DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 28 de decembro de 2004 Páx. 18.181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 302/2004, do 2 de decembro, polo que se desafecta do dominio público o Centro de Granitos de Galicia, inmoble situado no polígono das Gándaras, O Porriño (Pontevedra).

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, de ser o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título. O inmoble do Centro de Granitos de Galicia está adscrito á Consellería de Innovación, Industria e Comercio que, a través da súa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, promoveu a desafectación do ben en atención a que a prestación dos servizos previstos para este centro precisan de novas fórmulas de xestión.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben descrito a continuación:

Edificio nº 1 de planta rectangular composto de baixo de 800 m e andar primeiro de 375 m, aproximadamente, e edificio nº 2, tamén de planta rectangular, composto de andar baixo de 250 m, aproximadamente, e semisoto de 230 m, asentadas ambas as construcións sobre o seu soar de 6.103 m, no lugar das Gándaras de Torneiros e Cataboi, que linda o conxunto: norte, resto do predio matriz, hoxe dedicado a centro educativo; sur, camiño público, que separa do resto do predio matriz; leste, rúa da urbanización do polígono de Torneiros; e oeste, estrada do Porriño a Mosende.

Inmoble inscrito no Rexistro da Propiedade de Tui no tomo 861, libro 162, folio 103, predio nº 24.988, inscrición 2ª.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda