cómpre establecer as condicións particulares para a concesión destas axudas no vindeiro exercicio.

A Orde do 17 de xullo de 2000, establece no artigo 15º o prazo de presentación de solicitudes. Este artigo foi modificado posteriormente pola Orde do 29 de decembro de 2003 (DOG nº 253, do 31 de decembro), pola que se modifica a orde antes mencionada e se particulariza para o exercicio 2004.

O artigo 1º, 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro) establece. que os expedientes de gasto relativos a subvencións poderán iniciarse sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no Proxecto dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no que se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os

requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba

o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3º, 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou trasposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Para o exercicio orzamentario 2005 as axudas ao abeiro da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto) outorgaranse con cargo á aplicación 12.03.721V.770.0 que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para 2005, na que normalmente existirá crédito axeitado e suficiente, e ata o importe máximo de 9.452.108,99 A, reservándose para o efecto o correspondente crédito.

Para expedientes de gasto que sexan executados en varias anualidades, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as anualidades no ano 2006 poderán sumar ata un importe máximo de 694.782,95 A. A aplicación orzamentaria correspondente será a 12.03.721V.770.0.

De conformidade co disposto na Orde de 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), a concesión das correspondentes axudas queda sometida en todo caso á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005 no momento da resolución.

Artigo 2º.-Para a concesión de axudas ao abeiro da devandita Orde do 17 de xullo de 2000 con cargo ao exercicio orzamentario 2005, o prazo de presentación de solicitudes será de corenta (40) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, salvo no caso de que a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspon

dente estableza o contrario. Neste último caso quedará fixado o prazo de presentación de solicitudes segundo o disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO