DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 28 de decembro de 2004 Páx. 18.167

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 300/2004, do 22 de decembro, polo que se modifica o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o programa Labora: Xuventude con Experiencia.

O Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o programa Labora: Xuventude con Experiencia, establece no seu artigo 7º.2, a necesidade de que a contratación dos beneficiarios do programa no marco dos programas de cooperación se realice a través do contrato temporal de inserción, nos termos establecidos no artigo 15.1º d) do Estatuto dos traballadores (ET).

A entrada en vigor o pasado día 23 de xullo de 2004 da Orde TAS/2435/2004, do 20 de xullo, supón excepcionar a utilización do contrato de inserción en determinados programas públicos de mellora da empregabilidade, entre os que se atopan os programas de cooperación que xestiona a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Á vista do anterior, resulta conveniente proceder á adaptación da normativa autonómica e, en concreto, a modificación do Decreto 148/2002, do 18 de abril, no que atinxe a este tipo de contratos.

Con base no anterior, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais informado o Comité Autonómico de Emprego e consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 7º, que en diante terá a seguinte redacción:

«Artigo 7º.-Programas de cooperación.

1. Aos beneficiarios que se incorporen a través dos programas de cooperación ofertaráselles un contrato de traballo nunha categoría profesional adecuada á súa titulación académica por un período mínimo de 12 meses, que desenvolverán en calquera concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os beneficiarios percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica se o centro de traballo estivese situado nun concello distinto ao do seu domicilio, agás que estes disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras.

3. Aos beneficiarios que teñan fillos e os que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, ofertaráselles un contrato de traballo no seu concello de residencia ou naqueles que disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras, agás que acepten expresamente desprazarse a outros máis distantes.

4. Os beneficiarios incorporados ao programa estarán obrigados a aceptar o contrato de traballo que se lles oferte. O incumprimento desta obriga sen causa xustificada dará lugar á súa baixa como beneficiarios do programa e á perda dos seus dereitos como demandantes de emprego, debendo ser notificados expresamente.

Para estes efectos, entenderase por causas xustificadas unicamente as establecidas como causas de suspensión do contrato de traballo no artigo 45 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais