DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 27 de decembro de 2004 Páx. 18.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo regulador das condicións laborais dos funcionarios ao servizo do Parlamento de Galicia.

Visto o texto do acordo regulador das condicións laborais dos funcionarios ao servizo do Parlamento de Galicia que tivo entrada nesta delegación provincial o día 8-11-2004, suscrito polo Parlamento de Galicia e por UGT, CC.OO., e CIG o 6-10-2004, e ratificado pola Mesa do Parlamento na súa sesión de 13-10-2004, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, segundo a redacción dada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar o depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de novembro de 2004.

Cristina Azpilcueta González

Delegada provincial da Coruña

Acordo da mesa de negociación da Administración do Parlamento de Galicia polo que se determinan as condicións laborais do persoal funcionario ao seu servizo para o período 2004-2006.

En Santiago de Compostela, o 6 de outubro de 2004, a representación da Administración do Parlamento de Galicia e as representancións das organizacións sindicais Unión Xeral dos Traballadores (UGT), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Converxencia Intersindical Galega (CIG), tras o proceso de negociación levado a termo de acordo co previsto nas normas en materia de representación, participación e determinación das condicións de traballo do persoal ao servizo do Parlamento de Galicia (DOG nº 236, do 9 de decembro de 2002), conveñen en subscribir este.

Acordo da mesa de negociación da Administración do Parlamento de Galicia polo que se determinan as condicións laborais do persoal funcionario ao seu servizo para o período 2004-2006.

Primeiro.-Ámbito de aplicación.

Este acordo seralle aplicable ao persoal funcionario que presta servizos na Administración do Parlamento de Galicia nos termos e co alcance que se determina nel.

Segundo.-Contido.

I. Novo Estatuto de Persoal do Parlamento de Galicia.

Consonte o establecido no Plan operativo de reestruturación integral da Administración do Parlamento aprobado por acordo da Mesa do Parlamento do 4 de xuño de 2001, recoméndase que o novo Estatuto de Persoal teña rango de lei.

Sen prexuízo das competencias dos órganos correspondentes da Cámara, o proxecto do novo estatuto de persoal, seguindo a tendencia das administracións parlamentarias, clasificará os corpos e, se é o caso, as escalas en catro grupos (A, B, C e D) e establecerá os mecanismos que posibiliten o acceso por promoción interna.

II. Organización administrativa-funcionarial.

A) Criterios xerais de clasificación dos postos.

1. Clasificación en niveis.

Para a determinación dos niveis dos postos seguiranse os parámetros seguintes:

* Os tipos xenéricos e abstractos de postos que se detallan no cadro seguinte que se utilizarán como estándares de valoración para os efectos de asignarlles un nivel aos correspondentes postos de traballo.

Estándares de valoraciónNiveis

Postos directivos superiores que abarcan unha das catro grandes áreas administrativas de xestión: xestión administrativa, xurídica, económica, e de réxime interior e persoal.30

Postos de xefatura de servizo que exercen funcións directivas e facultativas nalgunha das subáreas nas que se dividen as catro grandes áreas administrativas de xestión27-28

Postos de xefatura de sección que exercen funcións executivas de coordinación e facultativas baixo a dependencia directa dunha xefatura de servizo ou dunha dirección.26

Postos de asesoramento xurídico, económico, técnico superior e de defensa en xuízo que poden levar consigo funcións de planificación, coordinación e supervisión.30

Postos facultativos que poden levar consigo funcións de xestión administrativa superior, coordinación e supervisión.23-26

Postos de xestión administrativa que poden desenvolver tamén funcións técnicas complementarias das funcións facultativas.20-22

Postos de xestión administrativa de apoio a postos directivos ou facultativos.18-19

Postos de asistencia administrativa.15-17

Postos de apoio material ou de asistencia xeral:-Xefaturas-Postos auxiliares subalternos-Postos subalternos14-17

14

12-13

* Os intervalos de niveis establecidos no artigo 19 do decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicable supletoriamente ao persoal do Parlamento de Galicia (art. 1.4º do regulamento). Os subliñados intervalos empregaríanse como un criterio corrector pois a cada grupo funcionarial correspóndelle un intervalo e os postos deben quedar adscritos a grupos e dentro deles ao corpo, escala, categoría, clase ou tipo de praza que se considere axeitado para posibilitar o exercicio das funcións do posto.

* Os criterios orientadores establecidos no plan de mellora organizativa e de xestión aprobado polo acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 21 de maio de 2002.

2. Instrumento de execución.

Os postos de traballo clasificados catalogaranse a través dunha RPT que se aprobará pola Mesa do Parlamento, ao abeiro do artigo 60.2º do RPG.

3. Prazo de execución.

3.1. Elaboración da RPT.

O procedemento de elaboración da RPT seguirá os trámites específicos establecidos no plan operativo de reestruturación, sen que exceda dun mes desde a entrada en vigor do acordo.

3.2. Modificación dos criterios xerais de valoración dos postos.

No prazo dun mes desde a entrada en vigor do novo EPPG e antes da adaptación, se é o caso, da RPT aplicable nese momento ao dito estatuto, a comisión de seguimento do acordo estudará a viabilidade técnica de modificar os criterios xerais de valoración establecidos no punto 1 anterior, que deberán gardar a necesaria proporcionalidade entre os grupos e, igualmente, as formas de provisión dos postos de traballo.

3.3. Modificación da RPT para adecuala, se é o caso, ao novo EPPG.

No prazo de dous meses desde a entrada en vigor do novo EPPG, a RPT aplicable nese momento deberá adaptarse, se é o caso, ás previsións establecidas nel.

B) Adecuación do persoal á RPT.

O persoal funcionario será acomodado á RPT mediante a asignación definitiva dun posto cun contido funcional esencialmente igual ao que viña desempeñando con carácter definitivo, sen mingua nas retribucións complementarias que viña percibindo.

C) Formas de provisión dos postos.

Os postos de traballo proveranse mediante os sistemas seguintes:

1. O posto de letrado-oficial maior é libremente elixido pola Mesa de entre os letrados do Parlamento, conforme o artigo 62.2º do RPG.

2. Postos de director.

Os postos de director son de planificación xeral, coordinación e supervisión das catro grandes áreas funcionais nas que se articula a actividade da Administración parlamentaria: xestión parlamentaria, xurídica, económica, e réxime interior e persoal. Consecuentemente, resulta recomendable prover os ditos postos por libre designación, sistema que facilita a remoción do directivo cando se estime que non desempeña eficaz e eficientemente o seu cometido.

3. Postos de xefe de servizo.

Os postos de xefe de servicio son de programación, xestión, impulso e control da subárea funcional de xestión que lle corresponde á unidade orgánica en que está integrada o posto. Polas mesmas razóns indicadas para o posto de director, estes postos deben dotarse tamén por libre designación.

4. Postos de xefe de sección.

Os ditos postos son directivos, facultativos e de execución, conforme as directrices establecidas polos xefes superiores. Por esta razón, enténdese que deben proverse por concurso.

Quedan, porén, excluídos os postos de xefatura configurados orixinariamente como prazas singulares de ingreso.

5. Postos non directivos.

O seu carácter técnico- facultativo, administrativo ou de apoio material xustifica que sexan provistos por concurso.

Exceptúanse os postos equivalentes a postos de secretarios/as da Oficialía Maior e de Intervención xeral que, polas especiais características das súas funcións, en parte confidenciais, se recomenda a súa cobertura por libre designación entre funcionarios pertencentes ás categorías de auxiliar administrativo e administrativo do Parlamento de Galicia.

Así mesmo, o posto equivalente a un de porteiro maior, tendo en conta as funcións que desenvolven postos desta natureza, proverase polo procedemento

de libre designación entre o persoal funcionario pertencente á categoría de porteiros.

D) Sistemas de ingreso libre.

Para a cobertura de prazas ocupadas por persoal interino utilizarase o sistema de concurso-oposición. Nas restantes prazas a forma de ingreso será o sistema de oposición libre.

E) Sistemas de acceso por promoción interna.

O sistema de acceso por promoción interna será o concurso oposición.

F) Fomento da promoción interna.

1. Consideracións xerais.

O correcto desenvolvemento das competencias das diferentes unidades que conforman a Administración parlamentaria e que figuran no Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia (BOPG núm. 362, do 27 de maio de 2003), exixe contar co persoal coa titulación e experiencia axeitadas.

Entre as medidas encamiñadas a modernizar a Administración do Parlamento está a de posibilitar que o persoal funcionario de carreira desa administración poida, por promoción interna, acceder ao grupo de titulación inmediato superior ao que pertence non só para desenvolver máis eficientemente un posto de traballo senón tamén para ampliar as súas expectativas de carreira administrativa.

1.1. Promoción interna do persoal funcionario pertencente ao grupo E.

Promoveranse medidas que faciliten a promoción interna dos funcionarios pertencentes ás categorías funcionariais clasificadas no grupo E.

O acceso farase por concurso-oposición.

Na fase de concurso valoraranse méritos relacionados cos postos de traballo desempeñados, co nivel de formación e coa antigüidade.

Na fase de oposición exixiranse fundamentalmente coñecementos especializados derivados das competencias das unidades administrativas nas que estean adscritos os correspondentes postos de traballo e das funcións que definen o contido destes.

1.2. Promoción interna do persoal funcionario pertencente ao grupo D.

Promoveranse medidas que faciliten a promoción interna dos funcionarios pertencentes ás categorías funcionariais clasificadas no grupo D.

O acceso farase por concurso-oposición.

Na fase de concurso valoraranse méritos relacionados coa carreira e cos postos de traballo desempeñados, co nivel de formación e coa antigüidade.

Na fase de oposición exixiranse fundamentalmente coñecementos especializados derivados das competencias das unidades administrativas na que estean adscritos os correspondentes postos de traballo e das funcións que definen o contido destes.

Os funcionarios do grupo D que carezan do título de bacharelato ou equivalente poderán participar nas convocatorias de promoción ao grupo C, sempre que teñan unha antigüidade de dez anos no grupo D ou de cinco anos nel máis a superación dun curso específico de formación.

1.3. Promoción interna do persoal pertencente ao grupo C.

Deberán potenciarse accións de formación especializada e técnica co obxecto de limitar os solapamentos funcionais que, sobre todo en tarefas de xestión administrativa, poden producirse co persoal do grupo D.

Nos concurso en que funcionarios do grupo C compitan con outros do grupo D, primarase a pertenza ao primeiro.

2. As probas de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes ás de ingreso.

En cada convocatoria reservarase a totalidade das prazas para a súa provisión en quenda restrinxida por promoción interna, sempre que exista persoal en condicións de concorrer.

O disposto nos parágrafos anteriores debe entenderse sen prexuízo da promoción interna xeral para o persoal pertencente aos grupos E e D, en consoancia co indicado no punto I deste acordo.

G) Ofertas de emprego público.

As medidas de promoción interna previstas na letra F) deberán ser compatibles coas decisións de creación de novas prazas de ingreso libre na función pública parlamentaria, cando o persoal en activo sexa insuficiente para a cobertura dos postos vacantes.

H) Mobilidade entre administracións.

1. Carreira interadministrativa.

Adoptaranse as medidas que permitan a mobilidade recíproca entre o persoal funcionario da Administración do Parlamento e o doutras administracións, sobre todo o da Comunidade Autónoma de Galicia, para facilitar a carreira administrativa.

2. Instrumento de execución.

Convenio con outras administracións públicas.

3. Prazo de execución.

Un ano desde a aprobación do novo EPPG.

I) Plan de formación.

1. Plan de formación xeral.

Impulsarase a elaboración dun plan de formación integral e permanente do persoal destinado a mellorar a súa capacitación profesional e cos seguintes obxectivos básicos: facilitar a integración das persoas que acababan de incorporarse á Administración parlamentaria á súa estrutura organizativa, fomentar a comunicación interna, potenciar o traballo en equipo, mellorar o rendemento e a motivación do persoal, e facilitar a súa adaptación aos cambios nos métodos de traballo.

2. Instrumento de execución.

Acordo da Mesa do Parlamento de aprobación do Plan de formación xeral.

3. Prazo de execución.

Seis meses desde a dotación da Unidade de Recursos Humanos da Dirección de Persoal e Réxime Interior.

III. Materias de carácter social.

A) Préstamos para adquisición de vivenda.

1. Características.

-Ampliarase o capital a 60.000 euros.

-As posibles variacións do tipo de xuro, tanto a alza como á baixa, repartiranse ao 50% entre o Parlamento e o funcionario.

-No caso de que o funcionario perda a situación de servizo activo, deberá asumir o pagamento íntegro das cotas do préstamo, pero non será necesario que cancele o préstamo.

2. Instrumento de execución.

Modificación da norma actual reguladora do convenio para a obtención de préstamos subvencionados ou, se é o caso, a aprobación dunha nova.

3. Prazo de execución.

Un mes desde a entrada en vigor do acordo.

B) Anticipos reintegrables.

1. Importe.

Poderanse conceder anticipos reintegrables por un importe máximo equivalente ás retribucións líquidas de dúas mensualidades para os grupos A e B e tres mensualidades para os grupos C, D e E, que deberán devolverse nun prazo máximo de 16 meses.

A súa concesión terá como límite o crédito consignado para cada ano na correspondente partida orzamentaria.

2. Instrumento de execución.

Aplicación directa do acordo desde a súa entrada en vigor.

C) Bonos de comedor.

1. Importe.

A subvención fíxase na contía do 50% do prezo do menú.

2. Instrumento de execución.

Aplicación directa do acordo desde a súa entrada en vigor.

D) Fondo de acción social.

1. Importe.

Increméntase o fondo de acción social dos funcionarios do Parlamento en 12.000 euros que se fará efectivo en dúas fases: a primeira, de 6.000 euros, para o ano 2005 e a segunda, de 6.000 euros, cando o cadro de persoal da Cámara quede completado.

2. Instrumento de execución.

Aplicación directa do acordo desde a súa entrada en vigor.

IV. Materias de carácter económico.

A) Gratificacións por servizos extraordinarios.

1. Importe.

Durante a vixencia do acordo, as horas extraordinarias incrementaranse na mesma porcentaxe que se lles aplique ás retribucións básicas e complementarias.

O importe das horas para o ano 2004 é o seguinte:

GruposHoras normaisHoras nocturnas e sábadosHoras en festivos

A30,62 A33,68 A44,40 A

B16,84 A24,50 A32,92 A

C15,69 A23,73 A30,62 A

D-E13,40 A19,90 A26,79 A

En todo caso, adoptaranse as medidas precisas e efectivas para reducir os servizos extraordinarios fóra do horario normal do persoal.

2. Instrumento de execución.

Aplicación directa desde a entrada en vigor do acordo.

B) Retribucións.

1. Importe.

1.1. Retribucións básicas.

O importe das retribucións básicas está fixado na lexislación xeral, sen prexuízo das especialidades establecidas no EPPG verbo das pagas extraordinarias.

No novo EPPG deberá respectarse o réxime actual aplicable ás pagas extraordinarias.

1.2. Retribucións complementarias.

1.2.1. Complemento de destino.

O importe dos complementos de destino dependen do nivel asignado a cada posto e vén determinado na lexislación xeral.

1.2.2. Complemento específico.

Os complementos específicos determinaranse tendo en conta as funcións que se lle asignen aos postos de traballo na RPT.

Efectuaranse as adecuacións retributivas procedentes cando se modifiquen as funcións dos postos de traballo.

2. Instrumento de execución.

Aplicación a través do cadro orzamentario e da RPT.

V. Vacacións.

1. Regulación.

Incorporarase a reforma realizada na Lei da función pública de Galicia mediante a Lei de medidas tributarias e administrativas para 2004. Igualmente, no caso de desfrute de 23 días naturais de vacacións nos meses de xullo ou agosto, terase dereito ao goce de dous días hábiles adicionais que se acumularán a aqueles.

2. Instrumento de execución.

Aplicación directa do acordo desde a súa entrada en vigor sen prexuízo da modificación das normas reguladoras das vacacións do persoal funcionario do Parlamento de Galicia (BOPG nº 233, do 11 de febreiro de 1999).

3. Prazo de execución.

As normas deberán modificarse nos quince días naturais seguintes á entrada en vigor do acordo sen prexuízo da eficacia directa deste.

VI. Xornada e horarios.

1. Xornada continua.

-Estudarase a posibilidade de establecer unha xornada continua naqueles postos nos que por razóns de servizo sexa viable.

-Establecerase a xornada continua para todo o persoal na Semana Santa (luns, martes e mércores) e semana de Nadal (desde o remate do Pleno de orzamentos).

2. Instrumento de execución.

Aplicación directa do acordo desde a súa entrada en vigor sen prexuízo da modificación das normas reguladoras da xornada laboral semanal e do horario do persoal e de funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia (BOPG nº 681, do 30 de xaneiro de 2001).

3. Prazo de execución.

As normas deberán modificarse nos quince días naturais seguintes á entrada en vigor do acordo sen prexuízo da eficacia directa deste.

VII. Conciliación da vida familiar e laboral.

1. Xornadas especiais.

- O persoal funcionario cun fillo menor de nove meses, sen prexuízo do permiso ao que ten dereito segundo a lexislación xeral, poderá solicitar o réxime de xornada continua ata que o fillo cumpra a dita idade.

-O persoal funcionario que teña que encargarse do coidado do cónxuxe ou dun familiar por vínculo de consanguinidade ou adopción ata o 1º grao na liña recta, que sexa minusválido físico, psíquico ou sensorial, ou que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe unha actividade retribuída, poderá solicitar que se lle dispense de traballar catro tardes á semana.

2. Instrumento de execución.

Aplicación directa do acordo desde a súa entrada en vigor sen prexuízo da modificacións das normas reguladoras da xornada laboral semanal e do horario do persoal e de funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

3. Prazo de execución.

As normas deberán modificarse nos quince días naturais seguintes á entrada en vigor do acordo sen prexuízo da eficacia directa deste.

VIII. Comisión de Seguimento.

Constitúese unha comisión paritaria de seguimento, interpretación e desenvolvemento do acordo.

A comisión estará composta por doce membros que se distribuirán da seguinte maneira:

a) En representación do persoal funcionario:

-Tres representantes sindicais, un por cada unha das organizacións sindicais asinantes do acordo.

-Tres representantes designados pola Xunta de Persoal.

b) En representación da Administración parlamentaria:

-Seis representantes designados pola Mesa do Parlamento.

A comisión constituirase no prazo máximo dun mes, contado desde a entrada en vigor do acordo.

Correspóndelle á comisión ás seguintes funcións:

a) Interpretar a totalidade das cláusulas do acordo.

b) Vixiar o cumprimento do pactado.

c) Desenvolver aquelas materias sobre as que o acordo así o estableza.

d) Acordar o seu propio réxime de funcionamento, adopción de acordos e calendario das reunións.

A comisión reunirase como mínimo unha vez cada ano de vixencia do acordo e con carácter extraordinario cando as circunstancias así o fagan preciso. A comisión reunirase por petición da representación da Administración do Parlamento, dun dos representantes das organizacións sindicais ou da Xunta de Persoal.

Os acordos procuraranse tomar por asentimento dos membros presentes. Porén, no caso de discrepancia, será preciso o voto favorable de, cando menos, dez membros.

Os compromisos que se alcancen na Comisión Paritaria vincularán a ambas as dúas partes nos mesmos termos ca o presente acordo.

O seguimento ordinario do cumprimento do acordo corresponderalle á Xunta de Persoal.

IX. Vixencia do acordo.

O acordo, tras a súa ratificación pola Mesa da Cámara, entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e terá unha vixencia ata o 31 de decembro de 2006. Cumprido o prazo de vixencia, prorrogarase ata a entrada en vigor dun novo acordo.

Dolores Villarino Santiago, (vicesecretaria do Parlamento); Rosario Valledor Puente, (Unión Xeral de Traballadores-UGT); Juan Pedrosa Vicente, (secretario do Parlamento); Miguel Ángel Dono Gómez, (Unión Xeral de Traballadores-UGT); José Ramón Cólera Leirado, (oficial maior do Parlamento); José

Emilio Doforno Guzmán, (Comisións Obreiras-CC.OO.); José Mª Ameijenda Cuns, (Interventor do Parlamento); Concepción Trasande Sorey, (Comisións Obreiras-CC.OO.); Juan Carlos Caride Puente, (letrado do Parlamento e delegado en materia de persoal); Anxo Noceda Carballo, (Converxencia Intersindical Galega-CIG).; Raquel Rodríguez Carro, (letrada do Parlamento); Xan Carlos Ansia Rodríguez, (Converxencia Intersindical Galega-CIG).

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA