DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 28 de decembro de 2004 Páx. 18.183

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 20 de decembro de 2004 pola que se convocan, para o ano 2005, as axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia.

A Orde do 18 de xullo de 2002, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que se publicou no Diario Oficial de Galicia número 143, con data do 26 de xullo, establecía as bases e o réxime xurídico das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, e se convocaban as axudas para o ano 2002.

Posteriormente, pola orde desta consellería, do 3 de xuño de 2004, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 110, do 9 de xuño, modificáronse as bases reguladoras das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, e convocáronse para o ano 2004 as devanditas axudas.

A experiencia na xestión destas axudas e os resultados que se obtiveron durante os últimos anos, sobre todo o número de cooperativas de utilización de maquinaría agrícola (CUMA) que se constituíron, o número de cooperativas agrarias que prestan o servizo de maquinaria aos seus socios, o volume de investimentos realizados, a redución de custos de amortización, o aforro de man de obra e a mellora da calidade de vida no medio rural, xustifican o interese e a continuidade destas liñas de axuda.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer a convocatoria, para o ano 2005, das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, de acordo coas bases reguladoras fixadas na Orde do 18 de xullo de 2002, (publicada

no DOG nº 143, do 22 de xullo), da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e coas modificacións introducidas na sección primeira da Orde do 3 de xuño de 2004, (publicada no DOG nº 110, do 9 de xuño).

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poderse acoller ás axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, deberanse cumprir os requisitos establecidos na orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 18 de xullo de 2002, coas modificacións introducidas pola Orde do 3 de xuño de 2004.

2. Estas axudas teñen por finalidade lograr unha correcta racionalización e utilización do parque de maquinaria agrícola e equipos dispoñibles en Galicia, mellorar a calidade de vida no medio rural e a seguridade no traballo, ampliar os servizos prestados e aforrar custos nas explotacións agropecuarias galegas.

Artigo 3º.-Solicitudes, documentación e xestión das axudas.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o establecido no artigo 9 da Orde do 18 de xullo de 2002, xunto coa documentación que se detalla no seu artigo 11, así como de conformidade coas modificacións introducidas pola Orde do 3 de xuño de 2004.

2. As entidades asociativas beneficiarias, os conceptos subvencionables e contía económica, os criterios de valoración, o procedemento de xestión das axudas e o prazo e forma de xustificación delas, axustaranse ao establecido na Orde do 18 de xullo de 2002, (publicada no DOG nº 143, do 26 de xullo), da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e na Orde do 3 de xuño de 2004, (publicada no DOG nº 110, do 9 de xuño).

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2005, o prazo de presentación das solicitudes de axuda será de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.612-A.770.1, por un importe de 1.844.565 euros; 09.04.612-A.770.0, por un importe de 50.000 euros; e 09.04.615-A.770.0, por un importe de 50.000 euros; do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, así como con outros remanentes que puidesen existir nas mesmas aplicacións.

As devanditas aplicacións orzamentarias poderanse incrementar con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta comunidade autónoma.

De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro

de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de subvencións, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2005 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución, e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, facenda autonómica e axencia tributaria, as entidades asociativas beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 euros, de acordo co establecido no artigo 41 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, condicionado á súa aprobación definitiva.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural