DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 27 de decembro de 2004 Páx. 18.139

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico do salto número 2, Central de Touro, no río Ulla, promovida pola empresa Unión Fenosa Generación, S.A. nos termos municipais de Touro (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra). (Expediente IN407A 02/77-4).

Visto o escrito presentado pola sociedade Unión Fenosa Generación, con CIF nº A-82059833 e ende

rezo para efectos de notificacións en avenida de San Luis nº 77, 28033 Madrid, solicitando a autorización administrativa do proxecto hidroeléctrico arriba citado, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Por orde ministerial do 10 de novembro de 1962, outorgóuselle á sociedade denominada Hidroeléctrica Moncabril, S.A., unha concesión para o aproveitamento integral da bacía do río Ulla mediante a construción de oito saltos denominados Belmil, Portodemouros, Ledesma, Lamas, Fornelos, San Paio, Pereiro e Padrón, nos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei en Lugo, Arzúa, Boqueixón, Melide, Padrón, Santiso, Touro, Teo e Vedra na provincia da Coruña, e Agolada, A Estrada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces na de Pontevedra. De todos eles só se levou a cabo o de Portodemouros.

A anterior concesión foi transferida, tamén por Orde ministerial do 8 de outubro de 1971, a favor da sociedade Unión Eléctrica, S.A., e o 7 de xullo de 1979 a Dirección Xeral de Obras Hidráulicas aprobou a transferencia a favor de Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (Fenosa).

Como consecuencia da petición realizada por parte da empresa concesionaria perante a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, o 23 de abril de 2001 o organismo autónomo Augas de Galicia resolveu autorizar a modificación da concesión para o aproveitamento integral da bacía do río Ulla de forma que a concesión definitiva estará composta polo salto de Portodemouros e outros sete, salto de Portodemouros-caudal ecolóxico, saltos de Lamas I e Lamas II, salto de Brandariz, ou número 1, salto de Touro, ou número 2, salto de Seixo-Belmil e salto de Frádegas, nos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei en Lugo, Arzúa, Santiso e Touro na provincia da Coruña, e Agolada, Lalín, Silleda e Vila de Cruces na de Pontevedra. Ademais, e na mesma resolución, declaráronse de utilidade pública as obras construtivas do aproveitamento do río para os efectos de expropiación forzosa e imposición de servidumes.

O 9 maio de 2001, o presidente de Augas de Galicia resolveu autorizar a transferencia da concesión a Unión Fenosa Generación, S.A., actual titular.

Para rematar, os proxectos construtivos asociados á modificación da concesión foron aprobados por resolución de Augas de Galicia do 13 de decembro de 2001.

Segundo.-O aproveitamento hidroeléctrico do río Ulla conta coa declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente de 20 de febreiro de 2001, corrixida por Resolución do 14 de maio de 2002, en que se inclúen, entre outros, os saltos presentes na modificación concesional.

Terceiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, e despois da pertinente solicitude do

actual titular da concesión administrativa de augas, someteu, por Resolución do 7 de xaneiro de 2004, a información pública a petición da obtención da autorización administrativa dos equipamentos electromecánicos, da aprobación do proxecto de execución e da declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións asociadas ao aproveitamento hidroeléctrico de Touro.

Esta información pública foi publicada nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 21 de xaneiro e en El Correo Gallego do 13 de febreiro, no BOP da Coruña do 29 de xaneiro, no BOP de Pontevedra do 11 de febreiro e no Diario Oficial de Galicia do 4 de febreiro de 2004, e estivo exposta nos taboleiros de anuncio dos concellos de Touro e Vila de Cruces, onde tamén se remitiron a relación de bens e dereitos afectados pola declaración de utilidade pública xunto cos parcelarios correspondentes.

Cuarto.-Froito da anterior información pública incorporáronse a este expediente unha serie de alegacións presentadas polo Concello de Touro, o Concello de Lalín, José Antonio Asorey Navaza, Luciano Antonio Asorey Navaza, María José Calviño Ferreiro, a Coordinadora Gallega para a Defensa de los Ríos, Xosé Veiras García, Xoán Louzao Rodríguez, Miguel Estévez Solanas, Manuel José Calveira Fuentes, Elías Rei García, María Leonor Penas Botana e moitos outros máis, as cales se poden resumir no seguinte:

1. Débese indicar o procedemento utilizado para coñecer o grao de aceptación ou repulsa social da actividade segundo o establecido na Lei de impacto ambiental de Galicia.

2. O encoro afecta unha zona natural con gran riqueza piscícola, agrícola-gandeira e forestal, xa que afecta especies de gran valor como castiñeiros, carballos, nogueiras,...etc., cunha flora e unha fauna, en xeral, digna de proteción, sen esquecer o impacto que a súa construción tería sobre a paisaxe.

3. A construción do encoro non creará ningún tipo de riqueza, nin para os veciños e propietarios, nin para o concello, xa que, incluso para este último, os impostos derivados da explotación da instalación non lle compensan.

4. Non se argumenta que esta sexa a mellor alternativa de todas as posibles, e en ningún momento se estudaron outras posibilidades menos impactantes e agresivas que a demodulación que se vai realizar con este salto conxuntamente co de Brandariz.

5. O proxecto prexudica económica e socialmente a zona ao privatizar un recurso público, eliminar todos os usos alternativos do río como poden ser o uso turístico ou de pesca, depreciar o valor das terras nas zonas adxacentes ao encoro, descenso da produtividade de cultivos sensibles ao aumento das néboas, como viñedos, froiteiras, hortalizas, etc., e porque a súa implantación non vai crear novos postos de traballo durante a súa explotación ao estar a central telemandada.

6. O proxecto empeora as condicións ambientais establecidas na declaración ambiental debido á altura da presa, a superficie ocupada, propietarios afectados, tramo de río ocupado, potencia e localización da presa.

7. O proxecto causa máis prexuízos que os que pretende minimizar xa que destrúe 5 km de río esenciais para a vida piscícola, elimina bosque de ribeira con especies autóctonas e singulares dun valor incalculable, deteriora a paisaxe, elimina superficie agraria útil, etc., prexuízos que se verían multiplicados coa construción do salto de Brandariz.

8. Non se pode aceptar que a solución da compañía promotora para que a central hidroeléctrica de Portodemouros se adapte á Lei 7/1992, de pesca fluvial, e ao seu regulamento, Decreto 130/1997, con relación á variación paulatina de caudal para todo aproveitamento, sexa a construción dos dous saltos demoduladores entre os que se encontra o de Touro, debido a que destruirían entre os dous 10 km de leito e bosque de ribeira, o que entra en contradicción co establecido na anterior lei e regulamento que a desenvolve.

9. Vai seguir habendo oscilacións artificiais augas abaixo do salto regulador aínda que só das 24.00 ás 8.00 horas, polo que, recoñecendo que se mellora o réxime de oscilación de caudais, non se debe ocultar que estas van seguir existindo e que serán para a fauna piscícola iguais de prexudiciais, tal e como se pon de manifesto no informe da Dirección Xeral de Montes recollido na declaración ambiental.

10. Producirase unha deterioración na calidade das augas río abaixo do aproveitamento como consecuencia dos desaugadoiros de fondo dos fangos do encoro.

11. Unido ao anteriormente exposto nos puntos 9º e 10º, hai que ter en conta que a construción do encoro supoñía un grave prexuízo para a vida piscícola, principalmente para as especies máis exixentes, xa que augas abaixo do aproveitamento desembocan os ríos Lañas e Brandelos, os cales achegan caudais cun elevado índice de contaminación ao leito, inutilizando así un importante tramo do río para a vida.

12. Non se asegura o normal desenvolvemento das poboacións piscícolas locais e o movemento natural das especies, xa que, aínda que previse a construción dun capturadoiro no salto de Touro, para aquelas especies que remontan o río non se prevén medidas para o seu descenso.

13. A empresa promotora presentou, tal e como se reproduce na declaración de impacto ambiental, unha nova documentación o 22 de decembro de 2000, coa finalidade de corrixir as carencias encontradas, a cal no foi sometida a información pública. Ademais, isto supón unha grave irregularidade na resolución de Augas de Galicia, do 23 de abril de 2001, ao non ser exposta a totalidade do proxecto.

14. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe negativo do proxecto na declaración ambiental pola falta dun estudo que valore os impactos no patrimonio cultural, establecendo a necesidade dun inventario exhaustivo, polo que é necesaria a presentación do dito estudo e a súa exposición pública.

15. O proxecto debe someterse a un novo estudo de impacto ambiental, xa que a afección ambiental é moi superior á producida polo proxecto inicial, ou modificarse para adaptarse ás condicións da declaración ambiental, o cal obriga a un novo estudo ambiental. Isto é debido a que existen variacións respecto do proxecto sometido a estudo de impacto ambiental que implican unha maior superficie afectada, un maior número de propietarios afectados, unha variación da potencia instalada, cambios na localización e altura da presa, así como na cota de restitución ao leito público deste salto e na cota de máximo encoro do salto, e a que se exceda o tramo do río ocupado.

Neste sentido cómpre citar a preocupación que mostrou a Dirección Xeral de Montes na DIA pola desaparición de 8 km de río coa construción dos dous saltos demoduladores entre os cales se encontra o de Touro, tramo que na resolución de Augas de Galicia aumenta ata 10 km.

16. Citando un estudo da Universidade de Santiago de Compostela, proponse unha moratoria na concesión de máis aproveitamentos hidroeléctricos ata que se estuden os efectos irreversibles que están tendo na ecoloxía.

17. Todos os impactos ambientais descritos se van agravar coa construción dos demais saltos proxectados no río Ulla debido ao efecto sinérxico que iso leva consigo.

18. O proxecto é contrario ao espírito de toda normativa de conservación do ambiente, incluída a Directiva Marco do Auga da Unión Europea.

19. Débese antepoñer a protección ao ambiente á construción do aproveitamento, tal e como promoven a Constitución española no seu artigo 45, a Lei de protección ambiental de Galicia, o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e a Directiva 92/43/CEE.

20. A autorización de modificación da concesión é de 23 de abril de 2001 mentres que a publicación da declaración de impacto ambiental é posterior, concretamente de 20 de xuño de 2001, polo que estamos ante unha clara irregularidade, pois a declaración é coñecida con posterioridade á modificación da concesión e calquera alegación á declaración ambiental non podería ser tida en conta. Neste aspecto cómpre salientar a incongruencia que supón que a empresa promotora xa tiña redactado o proxecto construtivo do aproveitamento antes de que se fixese pública a declaración de impacto ambiental.

21. Para a obtención da concesión prescindiuse da pública concorrencia. Tal e como se establece nos artigos 119.5º e 151 de Regulamento do dominio

público hidráulico, cando a modificación de concesións preexistentes implique unha variación do índice concesional en máis dun 10% respecto do índice concesional inicial, cumprirá entón abrir o procedemento á concorrencia con outras ofertas. Este caso é unha modificación dunha concesión do ano 1962, onde a variación entre o índice concesional da concesión inicial e o actual é moi superior ao 10%, polo que é necesario o cumprimento do trámite anteriormente mencionado.

22. A concesión debe considerarse caducada. Ao amparo dos artigos 64 da Lei de augas e 161 do seu regulamento, considérase a concesión como caducada ao non practicar o concesionario ningunha obra nin facer efectivo tal aproveitamento nun período consecutivo de tres anos.

23. Relacionado co parágrafo anterior, cítanse os puntos 5º e 24º da concesión inicial de 1962, na cal se establecía un prazo de 15 anos para a finalización das obras, de forma que o seu incumprimento como condición da concesión levaría á caducidade da concesión, tal e como é o caso.

24. Implicitamente considérase que a concesión se outorga sen xustificación suficiente e sen estudar o seu impacto ambiental global negativo, para o que se cita o informe de fiscalización do Consello de Contas de Galicia do ano 2000.

25. Nin no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa nin no propio proxecto das súas directrices se recolle ningún dos aproveitamentos involucrados na modificación concesional do aproveitamento hidroeléctrico integral do río Ulla, entre os cales se encontra o que nos afecta, incumpríndose así as disposicións recollidas no plan. Ademais, a concesión fíxose antes da aprobación do devandito plan hidrolóxico a pesar de que o Decreto 144/1994 decretara a suspensión provisional das concesións mentres non se aprobase o plan hidrolóxico. Houbo, polo tanto, un levantamento desa suspensión sen que estivese xustificado.

26. A modificación da concesión non foi feita pública nin notificada a cada un dos afectados, polo que existe unha situación de indefensión e inseguridade xurídica ao non coñecerse as condicións da modificación nin poder eventualmente impugnala, sendo ademais esta resolución ineficaz mentres non se publique. Aquela indefensión é aínda máis grave no caso daqueles agora afectados que non o estaban no proxecto sometido a información pública o 1 de marzo de 1999, xa que non foron informados da súa afección e se lles negou calquera camiño legal para defender os seus intereses. Por todo iso, consideran que se debe retrotraer o procedemento ao momento inicial da tramitación para que se comece de novo e se emende a ilegalidade, xa que doutra forma se debería considerar todo o procedemento como nulo.

27. O feito de que o proxecto construtivo se redactase o 24 de abril de 2001, só un día despois da obtención da modificación concesional do 23 de abril de 2001, induce a pensar que a dita resolución se

formulou de forma que se adaptase ao proxecto construtivo, xa que só así se explica que na modificación concesional se outorgue a ocupación ata a cota de 125 m, que é a que propón o proxecto construtivo só para conseguir unha maior produción eléctrica.

Así, en lugar de adaptarse o proxecto construtivo á modificación concesional, ocorreu o caso contrario, a modificación concesional do 23 de abril de 2001 adaptouse ao proxecto construtivo redactado o 24 de abril de 2001, o que tamén induce a pensar que a empresa elaborou o proxecto coñecendo as condicións da modificación antes de que fose aprobada, o que constitúe unha flagrante ilegalidade.

28. Co aproveitamento afectarase un muíño de máis de 150 anos de antigüidade e unha pesqueira situada a carón do devandito muíño, os cales contan coas súas correspondentes concesións.

29. Para o volume de resgardo do salto de Touro pártese da hipóteses de desaugamento do encoro de Portodemouros de 120.000 l/s durante 9 horas diarias, o cal non se axusta á realidade, xa que só en épocas de fortes enchentes se dan estas situacións.

30. Augas de Galicia remitiu un oficio á empresa promotora no cal se reflectía que unha das características que deberían ter as novas presas é que a súa altura non superase os 15 m de altura, o cal non se cumpriu.

31. O actual proxecto construtivo contradí a resolución de Augas de Galicia do 23 de abril de 2004 que autorizaba unha altura para a presa de 23 m. Este proxecto eleva a altura da presa a 32,55 m, incumpríndose así unha das condicións básicas establecidas na citada resolución. Tamén a cota de restitución deste encoro se despraza dous metros augas abaixo respecto da autorizada inicial.

32. Considérase nulo de pleno dereito o procedemento seguido por non respectar os principios procedementais na prelación dos expedientes administrativos ao someter o expediente a trámite de utilidade pública, autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución sen que previamente se obtivesen as correspondentes licenzas urbanísticas e ambientais para a actividade, de ser o caso. Ademais, considera que por ser unha obra de carácter supramunicipal, a competencia radica nos órganos competentes da Comunidade Autónoma galega.

33. Maniféstase a oposición á autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do aproveitamento con base na non necesidade, xa que a Comunidade Autónoma de Galicia non é deficitaria de enerxía eléctrica e produce máis do que consome, prevíndose un aumento dos excedentes como consecuencia da produción eólica e das centrais de ciclo combinado.

34. Co proxecto prímase a produción eléctrica á demodulación de caudais que o xustifican, xa que o volume de resgardo do encoro proxectado é moi

superior ao que o propio proxecto considera necesario para tal demodulación. Ademais, o tipo de réxime de funcionamento que se establece para o salto non é demodulador senón fluente, de aí a súa non-necesidade para o fin para o que foi creado, incumprindo o principal argumento en que se xustifica este encoro, a demodulación. Neste mesmo sentido considérase que, cunha diminución da potencia das turbinas que se van instalar se reduciría o salto necesario e por tanto a altura das presas, conseguíndose salvar así algúns quilómetros de río moi valiosos ambientalmente.

35. Incídese no aspecto de que o volume de resgardo do encoro proxectado é moi superior ao que o propio proxecto considera necesario para tal demodulación, sendo o único que o explica o feito da produción eléctrica. Para que funcionen aceptablemente os grupos hidroeléctricos establécese unha carreira do encoro de 5 m, polo que dunha altura de 23 m da presa só se van utilizar 5, de forma que o volume encorado derivado desa presa só se explica desde o punto de vista da produción eléctrica, non da demodulación.

36. O proxecto parte do suposto de que Portodemouros funciona exclusivamente en función da demanda eléctrica, polo que non se garante que o novo aproveitamento non turbine en función da dita demanda eléctrica.

37. Existe unha contradición entre o caudal máximo que turbina Portodemouros e o que se establecía no proxecto inicial sometido a estudo de impacto de 111.500 l/s, máis acorde coa realidade; esta diferenza favorece claramente as aspiracións da empresa de construír os saltos coa maior altura posible, non tanto para conseguir unha correcta demodulación como para obter unha maior produción eléctrica.

38. A partir do anterior caudal, con desencoros máis acordes coa realidade e cunha explotación racional que compatibilice as necesidades enerxéticas e as ambientais á hora de turbinar os caudais da central de Portodemouros, de forma que se fagan soltas de caudal máis suaves, tal e como establece a lexislación vixente, fai innecesario a construción dos saltos demoduladores entre os que se encontra o de Touro.

39. Considérase que se produciron cambios no proxecto que se somete a información pública respecto a aquel que deu lugar á concesión e que, así mesmo, foi sometido a declaración de impacto ambiental que implica a nulidade do procedemento por causar indefensión sobre os afectados. Entre estas diferenzas que se constatan cómpre salientar que agora os accesos e as instalacións se sitúan no termo municipal de Vila de Cruces e fóra da canle do río, cando antes se prevían no concello de Touro; así mesmo a modificación do proxecto implica unha variación na altura do encoro e na potencia da central, o que repercute na declaración ambiental aprobada no seu día.

40. Relacionado co reproducido no punto anterior, considérase que o Concello de Touro soporta as cargas derivadas da construción do aproveitamento e non obtén ningún tipo de mellora para as súas infraestruturas nin para a facenda municipal.

41. Ademais, o Concello de Touro dá por reproducidas as alegacións á concesión e ao estudo de impacto ambiental xa presentadas no seu momento.

42. Non se considera como válido un proxecto que establece unha cronoloxía das actuacións totalmente desfasada, como se aprecia no seu diagrama de Gant, xa que propón como data de comezo o ano 2002 e como finalización o último trimestre do actual ano 2004, o cal non se pode cumprir.

Durante esta exposición pública fixéronse alegacións en contra da implantación das liñas eléctricas asociadas ao proxecto, as cales non se refliten e non se tomarán en consideración por non seren obxecto deste proxecto; non obstante, será durante a tramitación administrativa das devanditas liñas o momento oportuno de realizar as pertinentes alegacións.

As alegacións específicas á utilidade pública, en concreto, do aproveitamento hidroeléctrico que nos ocupa, tomaranse en consideración no momento da súa resolución polo Consello da Xunta.

Por outra parte, o posicionamento do Concello de Lalín, apoiando a postura do Concello de Agolada, en contra do aproveitamento hidroeléctrico integral da bacía do río Ulla, enténdese que fai referencia aos saltos de Seixo-Belmil, Frádegas, Lamas I e Lamas II, polo que non se terá en conta nesta autorización, e será obxecto de consideración nas autorizacións correspondentes a cada un dos saltos mencionados.

Quinto.-As instalacións do aproveitamento hidroeléctrico do salto nº 2 de Touro, segundo os proxectos visados de construción e de instalacións electromecánicas, teñen as seguintes características:

1. Río: Ulla.

2. Caudal máximo derivado: 60.000 l/s.

3. Desnivel máximo: 23 m.

4. Cota de nivel do encoro: 148 m.s.n.m.

5. Cota de restitución: 125 m.s.n.m.

6. O aproveitamento consta dunha presa coas seguintes características:

-Cota do leito no eixe: 125 m.s.n.m.

-Tipo: de gravidade de planta recta.

-Altura do nivel do encoro sobre o leito: 23 m.

-Lonxitude da coroación: 137 m.

-Altura máxima sobre cimentos: 32,55 m.

-Tipo de desaugadoiro: de labio fixo constituído por dous vans de 25 m de lonxitude cunha pía intermedia de 3 m de largo.

7. Tipo de explotación: fluente.

8. Instalacións electromecánicas:

-O aproveitamento consta do grupo I e do grupo II (caudal ecolóxico):

* Grupo I:

a) Caudal: 45.000 l/s.

b) Turbina: Kaplan de eixe vertical.

c) Salto neto: 22 m.

d) Rendemento do grupo: 0,93.

e) Potencia eléctrica activa: 9.075 kW.

f) Xerador síncrono de 10.083 kVA.

g) Factor de potencia: 0,9.

h) Tensión de xeración: 6 kV.

* Grupo II:

a) Caudal: 15.000 l/s.

b) Turbina: Kaplan de eixe vertical.

c) Salto neto: 22 m.

d) Rendemento do grupo: 0,93.

e) Potencia eléctrica activa: 3.026 kW.

f) Xerador síncrono de 3.362 kVA.

g) Factor de potencia: 0,9.

h) Tensión de xeración: 6 kV.

-Instalarase un transformador trifásico en baño de aceite de 14 MVA cunha relación de transformación de 66/6 kV.

-Un transformador de servizos auxiliares de 250 kVA e 6/0,4 kV de relación de transformación.

-Instalacións de protección, manobra, mando, sinalización, medida e interconexión.

-Potencia total: 12.101 kW.

-Produción media anual: 30,89 GWh.

Sexto.-As delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña e Pontevedra emitiron informe favorable propoñendo a autorización das instalacións electromecánicas do proxecto que nos ocupa.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo; o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos, modificado polo Decreto 82/2004, do 23 de abril, con relación ao Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan com

petencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora, e do resto de documentación existente no expediente, queda de manifesto o seguinte:

a) Este aproveitamento hidroeléctrico axústase ao establecido na lexislación vixente en materia de enerxía, augas e ambiente, xa que:

-A autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución realízase con base no artigo 123 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas; Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve.

-A concesión de augas e a aprobación dos proxectos construtivos resolvéronse segundo o establecido no Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

-A declaración de impacto ambiental realizada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente realizouse segundo o establecido no Decreto 442/1990, do 13 de decembro, de declaración de impacto ambiental para Galicia.

b) A viabilidade ambiental condicionada deste e os demais aproveitamentos involucrados no aproveitamento hidroeléctrico integral da bacía do río Ulla queda establecida coa declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente do 20 de febreiro de 2001, na cal se reflite a tramitación levada a cabo, de forma que as alegacións de tipo ambiental non especificamente contestadas nesta resolución de autorización se consideran respondidas pola devandita declaración ambiental. Así, para a formulación da anterior declaración, o órgano ambiental contou coa documentación ambiental a que fai referencia o artigo 3º do Decreto 442/1990, tanto de tipo xeral para o aproveitamento integral da bacía, como particular para cada un dos saltos, elaborada e achegada pola empresa promotora, así como cos informes emitidos polas direccións xerais de Montes e Medio Ambiente Natural, Saúde Pública e Patrimonio Cultural e Urbanismo, e coa

documentación adicional realizada pola empresa con obxecto de completar as carencias observadas na documentación ambiental inicial.

Co fin de considerar o aproveitamento como ambientalmente viable, inclúense na anterior resolución dous condicionados de obrigado cumprimento para o promotor: un específico, relativo ao réxime

de caudais e á súa variación, á instalación dun dispositivo de aireación para a mellora da calidade das augas turbinadas, á instalación dun mecanismo de remonte para as especies piscícolas e ao réxime de caudais ecolóxicos (os cales quedan desta forma fixados), e outro xeral, no cal se asegura a protección da atmosfera, do solo, da auga, da vexetación, da fauna, da paisaxe e do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico da zona afectada, establecéndose as actuacións que se van realizar en canto a xestión de residuos, restauración e programa de vixilancia ambiental.

Para rematar, facemos notar que na formulación da resolución ambiental se tivo en conta tanto o efecto socioeconómico do proxecto, por estar este presente na documentación avaliada, como a lexislación específica de pesca, de residuos, do solo, de patrimonio cultural e de protección contra a contaminación acústica.

c) Baseándose no dito anteriormente, considérase que as alegacións referentes ao efecto socioeconómico do proxecto están respondidas coa comentada declaración de impacto.

d) Segundo o reflectido no punto anterior, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental tivo en conta a documentación elaborada e remitida pola empresa promotora en decembro de 2000 co obxecto de completar as carencias observadas na documentación ambiental inicial. O anterior órgano ambiental ditou a declaración ambiental do 20 de febreiro de 2001 sen someter a información pública a nova documentación achegada, aínda que, segundo o establecido no artigo 5, punto 3º, do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, unha vez realizada a información pública e á luz dos informes e alegacións formuladas, puidese completar o estudo de impacto ambiental previamente á formulación da declaración mediante un requirimento do órgano substantivo a expensas do establecido polo órgano ambiental, sen que por iso esa documentación teña por que someterse a información pública. Ademais, o feito de que a dita documentación non se sometese ao trámite de

información pública non afectaría resolución de Augas de Galicia referente á modificación da concesión que afecta o salto de Touro, xa que se trata dun requirimento que incide sobre temas ambientais que se consideran resoltos coa declaración ambiental.

e) As alegacións relativas á fauna, á flora, á agricultura, á afección paisaxística, á contaminación acústica, ás oscilacións de caudais, á deterioración da calidade da auga polos desaugadoiros de fondo, ao normal desenvolvemento das poboacións piscícolas locais, ao movemento das especies e á contaminación que se produciría no río por diferentes motivos, así como as súas consecuencias e as súas posibles medidas correctoras, considéranse contestadas, tal e como dicimos no punto anterior, nos condicionados da declaración de impacto ambiental e da modificación da concesión.

f) A documentación relativa á valoración de impactos no patrimonio cultural está vinculada ao condicionado xeral da declaración ambiental, e non se desprende da declaración que fose necesaria a súa información pública.

g) Este órgano substantivo en materia de enerxía non ten constancia de que o órgano ambiental considerase que se producisen cambios nos proxectos avaliados susceptibles de causar tanto a revisión deles como o sometemento deles a unha nova información pública.

h) Coa formulación da declaración de impacto ambiental e a autorización da modificación da concesión considérase que a solución proposta con relación aos saltos demoduladores é a que mellor compatibiliza as necesidades enerxéticas e ambientais á hora de turbinar os caudais de solta da presa de Portodemouros.

i) Estímase que coa declaración ambiental se consideran os impactos globais resultantes da implantación dos demais saltos proxectados ao incluírse todos eles na declaración, xa que esta abrangue o aproveitamento hidroeléctrico integral da bacía do Ulla.

j) A declaración de impacto ambiental fai compatible o proxecto ambientalmente falando, co que non se atenta contra a Lei de protección ambiental de Galicia e a súa planificación hidrolóxica.

k) O desenvolvemento do proxecto que nos afecta axústase ao establecido no artigo 45 da Constitución, xa que non se vulnera ningún dereito nin ningún deber en materia de ambiente. Para iso a Administración competente en cada caso, e baseándose na lexislación vixente, procedeu á declaración de impacto ambiental, á autorización da modificación da concesión e á aprobación dos proxectos construtivos, estando todos estes actos administrativos, en caso de irregularidades, suxeitos ás actuacións administrativas e xudiciais que o ordenamento xurídico legal establece.

l) Contra a Resolución do 20 de febreiro de 2001, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como acto administrativo que é, puidéronse interpor no seu momento os recursos administrativos aplicables ao caso, tal e como establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

m) O Decreto 442/1990, do 13 de decembro, de declaración de impacto ambiental para Galicia, no punto 7º do artigo 5, establece que a declaración ambiental debe facerse pública en todo caso mediante a súa inserción no Diario Oficial de Galicia, aínda que non establece os prazos nin a orde, anterior ou posteriormente a outros actos administrativos, en que deba selo.

n) As alegacións correspondentes á modificación da concesión, como poden ser, entre outras, as alegacións relativas á xustificación ou validez da modi

ficación concesional, aos estudos de caudal concesional, ao volume de resgardo, á cota de restitución ao leito público, así como as correspondentes ao proxecto construtivo do salto de Touro, considéranse resoltas coa concesión e a aprobación do proxecto dos aproveitamentos involucrados no aproveitamento hidroeléctrico integral da bacía do río Ulla do 23 de abril e 13 de decembro de 2001. Nas devanditas resolucións asegúrase o carácter vinculante do disposto na declaración ambiental do 20 de febreiro de 2001 e o obrigado cumprimento do establecido no Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

o) A non-tramitación en competencia da modificación da concesión realizouse con base no establecido no artigo 151 do Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

p) Segundo o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, a concesión non se pode entender caducada polo tempo transcorrido sen levarse a cabo, senón que é necesario tramitar o procedemento de forma específica para concluír, se fose o caso, na caducidade, procedemento que non foi iniciado ata a data polo organismo de bacía.

q) O feito de que os aproveitamentos hidroeléctricos do aproveitamento integral da bacía do río Ulla formen parte da declaración de impacto ambiental formulada polo órgano ambiental autonómico, así como o feito de que todos eles esten incluídos na autorización da modificación da concesión e aprobación dos proxectos construtivos, e que o río Ulla, ao seu paso polos concellos que nos afectan, se considere como de interese enerxético no Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia Costa, fai que o proxecto se axuste ao establecido no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e o establecido no propio proxecto de directrices.

Ademais, o anteriormente establecido fai que o aproveitamento hidroeléctrico integral da bacía do río Ulla non sexa contrario á Directiva Marco da Auga da Unión Europea.

r) Esta dirección xeral, ao non ser o órgano competente en materia de augas, carece de datos suficientes como para responder tanto ás alegacións referentes á notificación e publicación da resolución de Augas de Galicia de modificación concesional e utilidade pública para efectos de expropiación forzosa do aproveitamento integral da bacía do Ulla, como ás alegacións referentes ao tempo e á información preferente coa que a empresa promotora contaba para redacción dos proxectos construtivos, en concreto para o salto de Touro, polo que se cada un dos alegantes considera que se produciu algún tipo de falta neste sentido, pode actuar segundo o ordenamento xurídico existente dirixíndose ao órgano competente para tal efecto.

s) O proxecto actualmente sometido a información pública non contradí a resolución de Augas de Galicia pola que se autoriza a modificación da concesión e coincide coas características do proxecto construtivo aprobado, establecendo unha altura desde

a parte máis baixa dos cimentos de 32,55 m, sendo o tramo ocupado polo salto o comprendido entre a cota 148 do nivel do encoro e a de 125 do leito no eixe, que coincide coa de restitución, polo que o desnivel e altura do azude serán de 23 m, quedando 9,55 m como cimentación.

t) O proxecto que con esta resolución se autoriza foi redactado tendo en conta a declaración de impacto ambiental, a modificación da concesión e a aprobación do proxecto construtivo, axustándose ao nelas establecido.

u) Na tramitación da autorización do aproveitamento obxecto desta resolución non se pode considerar que se estableza unha situación de indefensión xa que, tal e como se establece nos antecedentes de feito, se levou a cabo a publicidade que para tal efecto establece a lexislación en materia de enerxía.

v) A autorización destes aproveitamentos non ten como obxectivo aumentar a produción enerxética de Galicia; pola contra, o seu obxectivo é a obtención dunha produción eléctrica a partir dun recurso natural que poderiamos denominar como limpo, o cal contribúe á redución do consumo dos combustibles convencionais con todas as vantaxes que iso leva consigo.

w) Tal e como se establece nos proxectos, na declaración ambiental e nas autorizacións de augas, á parte de que os saltos demoduladores realicen un aproveitamento hidroeléctrico resultante do aproveitamento dos desniveis dos azudes que se van construír, e independentemente de que o seu réxime de funcionamento sexa fluente ou non, estes saltos teñen a misión principal de regular, remodular os caudais das soltas da presa de Portodemouros, independentemente de que os devanditos caudais se utilicen ou non para fins eléctricos.

x) Unha vez consultado o proxecto construtivo aprobado por Augas de Galicia, considérase que non existen cambios substanciais con respecto ao proxecto sometido a información pública para a autorización que nos ocupa. Segundo isto, e unha vez examinados os proxectos construtivos e de instalacións electromecánicas, constátase que a central do aproveitamento será a pé de presa e situada na marxe esquerda do río Ulla, no termo municipal de Vila de Cruces, Pontevedra.

y) O establecido no diagrama de Gant considérase unha estimación, xa que ata que no se teñan os permisos e autorizacións pertinentes non se poderán acometer os traballos previstos; non obstante, e segundo o establecido no proxecto construtivo, o prazo de execución das obras empezará a contarse a partir do vixésimo día posterior á recepción, por parte do adxudicatario, da orde da empresa promotora de iniciar as obras.

z) A autorización e aprobación de proxecto outorgarase independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provin

cial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

aa) As liñas eléctricas forman parte de proxectos específicos independentes, os cales levan a súa tramitación correspondente.

bb) As alegacións correspondentes a temas relativos ao carácter supramunicipal do proxecto teranse en conta na tramitación da súa declaración definitiva por parte do organismo autónomo Augas de Galicia.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

Autorizar administrativamente as instalacións electromecánicas do salto nº 2, central de Touro, promovido pola empresa Unión Fenosa Generación, S.A., nos termos municipais de Touro (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra).

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Segunda.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, perante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2004.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA

E DESENVOLVEMENTO RURAL