DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 28 de decembro de 2004 Páx. 18.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 21 de decembro de 2004 pola que se regulan e convocan axudas para a compra de gando bovino que teña por obxecto a reposición das reses como consecuencia do sacrificio obrigatorio en execución dos programas de control e erradicación de enfermidades dos animais.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, (BOE nº 307, do 21 de decembro), establece no seu artigo 2 as enfermidades que estarán sometidas a control oficial en programas nacionais de erradicación e cita a brucelose bovina e a tuberculose bovina entre elas.

Nos artigos 15, 16 e 17 deste real decreto disponse o sacrificio obrigatorio dos animais reaccionantes positivos a algunha destas enfermidades e o dereito a percibir indemnizacións como consecuencia desa obrigatoriedade de sacrificio deses animais.

Con todo, as indemnizacións establecidas son insuficientes para paliar as importantes perdas económicas dos produtores, sobre todo naquelas explotacións en que se fai un baleiro sanitario total por sacrificio preventivo e destrución de todos os seus animais, que, ademais, teñen que sufrir un período de inactividade produtiva ata que os servizos veterinarios oficiais autoricen novamente a reintrodución de animais novos nesa explotación.

Así, aínda que a Lei de sanidade animal recoñece expresamente o dereito do dono do animal a ser indemnizado polo dano causado ao sacrificar os animais, a aplicación dos métodos de valoración existentes na actualidade non son proporcionais á deterioración patrimonial que efectivamente se produce porque se lle impide producir durante un período de tempo que, en moitos casos, constitúe o seu medio de vida, polo que, unha vez declarada a enfermidade se producen na práctica situacións de grave desamparo e indefensión. Estes feitos poden poñer en perigo a viabilidade económica destas explotacións.

Consecuentemente co exposto anteriormente, faise imprescindible establecer os mecanismos de reparación e resarcimento dos danos realmente causados ao propietario ante o establecemento de medidas obrigatorias como consecuencia dun programa de prevención e erradicación de enfermidades dos animais das que en ningún caso se pode facer responsable o propietario da explotación.

Ademais, hai que ter en conta a dificultade coa que se atopa o produtor para poder repoñer os animais de similares características aos que se lle obrigou a sacrificar, e que na meirande parte dos casos non hai posibilidade de acadar a reposición total ao mesmo tempo.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (2000/C - 28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, establecen que poderán concederse compen

sacións por un importe igual ao valor normal dos animais sacrificados.

O importe das indemnizacións por sacrificar animais que foron diagnosticados positivos á brucelose ou tuberculose é un valor fixo establecido nun baremo publicado no Real decreto 1328/2000, do 7 de xullo, polo que se establecen os baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio dos animais obxecto de programas nacionais de erradicación de enfermidades.

Polo tanto, para aqueles casos nos que coas indemnizacións por sacrificio obrigatorio non se acada o valor de adquisición de novos animais similares aos sacrificados e, consecuentemente, non resultaría factible repoñer eses animais, considerase necesario establecer axudas para favorecer a reposición de gando sacrificado obrigatoriamente.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense axudas aos titulares de explotacións de gando bovino para a compra de animais da citada especie que teña por obxecto a reposición de efectivos naquelas explotacións nas que se ordene o sacrificio de animais da especie bovina existentes nela, tras a realización do diagnóstico dunha das enfermidades sometidas a un programa oficial de erradicación de brucelose ou tuberculose.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións de gando bovino nas que fose ordenado o sacrificio obrigatorio de bovinos existentes na explotación como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa oficial de erradicación.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Para poder ter dereito ás axudas establecidas nesta orde, é imprescindible o cumprimento estrito da normativa en vigor sobre epizootias, programas de erradicación de enfermidades animais e a relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles. Esta normativa recóllese na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal; Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1995; R.D. 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación das enfermidades dos animais; Regulamento (CE) 999/2001, do Parlamento Europeo e do Consello, referente á vixilancia epidemiolóxica e aos controis das encefalopatías esponxiformes transmisibles e ás

súas posteriores modificacións; Regulamento (CE) 1774/2002, do Parlamento Europeo e do Concello polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados o consumo humano; e en todas aquelas normas de desenvolvemento en materia de sanidade animal. Especialmente serán comprobados pola Administración os seguintes requisitos:

-En todos os casos, ter sacrificado obrigatoriamente aqueles animais de especies susceptibles de padecer a enfermidade e que foron diagnosticados positivos.

-Ter efectuado, previamente á reposición dos animais, a limpeza e desinfección da explotación de acordo coa lexislación vixente e as instrucións da autoridade competente.

-Non estar en ningún dos supostos establecidos no artigo 22 da Orde do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as normas para desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa.

Artigo 4º.-Requisitos dos animais adquiridos.

1. Os animais da especie bovina obxecto de subvención deberán ter permanecido na explotación de orixe durante un mínimo de 30 días anteriores a súa incorporación á explotación de destino, e procederán de explotacións con cualificación sanitaria e libre de encefalopatías esponxiformes transmisibles.

2. Unicamente será subvencionable a reposición efectuada con femias correctamente identificadas e da mesma aptitude produtiva, para manter na explotación un nivel de produción similar ao existente con anterioridade ao sacrificio, e cunha idade comprendida entre 20 meses e 4 anos para gando de aptitude láctea e entre 20 meses e 6 anos para o de aptitude cárnica.

En caso de que a reposición se efectúe mediante a substitución dun rabaño completo o 70% dos animais deberán estar comprendidos neses tramos de idade, sendo subvencionables só os animais que se atopan comprendidos entre os 8 meses e os 5 anos de idade, se son de aptitude láctea e entre 8 meses e 8 anos se son de aptitude cárnica.

Artigo 5º.-Clase e contía das axudas.

1. As axudas para a compra de animais destinados á reposición recollidos nesta orde poderán concederse nas contías e cos límites seguintes:

-Douscentos cincuenta euros (250 A) por animal adquirido da especie bovina, nos casos de baleiro sanitario nunha explotación, ata un máximo de 12.000 A por beneficiario.

-O 75% do importe citado no primeiro punto por cada animal bovino adquirido nos casos en que non se realiza baleiro total da explotación, ata un máximo de 12.000 A por beneficiario.

-Ademáis do establecido nos puntos anteriores, poderá concederse unha contía adicional nos casos seguintes:

* Se os animais sacrificados pertencen a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro, nun importe por animal igual ao resultado de multiplicar:

0,15 A polos quilos de leite resultantes de aplicar a diferenza entre o rendemento leiteiro medio de, polo menos, o 60% das femias da explotación con maior rendemento e a cantidade de 6.700 quilos

* Se os animais sacrificados pertencen a unha raza cárnica e están inscritos no libro xenealóxico da citada raza poderase engadir unha contía adicional de:

-150 A en vacas menores de 10 anos cualificación morfolóxica de 75 a 79 puntos

-300 A en vacas menores de 10 anos cualificación morfolóxica de 80 a 84 puntos

-450 A en vacas menores de 10 anos cualificación morfolóxica máis de 85 puntos

Aplicaríase a cualificación morfolóxica que figure na carta xenealóxica do animal.

Nestes dous casos o límite máximo por beneficiario será de 24.000 A.

-En todo caso o límite máximo do importe da axuda por cada animal reposto será a diferenza entre o valor de adquisición do animal novo e a suma do importe da indemnización polo sacrificio do animal substituído e o valor obtido na súa comercialización.

2. Para efectos de cómputo da axuda, teranse en conta unicamente os bovinos maiores de 24 meses que figuren asignados a esa explotación na base de datos oficial da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. O número de reses obxecto da axuda non poderá ser superior, en ningún caso, ao dos animais reprodutores que fosen obxecto de sacrificio obrigatorio, entendéndose como tales os animais bovinos de máis de dous anos, e os de menos de dous anos que parisen antes desa idade, e que teñan menos de dez anos de idade nos de aptitude leiteira e quince anos nos de aptitude cárnica.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazos e documentación.

As solicitudes, segundo modelo que figura como anexo I da presente orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural así como nos demais lugares e forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte da data de publicación da presente orde ata o 21 de novembro do ano 2005, incluida esta data no cómputo do prazo.

Coa solicitude xuntarse a seguinte documentación:

-NIF do solicitante no caso de persoas físicas e CIF cando se trate de persoas xurídicas.

-Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domicialización dos pagamentos lle corresponde ao solicitante.

-Facturas, ou documento equivalente, que acrediten a compra das reses polas que se solicita a axuda.

-Xustificantes do valor económico das canais de animais sacrificados ou destruídos, se é o caso.

-No caso de ser unha explotación incluída en núcleo de control leiteiro, certificación que acredite os rendementos medios obtidos polo rabaño correspondente ás lactacións válidas e finalizadas.

-No caso de persoas xurídicas copia compulsada do documento de constitución da sociedade e dos estatutos e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade no que conste o acordo de solicitar a axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala.

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requerirase o interesado na forma establecida na Lei 30/1992, de 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, consideradase que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

A Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria é o órgano competente para a tramitación das axudas reguladas e convocadas nesta orde, logo de informe técnico das solicitudes emitido polos servizos provinciais de gandaría. Contra a resolución que dite o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación daquela.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Poderán entenderse desestimadas as solicitudes non resoltas nun prazo de seis meses contados desde a data de presentación delas. Transcorrido o dito prazo, o interesado dispón de tres meses para interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa; ou seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel

no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A resolución de concesión poderá ser modificada en caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, ou en todo caso, pola obtención concorrente da axuda e subvención outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

O pagamento da subvención realizarase dunha soa vez, logo de comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos anteriores e comprobada a reposición efectiva.

Os beneficiarios presentarán, antes do pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais, deberán presentar certificación de estar ao día das obrigas tributarias e sociais e de que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicitar a expedición dos certificados acreditativos de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou no seu caso cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo II desta orde para os efectos de que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural os poida solicitar por vía informática.

Non obstante quedarán exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas os beneficiarios das axudas que non superen un importe de 1.500 euros, segundo o previsto no artigo 41 un) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005, condicionada a súa aprobación definitiva.

Artigo 9º.-Compatibilidade das axudas.

As subvencións reguladas pola presente orde serán compatibles con calquera outra que poida obterse de distintas administracións para a mesma finalidade.

Artigo 10º.-Controis.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da

axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar na citada inspección, proporcionando os datos requeridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Incumprimento e reintegro.

O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á subvención e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas, sen perxuízo doutras responsabilidades á que houber lugar (artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Artigo 12º.-Financiamento.

As axudas establecidas nesta orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-A.770.0 Programas sanitarios especiais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, para o que se destina inicialmente un importe de 200.000 euros que será incrementado na medida necesaria para que poidan ser atendidas todas as solicitudes recibidas, quedando a axudicación condicionada á aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005, de acordo co artigo 5 da Orde de 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

Disposición adicional

Nos aspectos non contados nesta orde, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto legislativo 1/1999, do 7 de outubro), e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural