DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.239

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

A Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, no seu artigo 42 establece o alcance das competencias normativas que poden asumir as comunidades autónomas respecto aos tributos sobre o xogo, e, en concreto, no seu punto 1 establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre exencións, base impoñible, tipos de gravame e cotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2 sinala que as referidas comunidades autónomas tamén poderán regular os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa Comunidade en virtude da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa a Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, establecía no seu artigo 13.seis o alcance das competencias normativas que podían asumir as comunidades autónomas respecto dos tributos sobre o xogo e que abranguían entre outras os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Xa desde o ano 1997, se exerceron estas competencias e se estableceu un réxime de xestión diferente ao vixente na normativa estatal. Actualmente o procedemento de xestión da

taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas contense en dúas ordes da Consellería de Economía e Facenda, segundo a presentación e o pagamento da taxa se realice da forma tradicional ou de forma telemática: a Orde do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas recreativas con premio tipo B, ou de azar tipo C, e a Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C.

Coa finalidade de dar un paso máis na facilitación da xestión da taxa, modifícanse os períodos temporais en que os suxeitos pasivos deberán presentar as declaracións-liquidacións das súas máquinas correspondentes e deberán facer efectivos os ingresos dos pagamentos fraccionados trimestrais. Por este motivo e mediante esta orde modifícanse as disposicións contidas nas ordes citadas reguladoras dos prazos antes referidos.

Por outra banda, apróbase o modelo para facer efectivo o ingreso da taxa fiscal de xogo en casinos de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto e de acordo coas competencias normativas que o artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, outorga sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modificacións na orde da Consellería de Economía e Facenda do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas recreativas con premio tipo B ou de azar tipo C.

1. Modifícase o título da orde, de forma que pasará a denominarse «Orde do 13 de decembro de 1999 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C».

2. Modifícase o artigo 2.1º da orde, quedando redactado como segue:

«No caso de máquinas autorizadas en anos anteriores ao do devengo os suxeitos pasivos deberán presentar nos vinte primeiros días naturais do mes de marzo unha declaración por cada máquina, practicando a liquidación pola cota anual legalmente

establecida para o exercicio de que se trate e ingresando o primeiro dos pagamentos fraccionados, que consistirá na cuarta parte da cota anual. O prazo anterior entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte no suposto de que o último día do período fose día inhábil ou sábado».

3. Modifícase o artigo 2.3º da orde, quedando redactado como segue:

«Cando se trate de máquinas de nova autorización, ou que en data 1 de xaneiro se atopasen en situación de baixa temporal e se pretenda dálas novamente de alta, os suxeitos pasivos presentarán a declaración correspondente no primeiro prazo de ingreso dos pagamentos fraccionados que estivesen operativo, salvo que os prazos de ingreso do ano natural estivesen expirados, en cuxo caso se deberá presentar a declaración con carácter previo á data da autorización ou alta. Os suxeitos pasivos deberán practicar ao mesmo tempo liquidación da cota anual, salvo que a autorización ou alta se prentendese realizar a partir do 1 de xullo, en cuxo caso se liquidará só o 50% da cota anual e, así mesmo, deberán realizar simultaneamente o ingreso dos pagamentos fraccionados correspondentes ao trimestre corrente e o xa vencido, de ser o caso».

4. Modifícase o artigo 4.2º da orde, quedando redactado como segue:

«Os suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar o pagamento do resto da cota anual en tres pagamentos fraccionados, cada un deles por unha cuarta parte da cota anual, que se deberán ingresar da forma seguinte: o segundo deles ingresarase nos vinte primeiros días naturais de xuño, o terceiro, nos vinte primeiros días naturais de setembro e o cuarto, nos cinco primeiros días naturais de decembro, prorrogándose cada un destes prazos ata o primeiro día hábil seguinte no suposto de que o último día do período fose día inhábil ou sábado. Para realizar cada un dos ingresos anteriores empregarase unha carta de pagamento consonte co disposto no punto seguinte».

5. Modifícase o artigo 8.3º da orde, que queda redactado como segue:

«O prazo no que o suxeito pasivo debe retirar do servizo correspondente o distintivo acreditativo a que se refire o parágrafo anterior será o comprendido entre o vixésimo e o último día do mes de abril nos casos de presentación dentro do prazo establecido no artigo 2.1º, e o comprendido entre o trixésimo e o cuadraxésimo quinto día hábil contados a partir da data de presentación da autoliquidación no resto dos casos».

6. Modifícase o terceiro parágrafo do punto 6 das instrucións contidas no anexo I da orde, que queda redactado como segue:

«En calquera entidade colaboradora autorizada se o ingreso se efectúa entre o 1 e o 20 de marzo (ou

inmediato hábil posterior), ben en efectivo ou mediante cargo en conta. Se solicita aprazamento ou fraccionamento da débeda tributaria, deberá cubrir cunha «X» o cadro correspondente».

7. Modifícanse as instrucións contidas no anexo I da orde, na súa epígrafe titulada «Prazos de presentación», que quedan redactados como segue:

«Prazos de presentación.

A) Máquinas autorizadas en anos anteriores:

-Declaración-liquidación: nos vinte primeiros días do mes de marzo.

B) Máquinas de nova autorización ou procedentes de situación de baixa temporal:

-Declaración-liquidación: no primeiro prazo de ingreso dos pagamentos fraccionados que estea operativo trala data da autorización. Estes prazos son os seguintes:

* Primeiro pagamento fraccionado: do 1 ao 20 de marzo.

* Segundo pagamento fraccionado: do 1 ao 20 de xuño.

* Terceiro pagamento fraccionado: do 1 ao 20 de setembro.

* Cuarto pagamento fraccionado: do 1 ao 5 de decembro».

8. Modifícase a letra e) do anexo II da orde, que queda redactada como segue:

«e) O tipo de máquina a que corresponde: tipo A especial, tipo B ou tipo C».

9. Substitúense todas as referencias feitas na orde á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais polas referencias á consellería competente en materia de xogo.

Artigo 2º

Modificacións na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C.

1. Modifícase o artigo 2 da orde, que queda redactado como segue:

«O prazo para a realización do pagamento e a presentación telemática das autoliquidacións da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, comprenderá desde o día 1 ata o 31 de marzo. Transcorrido o mes de marzo non se poderá empregar a páxina web para realizar ningunha presentación, e haberase que dirixir á delegación competente por razón do territorio consonte co disposto no artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C».

2. Modifícase o artigo 3.1º da orde, que queda redactado como segue:

«O pagamento e a presentación das declaracións-liquidacións correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, correspondente a máquinas autorizadas en data anterior ao devengo do tributo ou a máquinas en situación de baixa temporal ou novas que pretendan darse de alta ou autorizarse no primeiro trimestre do ano e que, consonte cos puntos de conexión establecidos no artigo 26 da Lei 21/2001, deba efectuarse á Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá realizarse por medios telemáticos, a través das aplicacións que a devandita Administración porá á disposición dos usuarios, especialmente mediante os programas de axuda existentes nas aplicacións de presentación telemática da páxina web desta consellería».

3. Modifícase o artigo 3.2º da orde, que queda redactado como segue:

«Para realizar a presentación e o pagamento das autoliquidacións das máquinas autorizadas en anos anteriores ao devengo e/ou das máquinas que pretenda dar de alta no primeiro trimestre do ano procedentes da situación de baixa temporal ou que sexan de nova autorización, o suxeito pasivo poderá utilizar os datos facilitados pola propia administración a través da aplicación informática, que poderá modificar da forma que coide conveniente, ou ben poderá incorporar os datos procedentes dun arquivo que terá as especificacións técnicas que se detallan no anexo II desta orde. Para realizar a carga dos datos procedentes deste arquivo, os suxeitos pasivos deberán empregar a aplicación «Upload de ficheiros» que se lles habilitará na Oficina Virtual da páxina web da consellería. Unha vez transmitido o arquivo, aparecerá a mensaxe de «Transferencia completada con éxito». O arquivo poderá ser enviado as veces que sexan necesarias, prevalecendo sempre os datos contidos no último arquivo remitido.

Unha vez realizada a transmisión poderá usar os seus datos na aplicación informática para a presentación e o pagamento telemático do tributo a que se refire esta orde».

4. Modifícase o artigo 3.3º da orde, que queda redactado como segue:

«A aplicación informática xerará unha única carta de pagamento por cada suxeito pasivo e Delegación de Economía e Facenda que sexa competente territorialmente consonte o disposto no artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 1999 previamente citada sobre o lugar da presentación, segundo proceda. Esta carta de pagamento suporá a presentación dunha autoliquidación por cada unha das máquinas amparadas pola súa correspondente autorización que o suxeito pasivo determinase na aplicación informática, ben pola aceptación e/ou modificación dos datos facilitados pola propia aplicación ou ben pola incorporación dos datos procedentes do seu arquivo, consonte o establecido no punto anterior. Cada unha das autoliquidacións suporá a liquidación da cota

anual legalmente establecida para o exercicio corrente e a obriga de ingresar o primeiro dos pagamentos fraccionados aos que se refire o artigo 2 da Orde do 13 de decembro de 1999 previamente citada. Para estes efectos a carta de pagamento que xerará a aplicación acumulará todos os primeiros pagamentos fraccionados das máquinas que o suxeito pasivo vaia presentar nunha delegación».

5. Modifícase a disposición adicional cuarta da orde, que queda redactada como segue:

«A Orde do 13 de decembro de 1999 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C, será de aplicación sempre que non se opoña ao disposto nesta orde e, en concreto, será de aplicación no que respecta ao pagamento dos pagamentos fraccionados trimestrais subseguintes das autoliquidacións presentadas telematicamente no mes de marzo».

Artigo 3º

Aprobación do modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, modelo 044.

1. Apróbase o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, que figura como anexo I desta orde, de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia para todos os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar devengada polo xogo realizado nos casinos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O modelo constará de tres exemplares: para a Administración, para o interesado e para a entidade financeira colaboradora na recadación.

3. O modelo estará dispoñible para os suxeitos pasivos da taxa na páxina web da Consellería de Economía e Facenda a través da oficina virtual e, para o seu uso, aqueles deberán imprimir o modelo, cos seus tres exemplares debidamente cubertos, en papel.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O modelo 044 aprobado pola orde do Ministerio de Facenda do 27 de xullo de 2001, pola que se aproban os modelos 043, 044, 045, 181, 182, 190, 311, 371, 345, 480, 650, 652 e 651 en euros, así como o modelo 777, documento de ingreso ou devolución no caso de declaracións-liquidacións extemporáneas e complementarias, e pola que se establece a obriga de utilizar necesariamente os modelos en euros a partir do 1 de xaneiro de 2002, non será de aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG e terá efectos desde o 1 de xaneiro do ano 2005.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2004.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA