DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, e se convocan estas axudas para o ano 2005.

O fomento do asociacionismo agrario constitúe un dos obxectivos fundamentais para lograr o reordenamento e a mellora das estruturas produtivas no medio rural galego, caracterizado por un intenso e excesivo minifundismo que tamén afecta as cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT).

O redimensionamento empresarial, mediante procesos de fusión, absorción e integración das cooperativas, persegue o fortalecemento e a maior viabilidade das entidades asociativas agrarias, para poder afrontar racionalmente os procesos de normalización, transformación e comercialización das producións agrarias, concentrando a oferta e adaptándoa á demanda, establecendo normas comúns de produción respetuosas co ambiente e fomentando a innovación e a diversificación produtiva, de acordo cos criterios establecidos na PAC.

Así mesmo, a unión de explotacións, baixo as fórmulas de cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT de explotación en común, vai favorecer a reestruturación do agro galego, incrementando a súa viabilidade e mellorando a calidade de vida dos agricultores e gandeiros socios.

A ampliación e constitución de novas cooperativas e SAT naquelas comarcas e sectores específicos onde apenas existe asociacionismo vai permitir a organización e intercooperación dos agricultores e gandeiros galegos para poderen afrontar tamén procesos de transformación e/ou comercialización das súas producións conxuntamente.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural estableceu liñas de axuda encamiñadas a fomentar o asociacionismo agrario e a apoiar o redimensionamento e a integración das entidades asociativas de carácter agropecuario para lograr fortalecer as súas estruturas produtivas e

comerciais, de forma que sexan máis competitivas e poidan desenvolver procesos de transformación e/ou comercialización das producións agrarias cunha maior viabilidade.

A experiencia na xestión destas axudas e os resultados que se obtiveron durante os anos anteriores fai necesario modificar as bases reguladoras, no que atinxe aos beneficiarios, conceptos subvencionables, documentación requirida e seguimento e control das subvencións concedidas. Tendo en conta que as sucesivas modificacións dificultan a compresión da normativa reguladora destas axudas por parte dos posibles beneficiarios, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural considera conveniente refundir a normativa, publicando de novo as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, e convocando estas axudas para o ano 2005.

As devanditas axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias están autorizadas por Decisión da Comisión Europea, segundo comunicación do 12-9-2002, (Axuda de Estado nº N 764/2001. España. Galicia).

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente normativa ten por obxecto establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, así como convocar estas axudas para o ano 2005.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller ás axudas reguladas nesta orde as entidades asociativas agrarias, nos casos e cos obxectivos seguintes:

a) As cooperativas de carácter agropecuario, que se constitúan en comarcas ou sectores onde o asociacionismo sexa inexistente ou estea escasamente desenvolvido, coa finalidade de realizar a transformación e/ou comercialización das producións dos agricultores e gandeiros socios dunha forma conxunta.

b) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT de explotación en común, que se constitúan para mellorar as condicións de vida e de traballo dos agricultores e gandeiros e para adaptar a produción ás necesidades do mercado e afrontar a súa comercialización conxuntamente.

c) As cooperativas e SAT resultantes de procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa no sector agrario que, como consecuencia dos devanditos procesos, incrementen significativamente a súa dimensión empresarial ou aforren custos, coa fina

lidade de estaren en disposición de adaptaren a súa produción ás necesidades do mercado e de afrontaren a transformación e/ou comercialización dos produtos agroalimentarios dunha forma conxunta e con maior viabilidade.

d) As cooperativas e SAT que realicen ampliacións do seu capital social e fondos fixos, admitindo agricultores e gandeiros como novos socios, sempre que se dediquen as súas achegas económicas para financiar os conceptos subvencionables que se consideran no artigo 4º desta orde de axudas.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. O interese, a xustificación e a necesidade da constitución de novas entidades asociativas, da realización de procesos de fusión, absorción e integración cooperativa, e da ampliación do seu capital social, deben estar avalados polos correspondentes estudos de viabilidade, memorias técnicas, estudos socioeconómicos, auditorías, balances de fusión, programa de investimentos, programa de actividades ou calquera outro informe que se considere de relevancia; en todo caso, realizados polos correspondentes técnicos competentes.

2. As entidades asociativas deberán contemplar nos seus estatutos disposicións que obriguen os socios a cumprir as normas de produción, subministración e comercialización que se elaboren para cada campaña, de forma que poidan reducir os custos e programar a produción para adaptala á demanda, concentrando a oferta e afrontando procesos de transformación e comercialización das súas producións conxuntamente.

3. As entidades asociativas beneficiarias tamén deberán prestar asesoramento e apoio técnico aos seus socios para fomentar a diversificación produtiva e a utilización de métodos de cultivo, técnicas de produción e técnicas de xestión dos recursos compatibles co ambiente.

4. A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, mediante a resolución de concesión, poderá establecer un número mínimo de socios ou produtores, un volume de produción e unha facturación mínima que deberá acadar a entidade asociativa beneficiaria para que se poidan alcanzar en gran medida os obxectivos que se pretenden.

5. As entidades asociativas resultantes de procesos de integración cooperativa teñen que comprometerse a:

-Manter a integración e a súa actividade durante un período mínimo de 5 anos.

-Presentar copia do balance, conta de resultados, programa de actividades e memoria técnica explicativa ante esta consellería, durante os cinco exercicios seguintes á concesión da axuda.

-Levar unha contabilidade específica e perfectamente detallada.

6. Os agricultores e gandeiros que sexan admitidos como socios dunha entidade asociativa deben:

-Ser maiores de idade e non superar os 55 anos na data efectiva en que son admitidos.

-Ser propietarios de explotación agropecuaria ou estar directamente relacionados co sector agrario.

-Permanecer na entidade asociativa durante un mínimo de 5 anos, salvo causa xustificada allea aos seus intereses particulares.

No caso de querérense dar de baixa, deberán comunicalo como mínimo cun ano de antelación. A entidade asociativa queda obrigada a incorporar outro socio no seu lugar ou a devolver a subvención concedida.

7. O prazo para rematar os procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa, así como a constitución de novas cooperativas e SAT, termina coa finalización do exercicio en curso.

Cando en función da súa complexidade non sexa posible que finalicen no prazo previsto, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderalle conceder unha única prórroga por un período máximo dun ano, logo de solicitude ao respecto por parte das entidades asociativas afectadas.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Estudos de viabilidade previos, memorias técnicas, estudos socioeconómicos, auditorías e balances de fusión, programas de investimentos e actividades e outros informes que sexa necesario realizar para avalar a constitución de novas entidades asociativas e os procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa que se pretenden levar a cabo, así como os gastos de asesoramento e elaboración de estatutos, tramitación, notario e demais gastos administrativos iniciais.

A contía da subvención poderá chegar ata o 80% destes gastos, cun límite máximo de 24.000 A. Ningún beneficiario poderá recibir axudas por máis de 100.000 A nun mesmo período de 3 anos.

2. Investimentos que realicen as entidades asociativas para favorecer a transformación e/ou comercialización das súas producións, así como para a ampliación e diversificación produtiva e a conservación do ambiente.

A contía da subvención terá as seguintes limitacións:

a) No caso das entidades asociativas resultantes dun proceso de absorción ou fusión cooperativa, a subvención poderá chegar ata o 50% do importe dos investimentos, cun límite máximo de 200.000 A.

b) No caso das entidades asociativas resultantes dun proceso de integración cooperativa, a subvención poderá chegar ata o 30% do importe dos investimentos, cun límite máximo de 100.000 A.

c) No caso das cooperativas e SAT que se constitúan ou fagan ampliacións do seu capital social e fondos fixos, de acordo cos obxectivos establecidos no artigo 2º desta orde, a subvención poderá chegar ata o 50% do importe dos investimentos que se realicen, cos seguintes límites máximos:

-2.000 A, por cada explotación e socio constituínte ou que se incorpore nunha cooperativa agraria de carácter agropecuario.

-6.000 A, por cada explotación e socio constituínte ou que se incorpore nunha cooperativa de explotación comunitaria da terra ou nunha SAT de explotación en común. Este importe poderá incrementarse ata 10.000 A, no caso de que estas entidades aso

ciativas sexan titulares de todos os bens de produción.

-En calquera caso, a subvención que se conceda para cada exercicio non poderá superar o importe máximo de 100.000 A por entidade asociativa.

d) Con carácter xeral, as axudas concedidas para investimentos gardarán proporción co capital social e fondos fixos da entidade asociativa beneficiaria e cumprirán todas aquelas condicións que establece a normativa vixente en relación coas axudas ao investimento.

e) En todo caso, as axudas establecidas anteriormente axustaranse ao disposto no punto 4.2 das directrices comunitarias sobre axudas ao sector agrario (2000/C 28/02), e particularmente só se concederán a entidades que poidan demostrar a súa viabilidade económica baseada nunha avaliación das súas perspectivas, así como que cumpran as condicións mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar animal. Así mesmo, os produtos beneficiados pola axuda deberán ter saídas normais no mercado, avaliables segundo de cales se trate, os tipos de investimento e a capacidade de produción existente e previsible. Ademais, teranse en conta as restricións de produción ou limitacións de apoio comunitario eventualmente previstas polas organizacións comúns de mercado, e non se concederán axudas que infrinxan as prohibicións ou restricións establecidas nelas. Tampouco se subvencionará a fabricación e comercialización de produtos que imiten ou substitúan o leite ou os produtos leiteiros.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1. Para a selección das peticións que se van aprobar, así como para establecer as porcentaxes de axuda, poderanse ter en conta os seguintes criterios:

a) A súa viabilidade técnica, económica e financeira, así como a importancia do seu programa de investimentos, para poder adaptar a súa produción ás necesidades do mercado e lograr a transformación e/ou comercialización das súas producións dunha forma conxunta.

b) Valoraranse favorablemente aquelas solicitudes que, ademais da transformación e/ou comercialización das producións, leven consigo actuacións encamiñadas a fomentar a diversificación produtiva e a conservar o ambiente.

c) Terán preferencia, por esta orde, aquelas cooperativas e SAT que:

-Participen en procesos de absorción ou fusión cooperativa.

-Participen en procesos de integración cooperativa.

-Participen en procesos de unión de explotacións.

-Se constitúan en comarcas ou sectores específicos, onde o asociacionismo apenas estea desenvolvido.

-Amplíen o seu capital social, mediante a admisión de novos socios, preferentemente agricultores profesionais que teñan menos de 40 anos de idade.

d) Finalmente, tamén se poderán ter en conta:

-O número de cooperativas e SAT que participen nos procesos de integración cooperativa.

-A súa dimensión socioeconómica.

-O número de socios de cada entidade que se beneficiarán.

-As achegas económicas realizadas polos socios da entidade e o esforzo suplementario que signifiquen.

2. Aos criterios de valoración establecidos nas alíneas a, b, c e d anteriores outorgaráselles ata unha puntuación máxima de tres, tres, tres e un puntos, respectivamente.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación presentada.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes achegarase a documentación que se detalla no artigo 8º desta orde.

3. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou por calquera dos medios e formas sinalados no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Condición previa.

Non se admitirán como subvencionables os gastos e investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda.

Artigo 8º.-Documentación.

1. Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, así como do DNI do seu presidente ou representante legal.

2. No caso de novas entidades, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral.

3. As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello reitor, segundo o modelo do anexo IV, en que se:

-Aproba realizar os investimentos e accións para os cales se vai pedir a subvención.

-Acorda solicitar a subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

4. Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, totalmente cuberto.

5. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

6. Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para as cales se solicita subvención ao abeiro desta orde.

7. Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades asociativas de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas ou da declaración censual.

8. Copia do estudo de viabilidade, da memoria técnica xustificativa e doutros informes complementarios que avalen o interese da constitución, fusión ou integración cooperativa que se pretende levar a cabo. Nos casos de fusión ou absorción cooperativa, copia dos informes e balances de fusión ou, polomenos, certificación comprometéndose á súa realización e presentación.

9. Identificación e cualificación dos equipos técnicos realizadores dos anteriores estudos e informes, que deberán ser formalmente independentes das entidades solicitantes.

10. Orzamento ou facturas pro forma dos investimentos, actividades e gastos que se van realizar, así como previsión do seu financiamento.

11. Certificación bancaria do número de conta en que se solicita o ingreso da subvención.

12. No caso de construcións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Ademais, no caso de novas construcións, presentarase xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e da súa cualificación urbanística, así como copia da solicitude de licenza de obra.

13. No caso de entidades asociativas que soliciten axudas para investimentos en industrias xa existentes, presentarase copia compulsada da licenza de actividade municipal e do rexistro sanitario.

14. No caso de maquinaria ou equipamentos, presentarase copia da solicitude de inscrición no rexistro oficial correspondente.

15. Relación das entidades asociativas participantes no proceso de integración ou fusión, composición e membros dos respectivos consellos reitores e data da súa elección. No caso de estar en fase de constitución ou integración, composición da comisión promotora e acordo de solicitude da axuda asinado por todas as entidades participantes en favor da entidade que vai actuar como peticionaria. Neste caso, a concesión da axuda quedará condicionada á constitución efectiva da entidade resultante.

16. No caso de procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa, presentarase relación nominal dos socios das cooperativas e SAT participantes, así como da entidade asociativa resultante, cos seus efectivos produtivos e achegas económicas desembolsadas.

No caso de constitución de novas entidades asociativas, tamén se presentará relación nominal dos socios, cos seus efectivos produtivos e achegas económicas desembolsadas; xunto coa copia compulsada do seu DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT de explotación en común, ademais presentarán copia compulsada da folla de saneamento gandeiro e do CEA das explotacións dos seus socios, así como da explotación resultante, cando corresponda.

17. No caso de ser agricultor profesional, deberán acreditalo presentando copia da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou como autónomo na actividade agraria, ou certificación de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

18. No caso de procesos de integración cooperativa, é necesario presentar copia compulsada ou certificación da acta da asemblea xeral de cada entidade participante, onde consten o acordo de integración e estes compromisos:

-Obriga de asumir as achegas económicas ao capital social e cotas de ingreso que lle correspondan, especificando o seu importe.

-Permanecer integrada como mínimo durante 5 anos.

-Que todos os seus socios participen polo menos na actividade económica principal realizada pola entidade asociativa integradora.

19. No caso dos procesos de absorción ou fusión de cooperativas, é necesario presentar copia compulsada ou certificación do acordo de fusión adoptado polo consello reitor de cada unha das entidades participantes no proceso, no que se especifiquen o número de socios previsto e as achegas económicas que lles corresponden.

En calquera caso, o acordo de fusión adoptado polo consello reitor de cada entidade queda condicionado á súa posterior ratificación en asemblea xeral.

20. No caso das ampliacións de capital social por admisión de agricultores e gandeiros como novos socios, é necesario presentar:

-Certificación do secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente, na que consten as achegas económicas que deben realizar os agricultores e gandeiros para adquirir a condición de socios, así como o carácter con que as devanditas achegas quedarán incorporadas á entidade asociativa beneficiaria.

-Copia das solicitudes de admisión como socios, efectuadas polos agricultores e gandeiros interesados.

-Copia compulsada do seu DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

-Copia da documentación que acredite que o novo socio ten explotación agropecuaria ou que está directamente relacionado co sector agrario.

-Compromiso de permanencia na cooperativa ou SAT polo menos durante 5 anos, asinado por cada interesado.

Artigo 9º.-Tramitación.

A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, a través do servizo competente, revisará e comprobará as solicitudes e que a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase ao interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de valoración establecidos para estas axudas, elaboraranse as propostas de resolución, que o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria remitirá para a súa fiscalización á intervención delegada desta consellería.

Unha vez fiscalizadas, elevaranse as propostas de resolución ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, como órgano competente para resolver.

2. Seguidamente notificaráselle ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, e en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas as formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

3. Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria destas axudas no DOG, poderase entender desestimada a axuda solicitada.

Artigo 11º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos, actuacións e investimentos. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos e actividades subvencionables ao abeiro desta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

O incumprimento deste prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

2. A xustificación do gasto efectuarase prioritariamente ante o Servizo de Fomento Asociativo, (Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Rúa dos Irmandiños, s/n, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades, investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

4. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades asociativas beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos, actividades e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o seu pagamento. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade asociativa beneficiaria, na cal se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.

d) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa administración pública desta comunidade autónoma.

e) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas fiscais.

As certificacións de estar ao día coa Comunidade Autónoma e nas obrigas fiscais poderán solicitalas as cooperativas e SAT beneficiarias, ou ben autorizar a Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para que o faga, tal como se establece no anexo VII desta orde.

f) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente.

g) No caso de investimentos en construcións, copia compulsada da licenza definitiva de obras. Se son novas instalacións, para facer o pagamento final é necesario que presenten certificación das autoridades competentes de cumprir as disposicións sanitarias e a licenza de actividade municipal.

h) No caso de investimentos en maquinaria ou equipamentos, copia compulsada da inscrición no rexistro oficial correspondente.

i) Certificación de que o investimento realizado está inscrito no Rexistro de Industrias Agrarias, cando así corresponda.

j) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

Artigo 13º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos gastos ou investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización da consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3. As entidades asociativas beneficiarias deberán permitir que a Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As cooperativas e SAT beneficiarias quedan obrigadas ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. Igualmente, os beneficiarios desta orde de axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstos na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999).

Artigo 15º.-Réxime xurídico.

En todo o non previsto nesta orde, observarase ao sinalado nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección segunda

Convocatoria das axudas para o ano 2005

Artigo 16º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o ano 2005, de acordo co disposto nas bases reguladoras establecidas na sección pri

meira desta orde, as axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia.

Artigo 17º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2005, o prazo de presentación das solicitudes de axuda será de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18º.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.612-A.770.0, por un importe de 400.000 A; e 09.04.615-A.770.0, por un importe de 750.000 A; do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, así como con outros remanentes que puidesen existir nas mesmas aplicacións.

De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de subvencións, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2005 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución, e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Non obstante, quedan exentas de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, facenda autonómica e axencia tributaria as entidades asociativas beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 A, de acordo co establecido no artigo 41 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, condicionado á súa aprobación definitiva.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 14 de agosto de 2002 (publicada no DOG nº 166, do 29 de agosto), pola que se establecían as axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas en Galicia e se convocaban as axudas para o ano 2002; así como a orde da citada consellería, do 8 de xuño de 2004, (publicada no DOG nº 115, do 16 de xuño), pola que se modificaban as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, e se convocaban as axudas para o ano 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural