DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 28 de decembro de 2004 Páx. 18.198

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gefco España, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Gefco España, S.A., con número de código 3601552, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 30-7-2004, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 8-7-2004. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de novembro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

XVIII convenio colectivo para a provincia

de Pontevedra Gefco España, S.A.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Partes contratantes.

Este convenio colectivo foi negociado e subscrito pola empresa Gefco España, S.A., e o comité de empresa dos centros de traballo da provincia de Pontevedra, co ámbito territorial e persoal que se indica a seguir.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

De acordo co establecido no artigo 83.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, o ámbito territorial do convenio é o dos centros de traballo da empresa Gefco España, S.A., existentes na provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta a totalidade do persoal pertencente ao cadro dos centros actualmente existentes na provincia de Pontevedra, coas excepcións que a normativa vixente prevé.

Con respecto ao persoal con contrato de duración determinada, seralle de aplicación a este convenio colectivo, agás naqueles aspectos deste que colisionen coa temporalidade dos ditos contratos.

Artigo 4º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor para todos os efectos, o día 1 de xaneiro de 2004. Terá vixencia de catro anos coa excepción daqueles aspectos do articulado que conteñan vixencias concretas, e expirará o 31 de decembro de 2007.

Artigo 5º.-Prórroga e denuncia.

Este convenio prorrogarase pola tácita de ano en ano, de non mediar denuncia expresa por escrito dunha parte perante a outra, con dous meses de antelación ao seu vencemento.

Artigo 6º.-Condicións e compensación de melloras.

As condicións contidas neste convenio establécense con carácter de mínimas. Todas as melloras que se implanten por normas legais ou outras serán compensables e absorbibles ata onde alcancen cos aumentos e melloras existentes ou que poidan establecerse no futuro, sempre que en cómputo anual a suma das condicións do convenio sexa máis beneficiosa.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

No cumprimento do disposto no artigo 85.2º alínea e) da LET, crearase unha comisión paritaria para interpretación do convido a partir da entrada en vigor deste convenio, integrada por dous representantes da empresa e dous vogais titulares do comité de empresa.

A propia comisión establecerá as normas do seu funcionamento.

Título II

Persoal

Artigo 8º.-Cadros de persoal.

A empresa dará a coñecer no transcurso do mes de marzo de cada ano un rexistro de persoal ao seu servizo; ordenado polo seu número e facendo constar os seguintes datos: nome e número do traballador, categoría laboral e a súa antigüidade na empresa.

Unha copia deste rexistro será entregada ao comité de empresa. Estes datos referiranse á situación laboral e profesional dos traballadores o 1 de xaneiro de cada ano de publicación do rexistro.

Artigo 9º.-Persoal de novo ingreso.

Ao persoal de novo ingreso faráselle un contrato de traballo por escrito, e deberá quedar no seu poder unha copia deste.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso será os seguintes:

Titulados: 6 meses.

Técnicos: 3 meses.

Administrativos: 1 mes.

Subalternos: 1 mes.

Mozos e especialistas: 15 días.

Artigo 10º.-Categorías.

O persoal de Gefco España, S.A. estará encadrado nas categorías profesionais que se determinan a seguir e de acordo coas funcións que desenvolvan:

Grupo 1. Persoal administrativo.

Xefe de 1ª administrativo.

Xefe de 2ª administrativo.

Oficial de 1ª administrativo.

Oficial de 2ª administrativo.

Auxiliar administrativo.

Grupo 2. Técnicos.

Xefe de 1ª de organización.

Xefe de 2ª de organización.

Técnico de 1ª de organización.

Técnico de 2ª de organización.

Auxiliar de organización.

Grupo 3. Persoal de movemento.

Xefe de tráfico de 1ª.

Encargado xeral.

Xefe de tráfico de 2ª.

Encargado de almacén.

Capataz.

Condutor.

Auxiliar de almacén e especialista.

Mozo.

Grupo 4. Titulados.

Titulados de grao superior.

Titulados de grao medio.

Ademais das diferentes categorías anteriormente descritas, a empresa poderá crear outras non incluídas e que supoñan unha adaptación ás súas características.

Artigo 11º.-Traslados.

Observarase a normativa legal vixente, agás que a empresa non fará uso do dereito de sancionar as faltas moi graves co traslado forzoso a distinto centro de traballo que supoña cambio de domicilio.

Artigo 12º.-Ascensos.

Aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores, coas seguintes puntualizacións:

Ascensos automáticos:

Auxiliar administrativo a oficial de 2ª administrativo, un ano.

Auxiliar de organización a técnico de 2ª organización, un ano.

A empresa poderá optar por ascender os traballadores á categoría superior inmediata, segundo o rendemento obtido na categoría inferior. As categorías que impliquen exercicio de autoridade ou mando e as de especial confianza da empresa, serán de libre designación por esta.

Artigo 13º.-Organización do traballo. Contratación eventual.

A organización do traballo correspóndelle á dirección da empresa, sen prexuízo das competencias que o artigo 64 da Lei do Estatuto dos traballadores lle confire ao comité de empresa.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) da Lei do Estatuto dos traballadores, as partes acordan a aplicación da vixencia máxima dos contratos alí establecidos, na medida pactada no convenio sectorial do metal.

Título III

Réxime de traballo

Artigo 14º.-Xornada laboral.

Establécese que a xornada será a mesma en horas efectivas de traballo en cómputo anual para todo o persoal.

O número de horas efectivas de traballo en cómputo anual será de mil setecentas cinco horas.

Artigo 15º.-Horario.

A distribución diaria das horas de traballo indícase no calendario laboral para os centros de traballo da provincia de Pontevedra, nos anexos deste convenio.

Artigo 16º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais.

Artigo 17º.-Prima de presenza.

Con obxecto de primar a presenza continuada no traballo, establécese a prima de presenza para todos os traballadores da empresa, con suxeición aos seguinte criterios:

1. A prima devengarase por meses naturais completos en situación de alta no cadro de persoal.

2. O traballador que non tivese ausencia ao traballo durante o mes, percibirá unha prima de 26,35 euros por cada unha das doce mensualidades ordinarias e que será aboada na nómina correspondente.

O persoal horario terá un complemento de 7,22 euros/mes.

Non terán a consideración de ausencias para os efectos desta prima:

As vacacións oficiais.

Os permisos regulamentarios retribuídos.

Os descansos derivados de recuperación voluntaria.

3. Para os traballadores a tempo parcial, a prima mensual calcúlase rateándoa conforme a xornada de traballo pactada.

Artigo 18º.-Prima de puntualidade e asistencia.

É un complemento destinado a premiar a asiduidade e puntualidade ao traballo de todo o persoal.

Persoal mensual:

Fíxase o seu valor en 8,69 euros para cada unha das 11 pagas, equivalente a 95,63 euros/ano para todas as categorías.

Persoal horario:

Fíxase o seu valor en 11,19 euros para cada unha das 11 pagas, equivalente a 123,10 euros/ano para todas as categorías.

O persoal a quendas rotativas terá ademais un complemento de 257,92 euros/ano.

As condicións xerais de aplicación da prima de puntualidade e asistencia son as seguintes:

-Considérase para estes efectos como tempo de traballo o así definido no Estatuto dos traballadores.

-Computarase e devengarase por meses naturais, con exclusión de pagas extras e vacacións.

-Cada falta de puntualidade ou asistencia ao traballo, considerada inxustificada, determinará a perda dun 25% da prima do mes correspondente.

-As ausencias ou falta de puntualidade por IT ou permisos regulamentarios non suporán ningunha dedución.

Artigo 19º.-Licenzas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito á totalidade do

salario, e mais os complementos que puidesen corresponderlle nos seguintes casos:

Matrimonio: 15 días naturais.

Nacemento de fillo: 3 días laborables, que se poderán desfrutar dentro dos sete días seguintes ao nacemento.

Falecemento:

De paí, fillos e cónxuxe do traballador: 5 días naturais.

De avós, netos e irmáns do traballador: 3 días naturais.

De país, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 3 días naturais.

De xenros, noras e cónxuxe do irmán do traballador: 3 días naturais.

De tíos, irmáns dos pais do traballador ou do seu cónxuxe: 1 día natural.

Se existe necesidade de desprazamento nestes catro últimos casos, corresponderá un día natural máis.

Enfermidade grave:

De pais, fillos e cónxuxe do traballador: ata 3 días naturais (valoraranse as circunstancias en cada caso). En caso de necesidade de desprazamento corresponderá un día máis.

De avós, netos e irmáns do traballador: 2 días naturais.

De xenros, noras e cónxuxe do irmán do traballador: 2 días naturais.

De pais, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

Se existe necesidade de desprazamento nestes tres últimos casos, corresponderán dous días naturais máis.

Matrimonio:

De pais, fillos, irmáns e netos: 1 día natural.

Traslado de domicilio habitual: 1 día natural.

Cumprimento de deber público:

Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, con posterior xustificación.

As referencias que ao longo do artigo se realizan ao cónxuxe do traballador, nas epígrafes de falecemento, enfermidade grave e matrimonio de fillos e demais familiares, entenderanse tamén realizadas á parella de feito deste, sempre que se acredite a convivencia previa á data do feito causante e durante este, mediante certificado expedido polo correspondente Rexistro de Unidades de Feito e, de non existir, mediante documento oficial.

Artigo 20º.-Excedencias.

As excedencias concederanse de acordo co establecido no Estatuto dos traballadores.

A empresa admitirá o excedente nun prazo de quince días a partir da data na que expire a súa excedencia, sempre que o solicitase dentro do prazo regulamentario e que estea en condicións de aptitude para o seu traballo habitual.

Se un traballador, transcorrido como mínimo o 75% do tempo de excedencia concedido, solicitase o seu

reingreso, admitirase a súa solicitude para a primeira vacante que exista na súa categoría.

O comité de empresa poderá solicitar que se lle dea coñecemento dos rexeitamentos que se producisen na solicitide de reingreso dos excedentes.

Artigo 21º.-Xubilación.

Co fin de propiciar a consolidación da empresa e os seus postos de traballo, así como a eventual posibilidade de creación de novos empregos, establécese a xubilación obrigatoria á idade de 65 anos, tendo en conta que os traballadores da empresa, en xeral, alcanzan a esa idade as condicións para causar dereito á pensión de xubilación co 100% da base reguladora.

En consecuencia, cumpridos os 65 anos, o traballador causará baixa no cadro de persoal da empresa, agás que non reúna o tempo mínimo de carencia para causar dereito á pensión de xubilación, neste caso poderá continuar traballando polo tempo indispensable para iso.

Título IV

Réxime de retribucións

Artigo 22º.-Trienios.

Establécese o criterio de trienios para todo o persoal ao que as normas regulamentarias recoñecen o dereito a percibir a antigüidade e aboarase de acordo co seguinte tipo:

183,83 euros/ano por trienio.

O tope máximo que se considerará por este concepto será o de nove trienios.

O complemento por antigüidade devengarase a partir do 1 de xaneiro do ano en que se cumpra cada trienio se a data de vencemento é anterior ao 30 de xuño e a partir do 1 de xullo do ano respectivo nos casos en que o vencemento teña lugar no segundo semestre deste.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Cando as circunstancias técnicas e produtivas así o exixan, a empresa poderá establecer a realización de horas extraordinarias estruturais ata os límites legais (80 horas por traballador e ano).

A posible realización deste tipo de horas extraordinarias estruturais será voluntaria e terá carácter xeral.

A empresa deberalles comunicar aos traballadores afectados a necesidade de traballar en horas extraordinarias cunha antelación suficiente e cando menos deberá efectuarse 24 horas antes do día en que deban realizarse, salvo aqueles casos considerados de forza maior ou para previr sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, caso no que se considerará obrigatoria a prestación.

O valor da hora extraordinaria será para o ano 2004 de 0,7353 por cada mil euros do salario anual nos conceptos: salario convenio e antigüidade, se é o caso, que individualmente correspondan.

A contía para o ano 2004 manterase no mesmo nivel para o ano 2005. No ano 2006, o valor da hora extraordinaria experimentará un incremento igual ao pactado para o dito ano, manténdose no mesmo nivel para o ano 2007.

Artigo 24º.-Retribucións extraordinarias.

As pagas extraordinarias que percibirá o persoal serán dúas: paga extra de xullo e paga extra de Nadal, e serán aboadas a razón dunha mensualidade cada unha delas.

Artigo 25º.-Retribución do persoal.

As retribución do persoal serán incrementadas nun 3 % sobre as existentes o 31 de decembro de 2003.

Para o ano 2005, o incremento salarial será o correspondente ao IPC oficialmente previsto para o dito ano, máis 0,5 puntos, que se aplicará o 1 de xaneiro sobre as táboas resultantes do ano anterior, unha vez efectuada a revisión salarial se a houber.

Para o ano 2006, o incremento salarial será o correspondente ao IPC oficialmente previsto para o dito ano, máis 0,5 puntos, que se aplicará o 1 de xaneiro sobre as táboas resultantes do ano anterior, unha vez efectuada a revisión salarial se a houber.

Para o ano 2007, o incremento salarial será o correspondente ao IPC oficialmente previsto para o dito ano, máis 0,5 puntos, que se aplicará o 1 de xaneiro sobre as táboas resultantes do ano anterior, unha vez efectuada a revisión salarial se a houber.

A táboa de retribucións mínimas garantidas para todo o persoal, queda coas contías seguintes por categorías:

Grupo 1.-Persoal administrativo.

Xefe de 1ª: 24.077,63 euros/ano.

Xefe de 2ª: 21.401,30 euros/ano.

Oficial de 1ª: 18.621,48 euros/ano.

Oficial de 2ª: 17.118,27 euros/ano.

Auxiliar: 15.122,24 euros/ano.

Grupo 2.-Técnicos de organización.

Xefe de 1ª: 24.077,63 euros/ano.

Xefe de 2ª: 22.203,93 euros/ano.

Técnico de 1ª: 20.063,71 euros/ano.

Técnico de 2ª: 18.191,14 euros/ano.

Auxiliar: 16.452,29 euros/ano.

Grupo 3.-Persoal de movemento.

Xefe de tráfico de 1ª: 24.077,63 euros/ano.

Encargado xeral: 24.077,63 euros/ano.

Xefe de tráfico de 2ª: 21.401,30 euros/ano.

Encargado de almacén: 18.621,48 euros/ano.

Capataz: 17.118,27 euros/ano.

Condutor: 15.713,20 euros/ano.

Auxiliar de almacén e especialista: 15.122,24 euros/ano.

Mozo: 14.845,13 euros/ano.

Grupo 4.-Titulados.

Titulados grao superior: 21.401,30 euros/ano.

Titulados grao medio: 18.191,14 euros/ano.

Artigo 26º.-Revisión salarial.

Se o 31 de decembro de 2004 o IPC do dito ano superase o 3%, tan pronto como constate de maneira

que faga fe tal circunstancia o Instituto Nacional de Estatística, realizarase unha revisión salarial consistente na elevación dos niveis salariais individuais con efectos a partir do mes en que o IPC superase o dito 3% e a súa contía será o exceso entre o IPC real do conxunto de 2004 e o citado 3%. Os correspondentes novos niveis servirán de base para a negociación de salarios de 2005.

Aplicarase igual procedemento para cada un dos anos 2005, 2006 e 2007, se o IPC real sobrepasase o incremento salarial pactado para cada dito ano -IPC previsto máis 0,5 puntos-.

Artigo 27º.-Pagamento de nómina ao persoal.

A liquidación das nóminas ao persoal levarase a cabo mensualmente no último día hábil de cada mes. Así mesmo, establécese como recibo individual de salarios o modelo actualmente vixente.

Título V

Previsión e política social

Artigo 28º.-Cursos.

Gefco España, S.A. organizará cursos de perfeccionamento profesional para axudar á formación do persoal dos distintos grupos profesionais que demostren a súa capacidade ou interese en ampliar coñecementos, con independencia do establecido no artigo referente a bolsas de estudo.

Artigo 29º.-Bolsas de estudo.

A empresa concederá anualmente bolsas de estudo por un importe total de 2.900 euros.

Atenderanse en primeiro lugar as solicitudes para estudos propios do persoal e, no caso de quedaren bolsas de estudo sen conceder, estas seranlles aplicadas aos fillos dos traballadores.

Durante 2004 crearase unha comisión paritaria para a concesión de bolsas de estudo. Estará integrada por dous representantes titulares e dous suplentes designados pola empresa e dous vogais e dous suplentes membros do comité de empresa. A comisión estará presidida por un dos representantes da dirección con voto de calidade.

Artigo 30º.-Seguros de viaxe.

A empresa manterá os seguros de accidentes que actualmente ten establecidos para o persoal que por necesidades de servizo teña que desprazarse a unha localidade distinta da súa residencia habitual.

Artigo 31º.-Axudas sociais.

A todo o persoal se lle concederán prestacións para os seguintes casos:

Falecemento do produtor: 700 euros.

Falecemento do cónxuxe: 700 euros.

Falecemento de fillo: 700 euros.

Nupcialidade: 185 euros.

Natalidade: 200 euros.

Así mesmo, concederanse axudas nos seguintes casos:

Psicoterapia, por mes.

Ortodoncia, por aparello.

Ortodoncia, por tratamento e mes.

Dislexia, por mes.

Por calzado ortopédico.

Próteses oculares.

Próteses dentais.

Internamentos psiquiátricos.

Medicamentos.

Subnormalidade ou minusvalidez.

Outros, viaxes fóra da provincia a outros centros do Insalud.

Enfermidade grave e prolongada.

En todos os puntos se poderán esixir facturas e diagnósticos.

Artigo 32º.-Vivendas.

Gefco España, S.A. concederá préstamos para a compra, construción, reparación e acondicionamento da vivenda que se utilice ou se vaia utilizar como domicilio familiar cun xuro equivalente ao euribor do ano máis un punto e que se devolverá en tres anos como máximo.

Para iso crearase un fondo de 13.905 euros.

Durante 2004 crearase unha comisión paritaria para a concesión destes préstamos. Estará integrada por dous representantes titulares e dous suplentes designados pola empresa, e dous vogais titulares e dous suplentes membros do comité de empresa. A comisión estará presidida por un dos representantes da dirección con voto de calidade.

Artigo 33º.-Seguro de vida.

A empresa manterá o seguro de vida colectivo que ao seu cargo ten establecido para todo o persoal e durante o tempo da súa vida activa na empresa. O capital será como mínimo o salario anual.

As coberturas deste seguro serán:

a) Por morte natural ou incapacidade permanente derivadas de enfermidade: aboamento do capital asegurado.

b) Morte ou incapacidade permanente derivadas de accidente: aboamento do capital asegurado máis un capital complementario de 29.609 euros.

No concepto de incapacidade permanente queda excluída a situación de incapacidade permanente parcial.

As pólizas individualizadas e actualizadas seranlle entregadas ao persoal.

Artigo 34º.-Vehículos.

Todo o persoal de Gefco España, S.A. terá dereito ao financiamento de vehículos fabricados polas empresas Citroën Hispania, S.A. e Peugeot España, S.A. nas mesmas condicións que estas teñan para os seus traballadores.

Artigo 35º.-Economato.

O persoal de Gefco España, S.A. terá o mesmo dereito e nas mesmas condicións do uso dos economatos que a empresa Citroën Hispania, S.A. ten para o seu persoal.

Pola súa vez, a empresa concederalle ao persoal que o solicite, un anticipo cun importe de 525 euros,

que se descontará nas sete pagas seguintes á súa concesión.

A empresa non concederá outro anticipo a un mesmo trabalaldor se non transcorreu un ano natural cando a partir da data da última conceción.

Artigo 36º.-Seguridade e hixiene no traballo.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, e o seu desenvolvemento regulamentario constitúese como a norma básica de actuación para todas as partes implicadas en materia de prevención de riscos laborais, con independencia doutras normas ou compromisos que se poidan alcanzar coa representación dos traballadores.

Título VI

Acción sindical

Artigo 37º.-Utilización do crédito de horas polos membros do comité de empresa.

De conformidade co disposto no artigo 68 da Lei do Estatuto dos traballadores, cada un dos membros do comité de empresa disporá de 15 horas mensuais para o exercicio das súas funcións de representación.

As convocatorias, por iniciativa da dirección, non se imputan sobre o crédito das 20 horas.

Horario de traballo para 2004.

Centro de traballo de Vigo.

Xornada de quendasDescansoTraballo efectivo

1º quenda: de 6.00 h a 14.00 h15 min.7 h 45 min.

2º quenda: de 14.00 h a 22.00 h15 min.7 h 45 min.

3º quenda: de 22.00 h a 6.00 h15 min.7 h 45 min.

Jornada de quenda central.

Quenda central: de 8.00 h a 16 h 30 min 45 min.7 h 45 min.

Outros.

A maioría do persoal observará o calendario anexo e os horarios xerais antes citados. Para as excepcións estableceranse horarios e calendarios especiais en función das necesidades de cada centro.

Como consecuencia da xornada anual e a súa distribución segundo o calendario laboral, todo o persoal disporá de catro días de permiso individual que se desfrutarán segundo as necesidades do servizo.

Horario de traballo para 2004.

Centro de traballo do Porriño.

Xornada de quendasDescansoTraballo efectivo

1º quenda: de 6.00 h a 14.00 h15 min.7 h 45 min.

2º quenda: de 14.00 h a 22.00 h15 min.7 h 45 min.

3º quenda: de 22.00 h a 6.00 h15 min.7 h 45 min.

Jornada de quenda central.

Quenda central:

De 8.00 h a 13 h 30 min

De 15.00 h a 17 h 15 min1 h 30 min.7 h 45 min.

Outros.

A maioría do persoal observará o calendario adxunto e os horarios xerais antes citados. Para as excepcións estableceranse horarios e calendarios especiais en función das necesidades de cada centro.

Como consecuencia da xornada anual e a súa distribución segundo o calendario laboral, todo o persoal disporá de tres días de permiso individual que se desfrutarán segundo as necesidades do servizo.