DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 24 de decembro de 2004 Páx. 18.096

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ANUNCIO do 16 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da nova estrada de conexión N-640 coa N-550. Treito: variante de Vilagarcía de Arousa. Clave PO/01/003.00.

Con data do 14 de decembro de 2004, o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro (Orde do 6 de marzo de 2003, Diario Oficial de Galicia do 12 de marzo), vistos o informe da análise das alegacións e por proposta de trazado definitivo da Subdirección Xeral de Estradas, e a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, resolveu o seguinte:

Primeiro.-Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da nova estrada de conexión N-640 coa N-550. Treito: variante de Vilagarcía de Arousa.

Segundo.-Na redacción do proxecto construtivo manterase o trazado proposto como definitivo coas seguintes salvidades:

* Habilitarase con beirarrúas nun dos seus lados o treito da PO-548 que vai desde o cruzamento de Bamio-Salgueiral ata o cemiterio.

* Tendo en conta a alegación do Concello de Vilanova de Arousa, na variante suprimirase o treito de vía que parte da glorieta proposta polo Ministerio de Fomento á altura do p.k. 4+500 ata o final, rematando esta cos ramais de baixada e subida desde esta glorieta.

* Levarase a cabo na redacción do proxecto construtivo a proxección dun paso inferior no cruzamento da estrada Trabanca Badiña a Castroagudín.

* Dentro da banda de flutuación, minimizarase á afección aos viñedos situados no contorno dos pp.kk. 1+000 e 6+600.

Terceiro.-O proxecto de construción que desenvolva o proxecto de trazado deberá axustarse ao trazado aprobado, tendo, por motivos construtivos, a posibilidade de flutuar dentro dunha banda de 100 metros a cada lado daquel, que poderá ser de 200 metros nos enlaces.

Cuarto.-Nas fases posteriores do proxecto e execución da obra, cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental.

Quinto.-Consonte establece o artigo 15.3º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia ordénase a modificación ou revisión do planeamento urbanístico dos concellos afectados polo trazado da nova estrada de conexión N-640 coa N-550. Treito: variante de Vilagarcía de Arousa, os cales deberán acomodarse ás determinacións do proxecto de trazado no prazo dun ano desde a súa aprobación.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2004.

Agustín Hernández-Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas