DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2004 pola que se ordena publicar a decisión do xurado do premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

Por Orde do 29 de marzo de 2004 (DOG nº 68, do mércores 7 de abril) convocouse o Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, co fin de recoñecer e recompensar os méritos de todas aquelas institucións, asociacións ou entidades culturais que dediquen unha parte significativa da súa actividade á revitalización e promoción do Camiño de Santiago, contribuíndo así ao coñecemento e divulgación do significado histórico, relixioso e cultural da Ruta Xacobea.

O artigo 4 da citada orde establece que o premio será outorgado por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou persoa en quen delegue, e estará integrado polos seguintes membros: o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, dous membros nomeados polo comité, a institución, asociación cultural, padroado ou fundación que resultase gañador na anterior convocatoria e os presidentes das entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago cos números 30 (por renuncia do nº 29), 32 (por ausencia do nº 31), 33 e 34.

De acordo co citado artigo 4, as decisións do xurado serán inapelables e daranse a coñecer mediante publicación no DOG e por comunicación directa ao galardoado.

Por todo isto,

RESOLVO:

Artigo único.-Ordeno publicar a decisión do xurado do premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

O citado xurado, reunido en Santiago de Compostela o día 27 de novembro de 2004, acordou conceder o premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, ao proxecto presentado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo