DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 28 de decembro de 2004 Páx. 18.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 303/2004, do 2 de decembro, polo que se amplía a afectación secundaria de terreos do porto de Vilaxoán, termo municipal de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), aprobada polo Decreto 318/1988, do 3 de novembro, para a construción de laboratorios do Centro de Control do Medio Mariño.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos solicitou da Secretaría Xeral e do Patrimonio, ao abeiro do disposto no artigo 12 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a ampliación da afectación secundaria de terreos no porto de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), para a construción de laboratorios do Centro de Control do Medio Mariño.

O expediente de ampliación da afectación secundaria tramitouse segundo o disposto nos artigos 12 da citada Lei 3/1985, do 12 de abril, e 31 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, con audiencia do ente público Portos de Galicia a que está adscrito o porto de Vilaxoán.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 1.130 m situada no porto de Vilaxoán, no termo municipal de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e delimitada segundo os planos incorporados ao expediente, ampliando a establecida polo Decreto 318/1988, do 3 de novembro, (DOG nº 222, do 18 de novembro), para a construción de laboratorios do Centro de Control do Medio Mariño, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 2º

A concorrencia da antedita afectación respecto do porto de Vilaxoán non altera a adscrición orgánica exixida pola afectación principal, que conferira ao seu titular -Portos de Galicia- as facultades de administración, xestión e conservación, sen prexuízo das que lle corresponden á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como titular dun interese específico por razón da afectación secundaria.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda