DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 2 de decembro de 2004 pola que se convocan axudas de carácter socioeconómico para o exercicio do ano 2005 e se modifica a Orde do 30 de novembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico.

A Orde do 30 de novembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico, prevé que as convocatorias anuais, que poidan ser varias, se rexerán polas bases e condicións establecidas na dita orde.

Por outra banda, o Real decreto 1473/2004, do 18 de xuño, polo que se establecen medidas de carácter socioeconómico no sector pesqueiro, que entrou en vigor o 1 de xullo, modifica o Real decreto 3448/2000, do 22 de decembro, polo que se establece a normativa básica das axudas estruturais no sector pesqueiro que regula as devanditas axudas de carácter socioeconómico no artigo 60 e seguintes.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas de carácter socioeconómico, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 30 de novembro de 2000 (DOG do 20 de decembro), e o prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, será de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ao vindeiro exercicio, de acordo coa normativa reguladora de tramitación anticipada de expediente de gasto, e condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axustado e suficiente unha vez aprobado o orzamento.

Con cargo á aplicación 12.03.614V.780.0 do orzamento do ano 2005 e cun importe de 6.249.070 euros.

Artigo 3º.-Modificación da Orde do 30 de novembro de 2000.

Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 30-11-2000, que quedarán redactados do seguinte xeito:

«Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas socieconómicas vinculadas ás medidas de reestruturación do sector pesqueiro os pescadores que sexan tripulantes dos buques pesqueiros con porto base en Galicia, ou os pescadores que sexan tripulantes cuxo domicilio fiscal se atope en Galicia, e que reúnan todos e cada un dos requisitos establecidos máis adiante para cada unha das medidas, así como os establecidos na normativa estatal e comunitaria.

Para estes efectos, entenderase por pescador calquera persoa que exerza a súa actividade profesional principal a bordo dun buque de pesca marítima en activo.

Un mesmo pescador non se pode beneficiar de máis dunha das medidas previstas.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

O parágrafo terceiro queda redactado do seguinte xeito:

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar certificacións de non ter débedas coa Administración estatal e autonómica e certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

Así mesmo, deberán presentar tanto coa solicitude como coa petición de pagamento unha declaración relativa a todas as subvencións concedidas ou solicitadas.

Artigo 8º.-b) Primas globais individuais.

Requisitos e importes máximos:

O parágrafo segundo queda redactado do seguinte xeito:

Debe estar enrolado e en alta, ou sitación asimilada á alta, coa excepción do establecido na alínea d), parágrafo 4 deste artigo, no buque obxecto de axuste estrutural desde a solicitude de axuda por paralización definitiva ata que sexa notificada a súa concesión.

Artigo 8º.-c) Primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

Requisitos e importes máximos:

Poderánselles conceder primas individuais non renovables aos pescadores que poidan acreditar polo menos cinco anos de exercicio da profesión con vistas á súa reconversión profesional ou á diversificación das súas actividades nun sector que non sexa o da pesca marítima, dentro dun plan social ou colectivo, sobre a base dun custo subvencionable limitado a 50.000 euros no caso da prima por reconversión, ou de 20.000 euros no caso da prima por diversificación.

Artigo 11º.-Solicitude e prazo de presentación.

Modifícase a alínea a):

a) Solicitude en impreso normalizado que se xunta como anexo I desta orde.

Introdúcese unha nova alínea:

g) Certificado de non ter débedas coa Administración estatal e autonómica, e certificado de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

h) Segundo o tipo de medida solicitada, ademais.

1. Axudas á xubilación anticipada.

-Copia cotexada ou dilixenciada da solicitude de convenio especial co ISM e a súa cuantificación, de ser o caso.

-Anexo V.

2. Primas globais individuais.

Introdúcese un parágrafo segundo:

-Xustificante do Instituto Social da Mariña (ISM) de non poder acceder á xubilación ordinaria, no caso de ser maior de 55 anos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO V

D DNI:

Domicilio: Localidade: Provincia:

EXPOÑO:

Que solicito ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos unha axuda á xubilación anticipada a pescadores afectados polo axuste estrutural da frota.

Que autorizo expresamente a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para solicitar ante o Instituto Social da Mariña os datos que sexan necesarios e relevantes para poder tramitar a miña solicitude.

Lugar e data:

Asdo: