DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.235

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 305/2004, do 11 de novembro, polo que se amplían os prazos de elaboración de determinados plans de continxencias establecidos no Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia.

As disposicións transitorias primeira, segunda e terceira do Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia establecen un prazo de seis meses para que os portos e as instalacións industriais, municipais e análogas elaboren os correspondentes plans de continxencias, que deberán incardinarse nos plans de rías que para tal efecto elabore a propia Administración en igual prazo.

Con posterioridade á publicación do Decreto 438/2003, do 13 de novembro, aprobouse o Real decreto 253/2004, do 13 de febreiro, polo que se establecen medidas de prevención e loita contra a contaminación nas operacións de carga, descarga e manipulación de hidrocarburos no ámbito marítimo e portuario, no que se establece o prazo de seis meses, que finaliza o 15 de febreiro de 2005, para que as autoridades e empresas afectadas polo seu ámbito de aplicación elaboren o plan interior de continxencias e estudo de condicións ambientais, instrumentos que deberán ser aprobados polo órgano competente da comunidade autónoma do territorio no que se sitúa a instalación.

Coa finalidade de lograr a debida coordinación co plan estatal, faise necesario proceder á ampliación dos prazos establecidos nas disposicións transitorias do Decreto 438/2003, do 13 de novembro.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Consello de Galicia na súa reunión do día once de novembro de dous mil catro

DISPOÑO:

Artigo 1º

Amplíase o prazo de elaboración do plan interior establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia ata o 15 de febreiro de 2005.

Artigo 2º

Amplíase o prazo de elaboración do plan de porto establecido na disposición transitoria segunda do

Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia ata o 15 de febreiro de 2005.

Artigo 3º

Amplíase o prazo de elaboración dos plans de ría establecido na disposición transitoria terceira do Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia ata o 15 de agosto de 2005.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos