DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.280

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 2 de decembro de 2004 pola que se convocan axudas á paralización dos buques pesqueiros para o exercicio de 2005 e se modifica a Orde do 28 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros.

A Orde do 28 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros prevé que a retirada da actividade pesqueira se materialice dentro do tempo establecido na resolución de concesión de axuda.

Para tal obxecto esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, que se rexerán polas bases e condicións de acordo co procedemento establecido na Orde do 28 de novembro de 2000 (DOG do 20 de decembro), sendo o prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ao próximo exercicio, de acordo coa normativa reguladora de tramitación anticipada de expediente de gasto e condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axustado e suficiente unha vez aprobado o orzamento.

Con cargo á aplicación 12.03.614B.770.1 do orzamento do ano 2005 cun importe de 6.158.036 euros.

Artigo 3º.-Modificación da Orde do 20 de novembro de 2000.

Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 28-11-2000:

«Artigo 6º.-Beneficiarios.

O parágrafo terceiro queda redactado do seguinte xeito:

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar certificacións de non ter débedas coa Administración estatal e autonómica e certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social. Así mesmo, deberán presentar tanto coa solicitude coma coa petición de pagamento da axuda unha declaración relativa a todas as subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como se modificou pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 10º.-Importe das axudas.

A letra b) queda redactada do seguinte xeito:

Primas por traspaso definitivo a un terceiro país: os importes máximos das primas por desmantelamento previstas na letra a), reducidas nun 70%; non obstante, non se admitirá ningunha axuda pública por este concepto para os buques de tonelaxe inferior a 20 TRB ou 20 GT ou que teñan 30 anos ou máis de idade, salvo nas condicións que se establecen na alínea d) deste artigo.

Artigo 14º.-Solicitudes e prazo de presentación.

Na aínea A) modifícase a epígrafe a) que queda do seguinte xeito:

a) Solicitude en impreso normalizado que se une como anexo II desta orde.

Na alínea A) introdúcese un novo epígrafe:

k) Certificado de non ter débedas coa administración estatal e autonómica e certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social».

Disposicións transitorias

Primeira.-Con efectos nesta convocatoria, exímese do requisito de presentar os documentos de autorización a que se refire o artigo 14º A) letra d) da Orde do 28-11-2000, conxuntamente coa solicitude, debendo facelo coa documentación para o pagamento.

Segunda.-Para os buques de menos de doce metros de eslora total, e nesta convocatoria, o prazo para a materialización establecido no parágrafo primeiro do artigo 22 da orde reguladorea redúcese a tres meses.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos