DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 28 de decembro de 2004 Páx. 18.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 20 de decembro de 2004 pola que se convocan, para o ano 2005, as axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia.

A Orde do 27 de febreiro de 2003, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 48, con data do 10 de marzo, establecía as bases reguladoras das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, e se convocaban as axudas para o ano 2003.

A continuación, pola orde desta consellería, do 29 de abril de 2003, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 91, con data do 13 de maio, ampliáronse as liñas de axuda para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, e convocáronse para o ano 2003.

Posteriormente, pola orde desta consellería, do 14 de abril de 2004, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 75, do 20 de abril, modificáronse as

bases reguladoras das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, e convocáronse para o ano 2004 as devanditas axudas.

A experiencia na xestión destas axudas e os resultados que se obtiveron durante os últimos anos, sobre todo o número de entidades asociativas beneficiarias, o volume de investimentos e gastos realizados, a dimensión dos proxectos amparados e os postos de traballo xerados, xustifican o interese e a continuidade destas liñas de axuda.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer a convocatoria, para o ano 2005, das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, de acordo coas bases reguladoras fixadas nas ordes do 27 de febreiro de 2003, (publicada no DOG nº 48, do 10 de marzo), e do 29 de abril de 2003, (publicada no DOG nº 91, do 13 de maio), da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e coas modificacións introducidas na sección primeira da Orde do 14 de abril de 2004, (publicada no DOG nº 75, do 20 de abril).

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poderse acoller ás axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario, deberanse cumprir os requisitos establecidos nas ordes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 27 de febreiro e do 29 de abril de 2003, coas modificacións introducidas pola Orde do 14 de abril de 2004.

2. As axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario teñen por finalidade incrementar a formación cooperativa dos agricultores e gandeiros socios, así como mellorar a xestión e os servizos prestados, mediante un maior coñecemento da súa realidade e posibilidades de futuro e a contratación do persoal necesario, xerando creación neta de emprego. Tamén se considera de interese a implantación de normas de calidade e a correcta xestión dos residuos das explotacións agropecuarias e a súa valorización e eliminación controlada.

Artigo 3º.-Solicitudes, documentación e xestión das axudas.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o establecido no artigo 37 da Orde do 27 de febreiro de 2003, xunto coa documentación que se detalla nos artigos 6, 13, 20, 27, 34 e 39 da devandita orde; e no artigo 5 da Orde do 29 de abril de 2003; así como de conformidade coas modificacións introducidas pola Orde do 14 de abril de 2004.

2. As entidades asociativas beneficiarias, os conceptos subvencionabies e a contía económica, os criterios de valoración, o procedemento de xestión das axudas e o prazo e forma de xustificación delas, axustaranse ao establecido nas ordes do 27 de febreiro e do 29 de abril de 2003, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e na Orde do 14 de abril de 2004.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2005, o prazo de presentación das solicitudes de axuda será de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Financiamento.

A concesión das axudas, que poderán ter carácter plurianual, efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.612-A.770.0, por un importe de 522.400,61 euros para a anualidade 2005 e 200.000 euros para a anualidade 2006; 09.04.615-A.770.0, por un importe de 50.000 euros para a anualidade 2005; e 09.04.712-B.770.0, por un importe de 100.000 euros para a anualidade 2005; do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, así como con outros remanentes que puidesen existir nas mesmas aplicacións.

De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de subvencións, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2005 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución, e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, facenda autonómica e axencia tributaria, as entidades asociativas beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 euros, de acordo co establecido no artigo 41 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, condicionada á súa aprobación definitiva.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ao director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural