DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.271

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas para a implantación dun sistema de recollida de subprodutos animais nas explotacións agrarias.

O Regulamento (CE) 1774/2002, do 3 de outubro, do Parlamento e do Consello da Unión Europea establece as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados a consumo humano prohibindo a súa entrada na cadea alimentaria.

O Real decreto 1429/2003, do 21 de novembro, regula as condicións de aplicación da normativa comunitaria en materia de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano.

Neste sentido, amplíase a obriga xa existente de destrución de cadáveres de animais ruminantes, incluíndo novas especies animais.

No conxunto destas especies reviste especial consideración o tratamento do porcino e aviar, pola repercusión destas explotacións no referente á súa implantación en áreas concretas da Comunidade Autónoma de Galicia, á súa tipoloxía produtiva e á repercusión na economía das áreas xeográficas nas que están localizadas, incluíndose, así mesmo, as explotacións gandeiras de coellos, ovellas e cabras.

Estas consideracións conducen a concluír que son precisas unha serie de medidas complementarias, de tipo organizativo, das actuacións de retirada de cadáveres das explotacións. Neste sentido, mediante o Decreto 43/2004, do 26 de febreiro, a Comunidade Autónoma de Galicia declarou como servizo público autonómico, a recollida, transporte e eliminación dos cadáveres de animais mortos nas explotacións.

Por esta razón, e co fin de racionalizar a retirada desde as explotacións gandeiras dos cadáveres das especies porcina, aviar, cunícola, ovina e cabruna, considérase preciso levar a cabo unha retirada periódica dos cadáveres de animais, evitando os prexudiciais efectos ambientais derivados dunha incorrecta xestión destes residuos.

As axudas establecidas nesta convocatoria teñen como obxectivo inmediato o incremento dos niveis de seguridade alimentaria e a mellora do medio ambiente, e son cofinanciadas pola Sección Orientación do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA), no marco do Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000/2006.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar as axudas para a implantación dun sistema

de recollida de subprodutos animais nas explotacións agrarias.

As axudas consideradas nesta orde teñen por obxecto o financiamento de contedores para o depósito de animais mortos nas explotacións gandeiras, e que en todos os casos, serán retirados posteriormente por empresas de transporte autorizadas para esa finalidade.

Estas axudas van destinadas ás explotacións de gando porcino, avícola e cunícola, inscritas no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia da Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, así como ás explotacións de gando ovino e cabrún que cumpran coa normativa relativa ás campañas oficiais de saneamento gandeiro.

Para as explotacións avícolas e cunícolas financiarase ademais dos contedores, a adquisición de conxeladores para o depósito previo de animais das especies aviar e cunícola, mortos nas explotacións.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. As persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións integradas nas Agrupacións de Defensa Sanitaria de gando porcino recoñecidas pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, que cumpran os compromisos establecidos nesta orde.

2. As persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións de gando porcino, recoñecidas pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria como Explotacións de Sanidade Comprobada e de Protección Sanitaria Especial non incluídas en Agrupacións de Defensa Sanitaria, que cumpran a lexislación vixente en materia de sanidade animal, conforme o Real decreto 195/2002, do 15 de febreiro, polo que se establece o Plan de Seguimento e Vixilancia Sanitaria do Gando Porcino e o Real decreto 427/2003, do 11 de abril, polo que se establecen as bases do programa coordinado de loita, control e erradicación da enfermidade de Aujeszky.

3. As persoas físicas ou xurídicas titulares das demais explotacións de gando porcino inscritas no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia da Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, das explotacións avícolas e cunícolas inscritas no mesmo rexistro e das explotacións de gando ovino e cabrún que cumpran coa normativa relativa a campañas oficiais de saneamento gandeiro.

Artigo 3º.-Tipo e contía das axudas.

1. A contía máxima das axudas poderá chegar ata:

a) Un 40% do prezo do contedor, que se incrementará ata o 50% en zonas desfavorecidas, considerando para estes efectos a localidade na que se atope localizada a explotación, e sen superar, en calquera caso, os 350 euros.

O número de contedores subvencionables será de 1 por unidade de produción cunha capacidade máxima de 1.000 litros.

b) Un 40% do prezo dos conxeladores, que se incrementará ata o 50% se a explotación se atopa nunha zona desfavorecida, considerando para estes efectos a localidade na que se atope localizada a explotación e sen superar, en calquera caso, os 200 euros.

O número máximo de conxeladores subvencionables para cada unha das explotacións avícolas e cunícolas será de 1 por explotación.

2. Cando o importe das solicitudes de axuda exceda a dotación dispoñible, procederase a reducir proporcionalmente as contías unitarias das axudas.

3. O prazo para a xustificación da adquisición dos contedores e dos conxeladores será, como máximo, ata o 30 de xuño de 2005.

Artigo 4º.-Requisitos dos contedores.

Os contedores serán de polietileno ou outro material de similar resistencia, de adecuada estanquidade, inalterable a golpes, corrosión, axentes químicos e de fácil limpeza e desinfección.

Os contedores para depositar os cadáveres reunirán as características de capacidade expresadas no artigo 3º, atoparanse provistos dunha tapa e cun mecanismo que permita cargalos con grúa desde un camión. Deberán ser compatibles cos sistemas establecidos de recollida de cadáveres.

En caso necesario deberán estar dotados de rodas de goma e xiratorias, co fin de evitar a súa permanencia na vía pública.

O titular da explotación será responsable do mantemento do contedor en adecuadas condiciones hixiénico-sanitarias e de conservación.

Estará situado fóra da zona de actividade gandeira, nun lugar de fácil acceso para o vehículo de transporte e, sempre que sexa posible, en lugares sombreados e ventilados.

Os conxeladores, pola súa parte, terán unha capacidade adecuada segundo as necesidades de cada explotación, sendo tamén o titular da explotación o responsable do seu mantemento e conservación.

Artigo 5º.-Solicitude e documentación.

1. A presentación das solicitudes de axuda realizarase segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo, xunto coa documentación complementaria establecida nesta orde. Os citados impresos estarán á disposición dos intere

sados nas oficinas agrarias comarcais, nos servizos provinciais de explotacións agrarias e nas agrupacións de defensa sanitaria de gando porcino recoñecidas pola Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria.

2. Coa solicitude da axuda que figura no anexo I, deberase acompañar a seguinte documentación, segundo os casos:

a) Fotocopia cotexada do NIF ou CIF do titular da explotación.

b) Certificación bancaria acreditativa da titularidade da conta indicada na solicitude, para a domiciliación do pagamento, a nome do solicitante.

c) Factura pagada correspondente ao contedor ou contedores e conxelador ou conxeladores expedida a nome do titular da explotación solicitante da axuda.

d) Declaración doutras axudas solicitadas para a mesma finalidade.

3. O beneficiario das axudas establecidas nesta convocatoria quedará exento de acreditar o cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, de conformidade coas disposicións contidas no artigo 41 do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nas epígrafes anteriores requirirase ao interesado, na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días o emende ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

5. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e rematará o 30 de xuño de 2005.

Artigo 6º.-Resolución.

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá os expedientes por proposta do director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria.

O prazo para ditar e comunicar a correspondente resolución será de nove meses contados a partir do día de entrada en vigor desta convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase expresamente a resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan

a vía administrativa e, contra elas, cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Financiamento.

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2005:

a) 09.03.614-A 777.3 na que existe crédito adecuado de trescentos mil euros (300.000 A).

b) 09.03.614-A. 770.0 na que existe crédito adecuado de seiscentos mil euros (600.000 A).

2. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2005 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Controis.

A Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria poderá realizar controis sobre as explo

tacións para determinar o cumprimento do etablecido nesta orde.

Artigo 11º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección e control.

Artigo 12º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda máis os xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas no artigo 25 do Real decreto 613/2001.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

As subvencións reguladas nesta orde son compatibles con calquera outra que se puidera obter das distintas administracións para a mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das axudas non supere as porcentaxes e importes establecidos no artigo 3º desta orde.

Disposición adicional

Primeira.-Seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 28/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO