DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.238

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 307/2004, do 27 de maio, polo que se lle cede ao Concello de Noia o inmoble coñecido como Teatro Coliseo Noela.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular do inmoble denominado Teatro Coliseo Noela, situado na rúa Curro, termo municipal de Noia (A Coruña), ben patrimonial que figura no Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia co código C 0520.

Á vista da solicitude presentada polo Concello de Noia, a Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Economía e Facenda, tramitou expediente de cesión do dito inmoble, de conformidade co disposto no artigo 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Noia, do inmoble coñecido como Teatro Coliseo Noela, situado na rúa Curro, no termo municipal de Noia, e inscrito no Rexistro da Propiedade de Noia, no tomo 811, libro 179, folio 1, predio nº 13.159, inscrición 1.

Artigo 2º

A devandita cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a recuperación da tradición interpretativa e musical de Noia.

b) Se o dereito cedido non se aplicase ao fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do

cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, vinte e sete de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda